O ano das marabillas

¿Cal é o motor da historia? A economía e as ideoloxías apúntanse como factores relevantes. Mais detrás delas poden estar a xeoloxía, a meteoroloxía ou a velocidade de rotación da Terra: a Natureza, a nai que científic@s e aventureir@s, exploradores e navegantes trataron de desvelar nesta era que vivimos, a “era colombina”.

O tempo e o clima condicionan as colleitas, favorecen excedentes ou truncan froitos. En 1783, a erupción do volcán islandés Laki encheu de néboa os ceos europeos, igual que a do Tambora en 1815 daría lugar ao “ano sen verán” que impulsou o mito de Frankenstein. O verán de 1783 foi treboento en Europa central, e a escaseza inundou Islandia.

Diante de Lois XVI, en Versailles, os irmáns Montgolfier levaron a cabo o primeiro voo en globo tripulado con seres vivos (ovella, parrulo e galo), en agosto de 1783. Seis anos e meses despois, o pazo real era asaltado polo Terceiro Estado. Detrás da revolución de 1789 había un pobo esfameado que reclamaba tamén dereitos políticos, impulsado por unha ideoloxía ilustrada que encamiñaba a quen desexaba ampliar o coñecemento a subir aos ceos e comprobar como era a atmosfera.

E o desexo de coñecer non fixo outra cousa que impulsar o ascenso cara ás alturas de Glaisher e Coxwell, de Piccard, mesmo o desexo de batir récords por parte de Kittinger e Baumgartner.

Aquel 1783 foi tildado de “ano das marabillas”. A historia contemporánea podía ter arrancado alí, e non en 1789. Porque as razóns profundas da historia atópanse na intrínseca natureza da Terra. Somos terrícolas ansiosos por descubrir #AlgoNovoNosCeos.

Esta e moitas outras curiosidades atoparalas no marabilloso último libro de Antonio Martínez Ron, unha verdadeira enciclopedia do descobremento da atmosfera.

Hurdes

Desta comarca de Estremadura falaba Unamuno a comezos do s. XX, prestando atención á súa paisaxe de matogueira e regatos estreitos, tomando nota dos seus habitantes misérrimos, que non “salvaxes”. A imaxe das Hurdes estampouna Buñuel nun documental mítico, inspirado pola leitura dun estudo de Maurice Legendre (*)… E a comarca convertíuse nun exemplo de pobreza e enfermidade a erradicar, que xa fora visitada polo rei Alfonso XIII en 1922. Agora repítese a visita doutro monarca, Felipe VI, cando a despoboación e o turismo rural se teñen convertido en moeda de cambio deste espazo.

Sergio del Molino evidenciouna en “La España vacía”, a xeito de metáfora, lembrando as verbas de Delibes: “Coas Hurdes pasa como co Capital, que todo o mundo fala delas pero ninguén as coñece”. E desglosa esa viaxe de Buñuel “desde a civilización á barbarie”, na que os seus habitantes inspiran compaixón; mais tamén lembra como a propaganda franquista asumíu a mellora das condicións na comarca a xeito de éxito dos “25 anos de paz”, un precedente que inspiraría a Manuel Fraga para realizar a súa viaxe alí en 1976. O autor defínea como “casus belli”, se ben a imaxe que garda dela é moi distinta, despois de morar na Hospedería Hurdes Reales, levantada sobre as ruinas dunha antiga factoría que servira de aloxamento a Alfonso XIII. E agora apenas queda algo das Hurdes de Buñuel, da lenda negra que converteu esta terra en esperpento.

As Hurdes, hoxe, son unha comarca de 6 concellos con case 500 km2. Labirínticas e tópicas, esconden un patrimonio cultural e natural dignos de mención, que festexa o entroido, a matanza do porco e as romarías relixiosas. Terreo avellentado e con poboación minguante (apenas 6.000 habitantes na actualidade, un 25% menos ca hai un século), a súa economía combina a apicultura tradicional co turismo rural en expansión.

Vinganza da xeografía

“Un mundo equilibrado é un mundo libre”, dicía Mackinder -o autor da teoría do Heartland ou corazón continental; frase bela onde as haxa, que resoa estrana nestes intres en Europa. Porque ben semella que a desorde se ten instalado na xeopolítica internacional, ese campo ao que Robert Kaplan presta grande atención na súa obra #VinganzaDaXeografía.

