Cambios e permanencias no sector primario


1. Acuicultura é o conxunto de actividades que, mediante algún tipo de intervención no ciclo biolóxico de animais ou plantas acuáticas, ou no medio no que habitan, permiten controlar a súa reprodución e/ou crecemento. Compre diferenciar as actividades que só pretenden limitar a actividade recolectora, tales como “topes de capturas”, vedas, etc., daquelas que consisten en modificar o seu hábitat, defender estes organismos doutros ataques, ou intervir no seu ciclo biolóxico. A acuicultura aparece polo de agora restrinxida a un pequeno abano de especies, principalmente peixes, moluscos e crustáceos, en función da súa importancia económica e do desenvolvemento dunha tecnoloxía axeitada e limitada espacialmente á beiramar ou as augas continentais.

2. A agricultura ecolóxica é un sistema para cultivar unha explotación agrícola autónoma, baseada na utilización óptima dos recursos naturais e sen empregar produtos químicos de síntese ou organismos xenéticamente modificados (OXMs) -nin para abono nin para combater as plagas-, logrando deste xeito obter alimentos orgánicos á vez que se conserva a fertilidade da terra e se respeta o medio ambiente. O seu incremento está vencellado á difusión da idea dun crecemento sostible e equilibrado.

3. A denominación de orixe (D.O.) ou denominación de orixe controlada (D.O.C.) é un tipo de indicación xeográfica aplicada a un produto agrícola do que a calidade ou características se deben fundamental e exclusivamente ao medio xeográfico no que se produce, transforma e elabora. Os produtores que se acollen á denominación de orixe comprométense a manter a calidade o máis alta posible e manter certos usos tradicionais na produción. Un consello regulador autoriza a exhibir o distintivo aos produtores da zona que cumpren as regras. Esta figura facilita o acceso de produtores a mercados nacionais e internacionais.

4. O concepto desagrarización refírese á perda de poboación adicada á actividade agraria, así como á perda de importancia económica da actividade agrícola nun territorio, e o conseguinte debilitamento das institucións sociais vencelladas a esta actividade que organizan diferentes aspectos da vida social (por exemplo, a explotación familiar agraria, a propiedade da terra como base da estratificación social, os sistemas de xestión comunal dos recursos agrícolas, etc.).

5. Explotación intensiva é aquela explotación agraria que elimina os barbeitos e recorre á produción continua do terreo, estimulada polo emprego de fertilizantes e o regadío artificial. Este tipo de agricultura intensiva, moi habitual no litoral mediterráneo, especialízase, por exemplo, na horticultura, que, dadas as condicións naturais e climáticas do noso territorio, permite unha produción a finais de inverno e comezos de primavera, susceptible de exportarse a outros países europeos que non teñen as mesmas condicións climáticas. A agricultura intensiva explota o terreo obtendo del unha forte productividade, sobre terreos moitas veces reducidos.

6. A Política Agrícola Común (PAC), adoptada inicialmente en 1962, pretendía incrementar a produtividade agrícola garantindo niveis de vida dignos aos agricultores da entón CEE (Comunidade Económica Europea), estabilizar os mercados, garantir a dispoñibilidade dos abastecementos e asegurar ao consumidor suministros a prezos razoables. As reformas dos anos 1990 centráronse en establecer cupos sobre determinados produtos (lácteos, por exemplo, nos que a UE é excedentaria), axudas para prácticas agrícolas que garanticen o respeto medioambiental e promoción do desenvolvemento rural con novas alternativas (turismo rural, por exemplo). As reformas máis recentes inciden na redución de axudas directas, polo onerosa que resulta a PAC no orzamento xeral europeo, desligamento das subvencións canto á produción e pago único por explotación, ademais de volver insistir na necesidade de que as axudas vaian destinadas a explotacións respetuosas co equilibrio medioambiental. Para xestionar os fondos da PAC creáronse o FEOGA (Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola) e o FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), aos que hai que unir aportacións do FSE (Fondo Social Europeo) e do Fondo de Cohesión.

7. A Política Pesqueira Comunitaria (PPC), xurdida en 1970, ten como obxectivos: a) a protección das poboacións contra a pesca excesiva; b) garantir unha renda digna para os pescadores; c) garantir o suministro regular dos consumidores e da industria de transformación a prezos razoables; d) a explotación sostible dos recursos mariños vivos desde os puntos de vista biolóxico, medioambiental e económico -promocionando a acuicultura-. Contando cos fondos do IFOP (Instrumento Financeiro de Orientación da Pesca), esta política serve para que a UE negociew en nome dos países membros os tratados de pesca con países terceiros, así como vixiar o tamaño da frota pesqueira europea -co gallo de impedir o seu crecemento e favorecer un aproveitamento sostible dos recursos mariños-.

8. A silvicultura é a actividade que trata do cultivo de montes e bosques. A práctica máis habitual da silvicultura é o aproveitamento forestal de espazos destinados á produción de madeira, leña ou resinas, pero que tamén poden ter un efecto positivo na protección de cuncas hidrográficas, a conservación de hábitats naturais -susceptibles de integrarse en parques naturais protexidos- e o desenvolvemento de espazos recreativos.

9. Os alimentos transxénicos (ou OGM, organismos xeneticamente modificados) son aqueles modificados pola enxeñería xenética coa finalidade de incrementar a produtividade agrícola dalgunhas plantas (exemplos son o millo, a cebada ou a soia), mediante a súa resistencia mellorada ás plagas. As críticas das organizacións ecoloxistas a estes cultivos proveñen do control oligopolístico por parte dunhas poucas multinacionais sobre as sementes (co risco de perda de biodiversidade global), así como o abuso de fertilizantes que se fai con estes cultivos -o cal agrava o posible cambio climático-.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s