Autoritarismo e totalitarismo


En pleno século XXI, o culto á persoalidade sigue presente no ámbito político. Non hai que ir tan lonxe para atopar o Turkmenistán de Nyýazow, líder autoproclamado Turkmenbashi en 1993 (“líder de todos os turcománs”), sobrevivinte na era post-soviética, ata a súa morte en 2006. Grazas ao finés Arto Halonen, que filmou “Shadow of the holy book”, (“A sombra do libro sagrado”) coñecemos mellor a mensaxe do inspirador do Ruhnama, libro no que se reescribe a historia do país e se adoutrina á maioría suní de clans nómades. É a verdadeira expresión da presenza dun autoritarismo ditatorial, que ademáis se ten convertido en manual de escola para os nenos turcománs.

O autoritarismo é unha modalidade de exercicio da autoridade que impón a vontade do que exerce o poder en ausencia dun consenso que se poida construir de xeito participativo; en consecuencia, orixina unha orde social opresiva e carente de liberdade e autonomía. A sociedade preindustrial está marcada por unha forte autoridade e xerarquía en todas as ordes -relixiosa, política, económica,…-, cunha indiscutida autoridade masculina e paterna dentro da familia -patriarcado, paternalismo, machismo-, fronte a graos cada vez maiores de liberdade existentes nas sociedades industrial e postindustrial.

En política, o autoritarismo caracterízase pola concentración de poder en mans dun líder ou unha pequena elite que non é “constitucionalmente responsable diante do corpo do pobo”, baseándose no “exercicio arbitrario do poder sen consideración doutros corpos” que o poidan limitar -por exemplo, mediante a separación de poderes- e cunha inexistencia de mecanismos que permitan a efectiva alternancia no poder, como as eleccións libres multipartidistas.

Coñecemos como totalitarismos as ideoloxías, movementos e reximes políticos onde a liberdade está seriamente restrinxida, e o Estado exerce todo o poder sen divisións nin restricións.

Os reximes totalitarios diferéncianse doutros reximes autocráticos por seren dirixidos por un partido político que se comporta como partido único e se funde coas institucións do Estado; estes reximes, polo xeral, exaltan a figura dun personaxe que ten poder ilimitado -que acada todos os ámbitos- e que se manifesta a través dunha autoridade exercida xerarquicamente; estes reximes impulsan un movemento de masas -co apoio das cales se afirman no goberno- no que se pretende encadrar a toda a sociedade, co propósito de formar unha persoa nova nunha sociedade perfecta; estes reximes fan uso intenso da propaganda e de distintos mecanismos de control social e de represión, como a policía segreda.

Mussolini (que utilizou por primeira vez o termo “totalitarismo”) evidenciou todo isto no eslogan “todo no Estado, todo para o Estado, nada fóra do Estado, nada contra o Estado”.

Xa en 1951, tivo lugar a publicación da obra clásica que describe e analiza os dous movementos totalitarios máis importantes do século XX: o nazismo e o estalinismo. Trátase de “As orixes do totalitarismo”, de Hannah Arendt. O libro analiza o ascenso do antisemitismo en Europa central e occidental a comezos e mediados do século XIX, engadindo unha análise do novo imperialismo -que acontece entre 1884 e o inicio da Primeira Guerra Mundial-, para examinar a fondo o panxermanismo e o paneslavismo como fase previa ao xurdimento de movementos que sustituiron aos partidos políticos.

“Mentres que todos os grupos políticos dependen dunha forza proporcionada, os movementos totalitarios dependen da pura forza do número, ata tal punto que os reximes totalitarios parecen imposibles, incluso baixo circunstancias polo demáis favorables, en países con poboacións relativamente pequenas. Despois da primeira guerra mundial barreu Europa unha vaga intensamente antidemocrática e proditatorial de movementos semitotalitarios e totalitarios; os movementos fascistas extendéronse desde Italia a case todos os países da Europa central e oriental (a parte checa de Checoslovaquia foi unha das excepcións notables); sen embargo, incluso Mussolini, que tan orgulloso se amosaba do termo «Estado totalitario», non tentou establecer un completo réxime totalitario, e contentouse cunha ditadura e un réxime unipartidista. Ditaduras semellantes non totalitarias xurdiron na Rumanía da preguerra, en Polonia, os Estados bálticos, Hungría, Portugal e a España de Franco. Os nazis, que posuían un infalible instinto para advertir semellantes diferenzas, acostumaban a comentar con desdén as imperfeccións dos seus aliados fascistas, mentres que a súa xenuina admiración polo réxime bolchevique de Rusia (e o partido comunista en Alemania) só admitía parangón e era equilibrada polo seu desprezo ás razas de Europa oriental. O único home por quen Hitler sentía un «incalificado respeto» era «Stalin, o xenio”.”

H. Arendt: Los orígenes del totalitarismo“.

“Os movementos totalitarios son organizacións de masas de individuos atomizados e illados. En comparación con todos os demáis partidos e movementos, a súa máis conspicua característica externa é a esixencia dunha lealdade total, irrestrinxida, incondicional e inalterable do membro individual.”

H. Arendt: Los orígenes del totalitarismo“.

Sirva como exemplo de denuncia do totalitarismo e dos seus métodos, así como da oposición firme dun cidadán que se separa da masa, o inicio de “Historia dun alemán”, as memorias de Sebastian Haffner escritas en 1939 e publicadas en 2000, despois da súa morte un ano antes.

Diríase que os reximes autocráticos tenden a desaparecer nos nosos días, mais hai quen considera que se encubren para adaptarse ao novo ambiente. ¿É a súa unha estratexia camaleónica? ¿Ou é que verdadeiramente a democracia está a espantalos?

“A Revolución dos cravos foi o comezo do que o profesor Samuel Huntington bautizou como “a terceira vaga da democratización”. A primeira vaga producírase no século XIX, coa ampliación do sufraxio e a aparición das democracias modernas en Estados Unidos e Europa occidental, mais sufríu unha serie de reveses en vésperas da Segunda Guerra Mundial, co ascenso das ideoloxías totalitarias. A segunda vaga, que chegou despois da guerra co restablecemento da democracia en Europa, tivo unha curta vida. O comunismo e os reximes monopartidistas implantáronse en toda Europa oriental e en moitos estados que viñan de obter a súa independencia. A terceira vaga ten sido duradeira e tivo un meirande alcance xeográfico.”

M. Naím: El fin del poder“.

* Visualiza un video recente con Kim Jong Un de protagonista.

* Consulta o Global Report 2011 de CSP sobre conflitos, governanza e fraxilidade estatal. Consulta o mapa interactivo co informe de Polity IV correspondente a 2011 para caracterizar os reximes políticos de cada Estado.

* Consulta o Mapa da Liberdade 2014 elaborado por Freedom House. E consulta o informe de base desta organización sobre a democracia por continentes.

* Olla a nosa presentación sobre este tema.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s