O realismo político inclúe a consideración do estado de guerra como algo consustancial aos Estados, que sempre han de velar pola súa expansión ou mantemento do statu quo. Porque a paz non é permanente nin eterna; e a xeografía, coas súas imposicións orográficas, climáticas, demográficas,… inflúe de xeito excepcional na configuración do presente e futuro histórico. Unha serie de Estados detentan, segundo a concepción de Kaplan, o poder esencial sobre a Illa Mundial: Rusia, China, India, Irán, Turquía… E, máis alá, os Estados Unidos de Norteamérica, candidato a perder a hexemonía en tempos vindeiros.

A evolución histórica ten configurado unidades xeográficas que permanecen como suxeitos de poder de forte impacto territorial. Rusia é enorme, mais non ten moita saída a mares cálidos; China reforzouse no contexto da revolución comunista e afianza a súa conexión interna á espera de integrar definitivamente a Taiwan e controlar o espazo marítimo Pacífico-Índico no que se desenvolven as súas redes comerciais; India constitúe a maior democracia do mundo, se ben ten dificultades de artellamento interno e podería verse sometida a tensións co espazo paquistaní e afgano; a alta cultura persa pervive na configuración de Irán como un Estado de forte ascendencia sobre a súa contorna; Turquía podería liderar o control do espazo mediterráneo nun futuro, revivecendo a antiga influencia otomana; Estados Unidos deberá integrarse mellor con México, que representa -xunto cos Estados centroamericanos- unha forza que podería rachar o predominio da cultura angloparlante no SO. do seu territorio.

A xeopolítica retorna como un saber necesario para comprender as tensións xeradas pola “crise do espazo” que o crecemento demográfico e a globalización impulsan no mundo actual. Pero é ben certo que non sabemos en que derivarán as fronteiras actuais en futuros inmediatos. A desorde internacional pode impulsarse en calquera momento, e mesmo poderemos dubidar de se as dúas guerras mundiais do século XX non terán sido “histoire événementielle” -na terminoloxía de Braudel. Igual hai que imaxinar que a historia de longue durée nos pode deparar sorpresas inimaxinables.

O lugar de España

Entre Tailandia e Turkmenistán, España é o 51º Estado do mundo canto a superficie (en torno a 505.000 km2). Era o país 14º do planeta canto a PIB en 2021 -por enriba de Indonesia e por debaixo de Australia. Ocupa, no ránking 2020 de IDH, o posto 25º, cun valor de 0.904 (resultado dunha esperanza de vida media de máis de 83 anos, case 18 anos de escolarización media e máis de 40.000 $ de renda p.c.). Está no posto 24º do Índice Legatum de Prosperidade en 2021, entre Bélxica e Malta.

España é o país do mundo canto a patrimonio da humanidade, segundo a UNESCO, por detrás de Italia e China. Ten unha ratio media de menos de 15 alumnas/os por aula, igual que acontece na meirande parte dos países desenvolvidos. Na clasificación do índice de democracia 2021 elaborado por The Economist, España estaba no posto 24º, entre Israel e Chile, cunha puntuación de 7,9 sobre 10. España ocupaba o posto 30º no índice mundial de fraxilidade (2018) -que determina o nivel de corrupción percibido pola poboación, entre Chile e Polonia. No índice mundial da felicidade, España ocupou en 2021 o posto 27º.

España é un dos 4 países máis extensos e poboados da UE-27. No Parlamento Europeo (con 705 deputados) conta con 59 deputados. Uníuse á CEE en 1986, ao tempo que Portugal, e mantén unha posición xeoestratéxica singular no Oeste do Rimland, en contacto con África.

En suma, España é unha potencia media, empeñada en difundir o soft power da súa cultura e iniciativa emprendedora: un Estado autonómico encadrado na península ibérica -lugar no que o cambio climático antropoxénico se pode cebar nun futuro inmediato. Ten unha desigualdade interna significativa, con desequilibrios territoriais e contrastes entre Norte e Sur. Mais aí está, vendo pasar o tempo, integrada no marco dos valores occidentais, ponte entre África e Europa, entre Ñamérica e Europa.

