Suez

Unha mole de 400 m de longo e 224.000 toneladas, un portacontedores da navieira taiwanesa Evergreen, encallou este 23 de marzo de 2021 na canle de Suez, unha canle artificial edificada a mediados do século XIX para comunicar directamente o mar Vermello co Mediterráneo a través dunha vía de auga de 193 km de longo e un ancho máximo de 345 m, con 22,5 m de profundidade media. Así se aforraron, por exemplo, 8.000 km de distancia no traxecto marítimo entre Mumbai e Londres, ao evitar a volta transoceánica do Cabo de Boa Esperanza.

A construción da canle moderna, entre Port Said e Suez, iniciouse coa concesión obtida polo diplomático francés Ferdinand de Lesseps, e comezouse formalmente en 1859. Coa participación de máis dun millón e medio de exipcios -dos que morreron uns 125.000 por mor, principalmente, do cólera, a canle foi sucada por primeira vez por un navío en 1867 -ben que a inauguración oficial tivo lugar en 1869, e con ese motivo estaba prevista a estrea da Aida de Verdi.

Despois de ser ocupado polas tropas británicas e declarada zona neutral na Convención de Constantinopla (1888), a canle sería nacionalizada por Nasser en 1956 co gallo de financiar o encoro de Asuán. En 2015 inaugurouse a ampliación recente da canle, baixo o mandato de Al-Sisi.

Un 10% das mercadorías a nivel mundial transitan por esta canle, incluíndo grande parte da importación de petróleo do Golfo Pérsico a Europa. Case 19.000 buques pasaron por el en 2020, mesmo coa redución do tráfico mundial por mor da pandemia.

En 2021 encallou o Ever Given -segundo a compañía, por culpa dunha treboada de pó- e provocou a paralización do tráfico marítimo na zona e a subida do petróleo nos mercados bursátiles. Os portacontedores son cada vez máis grandes e os mares semellan máis estreitos, porque as comunicacións globalízanse, e o tráfico marítimo é o máis importante en tamaño.

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