Pegadas

A pegada do ser humano no planeta Terra en tempos do Antropoceno ha de medirse en toneladas: toneladas de sedimentos desprazadas para a construción de estradas e vías de comunicación, para a posta en marcha de proxectos mineiros e industriais megalómanos; toneladas de biomasa peláxica desaparecida por mor da sobrepesca e dos problemas de eutrofización e acidificación dos mares e océanos; toneladas de refugallos nucleares derivados de probas armamentísticas, extracción de uranio e centrais nucleares sempre en risco de accidente; toneladas de arrecifes de coral en perigo, progresivamente blanqueados e en risco de desaparición pola elevación da temperatura mariña; toneladas de formigón investidas en acondicionar espazos urbanizados litorais con risco de inundación por mor da subida da temperatura media terrestre, en tempos de cambio climático antropoxénico acelerado; toneladas de plástico acumuladas no Pacífico norte por mor dun consumismo desmesurado e insensible, que se asentarán desmigalladas despois de decenas de anos no leito oceánico, non sen antes causar a morte de fauna que se achegue ás súas cores mortais.

David Farrier desplega a súa didáctica para concienciarnos sobre a problemática ambiental que vivimos e que legaremos como fósiles a un futuro que ten que medirse en centos de millóns de anos. Cando os arqueólogos descubran a nosa pegada verán que fomos destrutivos e aniquiladores, que vivimos en tempos de extinción de fauna, que consumimos recursos a esgalla -sen preocuparnos en exceso pola súa continuidade, pois atentamos severamente contra a biodiversidade. Grande parte do noso legado xa está aventurado na literatura de Okri, no Kalevala, en Virginia Woolf e mesmo en Ovidio. E o autor, humanista, introduce fragmentos de obras literarias para pautar un relato científico construído a base de experiencias particulares e viaxes a Australia, Escandinavia e China, ben que o punto de partida non deixa de ser o Edimburgo onde imparte aulas.

Vibrante e instructivo, cunha documentación portentosa, o libro afonda na capacidade de Homo Sapiens para modificar a pel da Terra dun xeito impactante desde a revolución industrial: sintetizando novos minerais, provocando a creación de zonas mortas hipóxicas e anóxicas nos mares e océanos, trazando sucos de millóns de km a xeito de estradas asfaltadas, contribuindo á extinción dos glaciares que tan necesarios son para o aprovisionamento de auga doce en certas áreas. Pero hai que ter conciencia de que todo isto quedará fosilizado, mesmo quizás a nosa especie. Quizás o quecemento global actual, que podería alterar os ciclos de glaciacións correntes cada certo tempo, só sexa resistido polas medusas, eses seres que permanecen nos nosos océanos como lembranzas dun pasado remoto invariable. Nós, como especie, estamos sometidos á evolución. E, por moito que tentemos xogar a ser pequenos deuses, mesmo neste día que tentamos perseverar na nosa “conquista de Marte”, non somos eternos.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