Europa regina

Une carte de 1570 représente l’Europe comme une reine. C’est l’oeuvre de Sebastien Münster, un cartographe né le jour où Bartolomé Diaz a découvert le Cap de Bonne Espérance (janvier 1489).

La carte imaginaire qui montre l’Europe comme une reine qui a dans ses mains un globe et un sceptre démontre une idée de supériorité de ce continent. La reine symbolise la dominance et la fertilité, caractéristiques du fait historique et géopolitique de l’expansion coloniale à cette époque. L’Europe du XVIème siècle devient le continent de l’initiative des découvertes géographiques. La Grandeur atteint l’Europe, symbolisée par une femme jeune et élégante, qui porte la couronne sur la péninsule ibérique -le territoire le plus entrepreneur des voyages de “découverte”.

L’Espagne est la tête de cette reine mystique. Si avant l’ère moderne l’Espagne n‟existait pas comme une nation, après le mariage des Rois Catholiques elle devient la première puissance économique de l‟Europe tout au long du XVIème siècle et la plupart du XVIIème siècle, une position renforcée par le commerce et par la richesse des possessions coloniales, dont les trois piliers sont la mise en valeur du continent américain avec la production de métaux précieux, l’économie de plantation et la traite négrière. Quelques années plus tard, l’Espagne rejoint le Portugal sous le commandement de Philippe II -celui qui prononce la fameuse phrase: “Dans mes domaines, le soleil ne se couche jamais”.

La carte présente les principaux fleuves de l’Europe (le Rhône, le Rhin, le Vistule, la Danube,…); le coeur appartient à la Bohême, à l’intérieur d’une fertile plaine. Derrière la fôret de l’Est, les russes se cachent. Au-delà de la mer Noire, l’Asie se pointe. Toute une leçon de géopolitique sans avoir conscience du sujet.

Democracias?

https://elordenmundial.com/mapas-y-graficos/el-mapa-del-indice-de-democracia/

O Índice de Democracia de The Economist basea os seus resultados en 60 indicadores, agrupados en categorías diferentes: liberdades civís, eficiencia da administración pública, participación política da cidadanía, cultura e tradición política, e procesos electorais e pluralismo político.

Cando un observa este índice no mundo actual, pode dar a sensación de que a democracia vai gañando, sobre todo despois da caída do muro de Berlín e a “postguerra fría”. Pero non é así: xa nos advertía Robert Kaplan en A vinganza da xeografía que iso parte dunha perspectiva europeo-occidental chea de idealismo. Por contra, a visión realista do mapa de The Economist lévanos a posicións máis hobbesianas -e a dura realidade da guerra ucraína así nolo fai comprobar.

O mundo atópase dividido entre democracias plenas ou deficientes -asentadas preferentemente en Europa Occidental, India, Xapón, Australia e boa parte do continente americano- e réximes autoritarios e híbridos -nos que cabe constatar a presenza de grandes potencias territoriais como China e Rusia. As terras de África central, o Sahel e Oriente Medio concentran as áreas de maior inestabilidade do planeta, alí onde os índices de Gini (+) e Palma (+) son máis desiguais, e as estruturas étnicas e tribais prevalecen na organización das sociedades.

No mapa elaborado por El Orden Mundial sobre o índice de democracia de 2021, os réximes autoritarios e híbridos adiantan ás democracias: 93 contra 74. Quizás o mundo non vive o mellor momento de liberdade, malia que é unha obriga loitar por extendela (e a evolución histórica da mesma -e da propia democracia- nos últimos séculos é sempre positiva). E entón veñen as autoridades chinesas a negarse a contestar preguntas feitas con “criterios occidentais”. Despois de Ucraína asistiremos á invasión de Taiwán?

Donbás

O Donbás é a rexión oriental de Ucraína que foi controlada pola orde rusa dos cosacos do Don desde o século XVI e encheuse de membros desta etnia desde a época de anexión de Catarina a Grande, a finais do século XVIII -e posteriormente tamén na época soviética, cando a explotación do carbón do Donetsk facilitou a industrialización.

