Leonardo Van Eyck

Un fondo de bruma -como na Gioconda– e un interior de loggia con escena relixiosa. Jan Van Eyck constrúe a súa “Virxe do chanceler Rolin” [*] cunha perspectiva albertiana: as baldosas da estancia fúganse cara a un fondo paisaxístico no que un río sinuoso é atravesado por unha ponte e albiscamos a catedral de ¿Liexa?.

O protagonista é un doante ben rico, diplomático de Borgoña, axeonllado diante dunha Virxe que presenta ao Neno Deus, na actitude do futuro Salvator Mundi (bendecindo coa man dereita e coa bola do mundo sostida pola esquerda, un neno con cara de vello). A arcada de medio punto peraltada amosa tres vans que se poderían identificar coa Trinidade, e ofrecen mostras ben significativas do detallismo do pintor flamengo, que fía un mundo nun centímetro cadrado.

Como diplomático de Borgoña, Van Eyck viaxou a unha Italia que se atopaba xa en pleno Renacemento, un territorio no que máis tarde Leonardo da Vinci completaría o estudo da perspectiva e profundizaría no retrato psicolóxico. Co uso do óleo sobre táboa, o pintor flamengo utilizou as veladuras para afirmar a minuciosidade nas súas obras.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