Gótico

Hai case 500 anos de distancia entre estas dúas pinturas: o matrimonio Arnolfini (1434) de Jan Van Eyck e o gótico americano (1930) de Grant Wood [óllense en alta calidade o cadro flamengo e o norteamericano].

En pleno auxe do Gótico en Europa, o mestre flamengo que morreu en Bruxas actuaría como notario do casamento dun mercador toscano coa súa dona (tese de Panofsky hoxe dificilmente sostible, xa que a cerimonia semella ter sido celebrada ben máis tarde). O interior desta habitación está cheo de simbolismo relixioso (a lámpada, o rosario, o cabezal da cama, o can,…) e detallismo de iluminador. Van Eyck é xa un pintor prerrenacentista flamengo, naturalista e introductor do óleo sobre táboa. É este o retrato dun matrimonio ou un homenaxe póstumo e funerario á muller xa falecida?

Grant Wood escolleu á súa irmá e ao seu dentista para representalos diante dunha casa que luce unha fiestra oxival en estilo carpinteiro gótico. A casa Dibble, hoxe en día, é lugar de visita turística no SE de Iowa, en pleno medio oeste dos USA. O pintor inmortalizouna detrás dunha parella na que aventuramos a un orgulloso granxeiro teimudo, disposto a defender a súa propiedade de calquera ataque externo, mentres a súa suposta muller olla perdida ao baleiro, exhibindo un camafeo herdado.

As dúas imaxes están lonxanas tamén socioloxicamente: mentres Bruxas era unha cidade cosmopolita, almacén das vilas hanseáticas no s. XIV -aínda que comezou a decaer no s. XV, o interior de Iowa é terra de inmigrantes europeos -moitas veces de costumes puritanos e valores tradicionais. O matrimonio italiano de Flandres -representante do patriciado urbano- vive nun interior de riqueza xurdida da actividade comercial; a parella norteamericana arraiga nunha propiedade levantada co suor campesiño. A puxanza flamenga contrasta coa recesión na que Wood pinta unha obra que reflicte o malestar causado polo crack de 1929. Mais un fío tenro de respeto pola tradición une ambas pinturas, abraza a simplicidade das facianas e a concentración dos acenos. E a atmosfera é limpa e estática, ofrece calma a quen a escrute.

Blog en WordPress.com.

Subir ↑