Desde 2014, a guerra do Donbás sacude Ucraína, e -trala anexión de Crimea por Rusia– provocou a existencia das autoproclamadas repúblicas populares de Lugansk e Donetsk, que foron finalmente recoñecidas como independentes por Putin o 22/02/2022 (o día do palíndromo, o día do 80º aniversario do suicidio de Stefan Zweig e a súa dona). A guerra, polo tanto, leva oito anos activa, e hai opinións diferentes sobre a identidade da rexión.

Ucraína vese sometida á agresión militar de Putin desde hoxe, 24 de febreiro de 2022, e os acontecementos toman unha relevancia e destino descoñecidos por agora. En todo caso, trátase -aparentemente- do pior conflito en solo europeo desde finais da Segunda Guerra Mundial. Ben que sexa un país bipolar -con claras diferenzas internas, mesmo a nivel de mapa lingüístico e relixioso, é un Estado independente, membro da ONU, xeoestratexicamente situado; non merece ataques do irredentismo ruso nin agresións dun estado anocrático que recupera prácticas que coidabamos esquecidas.

Felicidade

Desde 2012, a ONU elabora o Informe Mundial sobre a Felicidade, como alternativa suplementaria ao IDH que se viña publicando desde 1990. Este informe basea a medida da felicidade humana no PIB p.c., na esperanza de vida saudable, no apoio social e a xenerosidade, na percepción sobre a corrupción e na liberdade individual para escoller o propio camiño na vida. No informe de 2021, seguindo a tendenza dos últimos anos, é Finlandia o país de mellor índice. Dun total de 149 países analizados, o único país europeo por debaixo do posto 100 é Ucraína.

O índice de Prosperidade Legatum, elaborado desde 2007 polo Instituto Legatum -think tank británico, mide a erradicación da pobreza no mundo a base de valores como a saúde, a contorna natural, as condicións de vida, a educación, a liberdade persoal, as condicións empresariais, o acceso a mercado e infraestruturas, o desenvolvemento gubernamental, etc. En 2021, este índice situaba a Ucraína como o último estado europeo, no posto 78 -de 167.

A felicidade ten, quizás, moito de subxectivo. Pero a percepción da xente baséase nas dificultades diarias, á marxe dos indicadores obxectivos. E o “último territorio” (verbas de Andrujovich), ese Estado bipolar que votara de xeito diferenzado xa antes da revolución do Maidán (ver mapas da publicación de Otálora Sechagüe ao final deste documento), neste día do palíndromo (22022022) ven de padecer o comezo dunha nova invasión rusa en Lugansk e Donetsk, recoñecidas unilateralmente por Putin como estados independentes na xeira anterior. A agresión súmase á integración de Crimea en Rusia a finais de febreiro de 2014. Oito anos despois, o fantasma da guerra volve percorrer Europa, un vello continente asolado por conflitos perversos durante séculos.

A felicidade de Ucraína mingua, a da UE pendura dun fío, a dos humanos devece cada vez que o comportamento de Estados xigantes se torna oficio de bullying. Non sei se finalmente se cumplirán os designios de Andrujovich, pero de seguro que a felicidade -que o ser humano pretende acadar e conservar con ilusión desde a Ilustración- se resentirá, sobre todo naqueles fogares puntuais onde a represión dos fortes contra os febles esnaquice vidas. Cada vida conta, o bonheur non debe esmorecer.

Eólicas

Un 14% da potencia eólica instalada en España está en territorio galego. Xunto con Navarra, representan as dúas CCAA con maior densidade eólica da Península Ibérica. Desde finais do s. XX (o plan sectorial eólico de Galicia foi creado en 1997), a enerxía do vento é un dos máis prezados bens da comunidade galega, e máis de 4.000 aeroxeneradores braceaban na nosa terra en 2019 (un por cada 675 habitantes; no concello de Muras, 1 por cada 2 habitantes), concentrados en máis de 170 parques (e hai en proxecto instalar uns 275 máis); ao final pode haber ben máis parques ca concellos.

A eólica foi a primeira fonte de xeración eléctrica en España en 2021, acadando máis do 23% do total da produción no país; xa superou á produción de enerxía nuclear. España é o segundo país europeo por potencia instalada, tras Alemania, e o quinto do mundo tendo en conta aos líderes do ránking (Estados Unidos, China e India). En total, hai máis de 1.200 parques eólicos espallados polo territorio.

