Desigualdades


mapamundi_poboacion

Segundo datos do Banco Mundial, máis de 7.300 millóns de persoas habitamos o planeta Terra en 2015. Pero esta cifra está desigualmente repartida, en función de diversos factores de orde natural e histórica:

a) O espazo habitado, o oikoumene, inclúe unha serie de fogares de poboamento que soportan densidades de poboación moi elevadas: o S e SL asiáticos -onde se concentran as principais potencias demográficas mundiais, China e India-, Europa occidental, Golfo de Guinea, val do Nilo, NL dos Estados Unidos de Norteamérica e SL de Brasil. Nestes lugares, o desenvolvemento histórico de civilizacións (hidráulicas, en casos como o exipcio, indio ou chinés; de ocupación antiga no caso europeo) ou a ocupación colonial máis recente de espazos que actuaron como focos de difusión cara a hinterlands interiores, ten facilitado a concentración demográfica, sobre todo en espazos litorais. A crecente litoralización das actividades económicas e urbanas explica o pulo de toda unha serie de megalópoles e aglomeracións urbanas nestes e outros espazos mundiais. Aos factores históricos hai que engadir, polo tanto, un factor xeográfico derivado do relevo: estamos diante de áreas baixas respecto do nivel do mar, próximas aos grandes portos de comercio que hoxe sustentan unha boa parte do tráfico internacional de mercadorías. Excepcións a esta norma atopámolas en zonas de latitudes baixas como a meseta de Anáhuac mexicana ou a rexión dos Grandes Lagos africanos e o macizo etíope, mesmo a meseta india do Deccan; a medida que se ascende en altitude, a temperatura media descende e facilita a concentración demográfica en áreas máis aptas para o cultivo. En todo caso, por debaixo dos 200 m de altitude e en latitudes tropicais e medias atopamos a meirande parte deste espazo densamente habitado. Excepcións feitas de casos puntuais, as maiores densidades demográficas do planeta concéntranse en aglomeracións urbanas, con cifras de varias decenas de miles de habitantes por kilómetro cadrado.

b) O espazo feblemente habitado ou deshabitado, o anoikoumene, está representado por aqueles lugares que ofrecen coercións naturais significativas: climas demasiado húmidos e cálidos en selvas ecuatoriais, climas demasiado áridos en zonas desérticas tropicais e de latitudes medias, climas demasiado fríos en latitudes altas do planeta ou ben en zonas montañosas elevadas; á beira dos climas, a propia orografía do terreo, que impide unha axeitada ocupación do espazo en zonas de moi forte pendente ou en zonas montañosas. Deste xeito, espazos como a Amazonía, o Sahara ou os Andes, xunto cos territorios da Antártida e os próximos ao Océano Glacial Ártico -malia que o ser humano xa ten chegado a todos os límites coñecidos da litosfera planetaria- constitúen exemplos salientábeis do espazo apenas habitado.

cartograma_poboacion_2015

O cartograma da poboación mundial de 2015 por Estados revela a importancia estratéxica dos fogares de poboamento asiáticos á hora de configurar a demografía do planeta; a metade da poboación mundial concéntrase en 8 países desta área: China, India, Pakistán, Bangladesh, Vietnam, Indonesia, Filipinas e Xapón.

Randall Munroe ten imaxinado que toda a poboación da Terra se podería concentrar no espazo do estado norteamericano de Rhode Island. E, se todos saltásemos a un tempo, a nosa influencia física sobre o planeta sería desestimable. Tamén se ten ocupado da demografía das fadas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s