#Fame


O Obxectivo do Milenio número 1 para 2015 -enunciado pola ONU- é “erradicar a pobreza extrema e a fame. Pero, por moito que as estatísticas disfracen os resultados dos ODM, a fame está lonxe de ser erradicada: 800 ou 900 millóns de persoas no mundo pasan fame e sofren malnutrición, 8.000 rapaces morren cada día por esta causa. E o problema acaba sendo alarmante en moitos países do Sahel ou da África Negra, o OutroMundo -como alerta o Global Hunger Index de 2014.

Nun libro sementado de datos, cifras e historias particulares, Martín Caparrós percorre o mundo para dar conta dun dos grandes problemas actuais: a fame, expresión máxima da desigualdade crecente da que se nutren as nosas sociedades. E faino partindo daquela información que Jean Ziegler nos aportou en “Destrución masiva”, que contaba como a agricultura, no mundo actual, podería alimentar a 12.000 millóns de persoas (e o planeta alberga menos de 8.000 millóns). Pero os intereses globais da economía actual non facilitan a equitativa distribución desa produción alimentaria; a tese de Caparrós é que a causa da fame está na actual distribución da riqueza entre a poboación mundial (e aquí ven a incidir nunha cantinela que ben coñecemos grazas a Thomas Piketty).

Caparrós percorre o mundo para testemuñar os estragos da fame: de Níxer a Sudán do Sur, onde a acción de MSF se fai tan necesaria; das chozas de Madagascar ás vilamiserias de Bangladesh; dos suburbios de Bos Aires aos comedores sociais dos arrabaldos de Chicago -para atopar no incremento da obesidade a “faciana pobre” dos países ricos. Á beira de enclaves rurais como Madaua -en Níxer- sobresaen outros moitos bidonvilles e slums –Dharavi en Mumbai, Kamrangirchar en Daca, José León Suárez en Bos Aires- tan ben retratados por Mike Davis en “Planeta de cidades miseria”. Pero tamén se achega o xornalista á Bolsa de Chicago, o lugar onde o negocio de futuros sobre materias primas agrícolas desestabiliza o menú diario de tanta xente, sobre todo desde que -tras o estourido da crise da burbulla inmobiliaria-, en 2008, fose alí onde se elevasen dun xeito notable o prezo dos alimentos, como consecuencia da especulación financeira que os levou a seren novos valores refuxio de diferentes fondos de investimento: o lugar onde se negocia e incrementa o prezo dos cereais básicos de consumo humano (aínda que en boa medida se destinan a nutrir animais ou fabricar agrocombustibles). E iso repercute de xeito negativo, especialmente, en países do OutroMundo, nos que o orzamento investido en comida por parte da xente está, de media, entre o 50 e o 80% da renda mensual.

“El hambre” é unha obra que evita e combate as teses neomalthusianas defendidas por Alan Weisman en La cuenta atrás”, que equilibra relato literario, testemuñas directas e información obxectiva; unha investigación que obriga a reflexionar sobre os nosos hábitos diarios en relación coa comida e a solidariedade, sobre a necesidade de políticas redistributivas máis dignas e xustas,… É un libro que non pode deixar indiferente, que xa podemos considerar entre os nosos imprescindibles.

* Consulta extractos da obra en #Fame.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s