A produción desta enerxía acada habitualmente o seu pico no mes de novembro, cando soe haber máis refachos de vento. O verán, con agosto á cabeza, atópase, pola contra, como a estación de menor produtividade. Unha das características de todas as enerxías renovables é, sen dúbida, a súa estacionalidade e irregularidade, vencellada ás condicións climáticas.

A produción eólica, malia favorecer o desenvolvemento sustentable e reducir a nosa dependencia dos combustibles fósiles, ten tamén desvantaxes por mor do seu grande impacto ambiental (cada vez máis, as alturas dos aeroxeneradores increméntanse, e os rotores teñen diámetros que sobrepasan os 150 m.). A “industrialización do monte” en Galicia, por exemplo, provoca unha excesiva concentración de parques en determinadas áreas como as serras septentrionais (Xistral, Capelada,…), nas que o “colapso ambiental” empeza a ser significativo. A constitución de plataformas veciñais contra da instalación de novos parques é un exemplo da oposición social a unha enerxía que, para construir turbinas, pás e torres precisa tamén do uso permanente de combustibles fósiles.

…E máis seca

A secuencia dun outono de 2021 escaso en precipitacións -que continúa nos primeiros meses do inverno de 2022- lévanos a unha situación de seca meteorolóxica -avivada por un anticiclón persistente e estable- e seca hidrolóxica, que se fai sentir nas reservas de auga encoradas: na sexta semana de 2022, os pantanos gardan un 25% menos de auga encorada do que foi habitual en España nos últimos 10 anos.

A situación non é semellante en todas as cuncas, xa que as do Cantábrico oriental e País Vasco recibiron aportacións de frontes do NL, con nevaradas incluídas, que lles axudan a manter os niveis habituais nesta época. Por contra, o SO peninsular, xunto coa metade O, resíntense da ausencia de frontes atlánticas que bañasen estas terras máis a cotío.

España é un país mediterráneo sometido a secas periódicas, que avivecen co quecemento global e poñen en risco o incremento de lumes forestais. Nun gráfico publicado por Dominic Royé observamos a evolución das secas no noso Estado no período 1961-2021. As áreas especialmente afectadas polas secas eran tradicionalmente o interior peninsular e o Mediterráneo; pero cando estas son severas, atinxen tamén ao cadrante noroccidental. De feito, Meteogalicia ten publicado resultados de precipitacións acumuladas e mensuais de distintos lugares de Galicia, nos que é evidente a situación de ausencia de chuvias estacionais de outono-inverno con respecto a anos precedentes; e iso acontece óllese o confín que se olle: A Coruña, Vigo, Serra do Eixe ou Sarria.

Terremotos galegos

Un día despois da actuación de Tanxugueiras nas semifinais do Benidorm Fest, o fondo mariño tremou fronte a Corrubedo, con dous terremotos de magnitude 3.7 e 4.6 na escala Richter -este último de intensidade IV- en apenas unha hora. Son magnitudes que se manifestan no movemento de obxectos e son perceptibles en situacións de repouso -sobre todo no interior de vivendas, a certa altura.

Ata estes tempos, os terremotos que máis sona tiñan na nosa comunidade -na que se di que é improbable que teñamos sismos superiores a magnitude 7- eran os de hai un cuarto de século no triángulo Becerreá-Triacastela-Sarria. En 1997 acadouse un tremor de magnitude 5.1 en Triacastela, e outro con epicentro en Baralla -ese mesmo ano- de 4.9. Os rexistros recollen outro sismo en Becerreá en 1995, de 4.7, e tamén un terremoto en Pontevedra en 1920, con magnitude 4.7; mais está claro que no ránking xa se achega o experimentado hoxe ás 15:44 (hora local).

Moreas de galegas e galegos teñen pataleado polo que se considera tongo na votación da primeira semifinal do Benidorm Fest, pero de seguro que esa non é a causa destes tremores aos que estamos pouco acostumados. Unha vez máis, son consecuencia do reaxuste de placas e microplacas, de fracturas e fallas. O punto concreto dos sismos tivo lugar no extremo da plataforma continental, xa no talude.

