Anticiclóns e borrascas


“Os mapas do tempo son a principal ferramenta de traballo dos meteorólogos. (…)

Cada liña isobara trazada sobre un mapa de superficie representa un valor constante da presión atmosférica a nivel do mar. O conxunto de todas as isobaras amósanos algo así como unha instantánea do campo de presión nun momento dado, o que permite unha rápida visualización das zonas onde a presión atmosférica é alta (os anticiclóns) e onde é baixa (as borrascas). A presión atmosférica mídese en hectopascais (hPa), que é a unidade de medida no Sistema Internacional e equivale ao milibar (mb), que sigue a estar moi arraigada na linguaxe meteorolóxica (…).

O límite entre as altas e as baixas presións está situado en 1013 hPa, o que equivale a 760 mm nun barómetro de mercurio, que é o que se coñece como a presión en superficie da atmosfera estándar. O habitual é que nos mapas de superficie as isobaras se tracen de 4 en 4 hectopascais. Se, por exemplo, temos unha borrasca que ten 996 hPa no seu centro, as isobaras que a rodean irán aumentando desde dentro da borrasca cara a fóra (isobaras de 1000, 1004, 1008 e 1012 hectopascais). A partir de 1013 hPa deixariamos de estar baixo a influencia desa zona de baixa presión e empezariamos a ter altas presións, aumentando a presión a medida que nos achegásemos á parte central dun anticiclón. Teriamos nese caso valores crecentes desde fóra cara ao centro da alta presión (1016, 1020, 1024 hPa, etc.).

Nunha primeira aproximación, podemos identificar os anticiclóns co “bo tempo” e as borrascas coa choiva (neve en inverno) e o vento. Os anticiclóns correspóndense con grandes zonas da terra onde se producen descensos de ar, despexándose os ceos neses lugares. Nas borrascas ocorre o contrario, o ar ascende e transporta humiade ata os niveis medios da atmosfera, dando lugar á nubosidade e nalgúns casos ás precipitacións. As borrascas atlánticas que afectan ao noso país soen levar asociadas frontes que van cruzando a Península Ibérica e deixando choiva ao seu paso. Polo tanto, serían as frontes máis que as borrascas, as que nos deixan a precipitación. (…)

[As borrascas e as frontes] desprázanse nas nosas latitudes de Oeste a Este, de xeito que se observamos unha fronte fría fronte ás costas de Portugal, é previsible que nas vindeiras horas empece a cruzar a Península Ibérica, deixando choivas ao seu paso pola vertente atlántica e só nubes (4 pingueiras ao sumo) ao chegar ao Mediterráneo. Ademáis, podemos facernos unha idea da intensidade do vento ollando a separación que hai entre as isobaras.

O vento discorre máis ou menos paralelo ás isobaras, de xeito que, aparte da intensidade do vento, dedúcese con facilidade cal vai ser a súa direción dominante. “

José Miguel Viñas: “Introducción a la meteorología”.

“Os anticiclóns son zonas de alta presión (superior a 1013 hPa), nas que se producen descensos do ar (subsidencia) que garanten a estabilidade atmosférica. A ausencia de nubes e precipitacións soe ser o seu principal sinal de identidade, se ben os que se instalan en inverno favorecen a formación de néboas de radiación (estratos baixos, en definitiva) pegados ao chan. O ar na zona central do anticiclón está encalmado e a cotío esténdese ao longo dunha superficie de varios millóns de quilómetros cadrados.
A Península Ibérica atópase na zona de influencia do anticiclón das Azores. Dependendo da forma que adopte o devandito anticiclón, abrazaranos por completo ou parcialmente. O outro grande anticiclón que ás veces tamén nos afecta é o de Siberia, que aínda que está bastante máis alonxado da Península, ás veces en inverno adquire protagonismo e mándanos unha masa de aire frío que nos deixa tesos. (…)
No extremo contrario –baixas presións-, teriamos as profundas borrascas que ás veces se descolgan do Atlántico Norte, dando lugar a violentos temporais. A intensidade dos ventos rexistrada en Europa Occidental garda unha estreita relación co desprazamento desas borrascas atlánticas e a súa profundización ao longo do seu percorrido, desde a zona embrionaria de Islandia ata as Illas Británicas e a fachada atlántica continental. As costas expostas aos fluxos do cuarto cadrante (Norte-Oeste) é onde tradicionalmente teñen unha meirande incidencia os temporais.”

José Miguel Viñas: “Introducción a la meteorología”.

2 thoughts on “Anticiclóns e borrascas

  1. Pingback: | Botóns

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s