A teoría da tectónica de placas amósanos que vivimos nun planeta con continua actividade xeolóxica. As erupcións volcánicas e os movementos sísmicos así nolo lembran. Esta teoría é o modelo científico que se desenvolveu a partir daquela hipótese de Wegener da “deriva continental”. Por certo, ¿sabiades que Wegener casou coa filla de Köppen?

Ñamérica

Hai 50 anos que se publicou “Las venas abiertas de América Latina”, de Eduardo Galeano, obra capital que denunciaba o colonialismo e neocolonialismo como bases do atraso dun amplo territorio que USA considerou unha vez tras doutra unha especie de “patio traseiro”. Aquel relato necesitaba crítica e aggiornamento…

Martín Caparrós busca a esencia do continente americano que fala español en #Ñamérica, un libro que combina as definicións de conxunto coas perspectivas urbanas máis impactantes e recentes dun territorio que vai de Miami a Bos Aires, de Caracas a México, de Managua a Bogotá,…

Ñamérica é herdanza colonial, crioula e cunha crecente reivindicación indixenista -malia que as estruturas de poder siguen amosando un forte contraste entre elites e oprimidos; Ñamérica é continente violento, masacrado polas mafias da droga e as guerrillas opositoras; Ñamérica sigue a ser de espírito predominantemente católico, malia que o evanxelismo ofrece novas expectativas a unha poboación desigual; Ñamérica berra contra o machismo, ben que esta herdanza colonial xermola no tradicionalismo; Ñamérica exporta materias primas e reguetón, sacude as pistas de baile con ritmos ben distintos e distantes; Ñamérica é escenario da loita entre neoliberalismo e populismo, agora que as vellas ditaduras -non todas- declinan.

Ñamérica pasou de ser unha sociedade agraria e mineira a un espazo ateigado de ranchitos e vilas miseria, cunha poboación urbana chea de contrastes de oportunidades, de loitas que evidencian a crecente desigualdade. O continente reivindica un maior protagonismo, mais mantense baixo o control das economías mundiais predominantes, non gaña pulo industrial e expulsa migrantes. Velaí está, con cidades en eclosión como El Alto -cheas de novos ricos que manteñen tradicións ancestrais- e cidades históricas que buscan reconversión turística, como A Habana; cidades de tango e cidades de poesía, de supervivencia e de manifestación, tal e como Caparrós nolas amosa.

Sustentable?

414 ppm. de dióxido de carbono na atmosfera. Xa nos advertíu James Lovelock hai anos de que non sabemos como pode responder Gaia a partir da concentración de 400 ppm.

1,5 ºC ten aumentado a temperatura media do planeta entre 1850 e 2020. Xa nolo exemplificou Ed Hawkins coas súas warming stripes. Por moito que se amosen, seguirá habendo negacionistas.

COP26 en Glasgow. Xa van 26 cumios da ONU sobre cambio climático antropoxénico, e agora os líderes mundiais reúnense na terra de David Farrier. De seguro que non terán aprendido moito das súas pegadas.

E velaí xurde a figura extraordinaria de David Attenborough, cun discurso vibrante, en puro éxtase. ¿Será quen, coa súa oratoria intrépida, de mobilizar as conciencias de gobernantes e cidadáns? O punch de Greta Thunberg transmútase en polite speech dunha xeración que prega polo futuro dos xoves. E entusiasma ver que as grandes ideas de futuro xurden de nonaxenarios e centenarios; velaí está o optimismo incandescente de Lovelock co seu Novaceno.

Angels Unawares

A migración está no ADN do ser humano. Este leva desprazándose desde que Sapiens partíu de África. Os desprazamentos téñense incrementado no século XXI, e novas categorías de migrantes e migracións xurden.

Coincidindo coa celebración do 105º aniversario do Día Mundial dos Migrantes e Refuxiados, en setembro de 2019, o Papa Francisco inaugurou na Piazza de S. Pietro do Vaticano unha escultura do canadiano Timothy P. Schmalz. Trátase dunha balsa de bronce na que se arremuiñan personaxes de épocas históricas e culturas diferentes, baixo unhas ás de anxo que os aglutinan. A obra leva por título “Angels Unawares” (anxos sen sabelo), e está instalada na marxe esquerda da columnata de Bernini.

A obra de Schmalz é un conxunto abigarrado -de máis de 140 individuos; expresa as condicións de amoreamento en que moitos migrantes chegan aos países do Norte ou moitos refuxiados viven en campos custodiados por ACNUR. Parte dunha reflexión da Epístola aos Hebreos (13:2), de S. Paulo, con vontade ecuménica. Máis alá do significado relixioso, Angels Unawares é un catálogo realista de arquetipos humanos, tratado con moita expresividade e realismo.

La Palma, 2021

O 19 de setembro de 2021 comezou a erupción do volcán de Cumbre Vieja, na illa de A Palma. Acontece 50 anos despois da que tivo lugar en Teneguía, ao S. da illa, en 1971. É unha erupción de tipo estromboliano, con emisións explosivas de cinzas, piroclastos e coadas de lava que sepultaron vivendas e cultivos ao seu paso, camiño do mar, en dirección O.

En tres días, a coada de lava cubríu máis de 150 hectáreas e esnaquizou máis de 300 edificacións, obrigando ao desprazamento de 6.000 persoas. A coada de lava principal ameaza unha zona agrícola ben produtiva, correspondente ao municipio de Los Llanos. É unha das áreas de maior produtividade da illa; en 2017 censábanse neste concello case 300 ha. de invernadoiros e case 1.000 ha. de regadío. As producións agrícolas principais inclúen plataneiras e aguacates. No concello de Tazacorte, a produción de plátanos tamén é ben importante, con case 700 ha. dedicadas en 2017.

O inquebrantable poder da natureza nunha illa volcánica amosa dúas caras sempre presentes: por unha banda, ofrece solos fértiles para o desenvolvemento das actividades agrícolas; por outra, ameaza a actividade humana cun risco natural que esta vez terá consecuencias devastadoras.

As erupcións históricas censadas na illa tiveron ata agora unha duración media de 58 días. A Palma é unha illa en construción. A paisaxe mudará unha vez remate a erupción de Cumbre Vieja.

  • Consulta as actualizacións deste episodio en Twitter (busca:”@_xosea #Xeobach #Vulcanismo”).

Territorios improbables

Pedro Torrijos, arquitecto, conta historias, dá a brasa en twitter. Este ano decidíu recopilar historias singulares nun libro improbable, Territorios Improbables… E tamén sorprendentes!

Ao longo de 50 capítulos agrupados tematicamente en seccións de dez en dez (o que non está, o que non vemos, o hipervisible, o indesexable de ver ou o que non debería existir), o autor viaxa do Mediterráneo ao Pacífico, de Europa a Asia, de Brasil a Australia. Percorremos o mundo en busca do urbanismo de novo cuño, dos edificios macabros e esbeltos, das apostas arquitectónicas máis rompedoras ou daquelas que quedaron abandonadas en medio de desertos ou paradisíacos escenarios de futuro. Do máis elemental ao máis complexo, o autor ilustra con introduccións estéticas ou cómicas, historias arquitectónicas que nos aproximan á esencia da disciplina. Porque non están ausentes as ensinanzas sobre materiais -formigón, pudinga, ferro, arxila, plástico, pedra,…- nin estilos; Torrijos é capaz de facernos entender o barroquismo do Centro Pompidou, o modernismo da City Hall Station, o fachadismo inenarrable de Freddy Mamani. O autor non desaproveita a ocasión para apuntalar informacións sobre os elementos básicos da arquitectura: o espazo, a luz,…

É unha lectura fresca, estimulante. Cada historia é independente e achéganos a espazos que agochan sorpresas e misterios, mesmo cuestionan definicións como a de rañaceos. Citas literarias pertinentes e prefacios sintéticos aproxímannos a Atlantropa, Sealand, Varosha, Shibam, Asmara, Uyuni, Colma, Fordlandia,… Perdámonos!!!!

Ártico

O cambio climático antropoxénico é consecuencia directa do modelo consumista implementado polo capitalismo. Máis alá dos riscos que comporta, modifica tamén os intereses xeoestratéxicos e produtivos en certas áreas.

Hoxe en día, o Ártico está entre as zonas do globo terráqueo onde o cambio climático é máis dramático e perceptible. O quecemento no norte prodúcese o doble de rápido ca o da media mundial, e cada vez acelérase máis, tal e como nos advirte no seu último informe o IPCC.

O paso do Noroeste xa é unha vía de navegación turística e comercial, como nos contou hai unha década Javier Reverte. Recentemente, constátase o mesmo por parte de Erika Fatland no paso do Norleste. A medida que a banquisa languidece, o Ártico ensánchase, e os distintos Estados fronteirizos xa poñen as súas picas para explotar as riquezas minerais que o desxeo permita aproveitar. Ao mesmo tempo, será terra de vixiancia entre bloques militares: a OTAN nunha beira, a expectante Rusia na outra.

O desxeo ártico ameaza con producir catástrofes naturais de dimensións impredecibles. Mentres tanto, os Estados limítrofes ansían a explotación das riquezas petrolíferas e gasísticas que se agochan no océano que baña preferentemente Rusia, Noruega, Dinamarca, Canadá e Estados Unidos. A eles únese China, que quere activar a súa estratexia de transporte pola Ruta da Seda Polar.

Decrecemento por COVID-19

Ven de publicar o INE o dato provisional de nacementos e defuncións no ano 2020. O ano da pandemia acadou un récord de mortalidade inaudito – a cifra máis alta desde 1941, provocado pola sobremortalidade a ela debida. Ademáis, a tendenza á caída progresiva da natalidade -acentuada en tempos de crise- incrementa o saldo vexetativo negativo en España. Os datos son clarificadores: estamos diante dunha sociedade avellentada e con dificultade para manter as cotizacións das pensións (en maio de 2021 hai unha media de 1,95 cotizantes por persoa xubilada). Que nos deparará o futuro?

Capitalismo

Jean Ziegler aproxímanos ao capitalismo como orde caníbal. Cóntallo á súa neta, nun formato que xa se aproxima ao clasicismo, en modo conversa, con verbas claras e directas, ben pensadas para os adolescentes. Na súa versión en español de Ed. Invisibles, o autor inclúe un epílogo escrito durante os primeiros meses da actual pandemia de COVID-19, onde analiza como a deslocalización industrial farmacéutica provocou incapacidade de acción nos Estados ricos europeos:

“O capitalismo mata. Para poder gañar a batalla contra a pandemia temos que derrubar o reinado planetario das oligarquías do capital financieiro globalizado.”

Suez

Unha mole de 400 m de longo e 224.000 toneladas, un portacontedores da navieira taiwanesa Evergreen, encallou este 23 de marzo de 2021 na canle de Suez, unha canle artificial edificada a mediados do século XIX para comunicar directamente o mar Vermello co Mediterráneo a través dunha vía de auga de 193 km de longo e un ancho máximo de 345 m, con 22,5 m de profundidade media. Así se aforraron, por exemplo, 8.000 km de distancia no traxecto marítimo entre Mumbai e Londres, ao evitar a volta transoceánica do Cabo de Boa Esperanza.

A construción da canle moderna, entre Port Said e Suez, iniciouse coa concesión obtida polo diplomático francés Ferdinand de Lesseps, e comezouse formalmente en 1859. Coa participación de máis dun millón e medio de exipcios -dos que morreron uns 125.000 por mor, principalmente, do cólera, a canle foi sucada por primeira vez por un navío en 1867 -ben que a inauguración oficial tivo lugar en 1869, e con ese motivo estaba prevista a estrea da Aida de Verdi.

Despois de ser ocupado polas tropas británicas e declarada zona neutral na Convención de Constantinopla (1888), a canle sería nacionalizada por Nasser en 1956 co gallo de financiar o encoro de Asuán. En 2015 inaugurouse a ampliación recente da canle, baixo o mandato de Al-Sisi.

Un 10% das mercadorías a nivel mundial transitan por esta canle, incluíndo grande parte da importación de petróleo do Golfo Pérsico a Europa. Case 19.000 buques pasaron por el en 2020, mesmo coa redución do tráfico mundial por mor da pandemia.

En 2021 encallou o Ever Given -segundo a compañía, por culpa dunha treboada de pó- e provocou a paralización do tráfico marítimo na zona e a subida do petróleo nos mercados bursátiles. Os portacontedores son cada vez máis grandes e os mares semellan máis estreitos, porque as comunicacións globalízanse, e o tráfico marítimo é o máis importante en tamaño.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