Industrialización (1840-1930)


Entre 1840 e 1890, España participa na carreira da industrialización abrindo a súa economía aos produtos e capitais foráneos e incorporando as innovacións tecnolóxicas desenvolvidas polos países máis avanzados. Non o conseguiu en verdade, o que xustifica a tese do Fracaso da revolución industrial defendida por J. Nadal. A estratexia de industrialización aplicada en España pode definirse en dúas verbas: apertura e liberalización. Unha estratexia que se diferencia nítidamente da que se adoptou a partir de 1891, caracterizada por unha tendencia ao proteccionismo e o nacionalismo económicos. Un dos elementos da modernización radica na construción do ferrocarril, concesión do Estado español a empresas privadas durante un longo período (99 anos), sendo estas as que teñen que construilo. A primeira liña construida foi a de Barcelona a Mataró, inaugurada en 1848, cunha lonxitude duns 29 km. A Lei de Ferrocarrís de 1855 estableceu o trazado da rede básica, que se rexiría por unha estrutura radial e un ancho de vía diferente ao europeo. Durante a segunda metade do século XIX, a rede ferroviaria española comezou a construirse de xeito sistemático. En grande medida, o capital exterior para a súa construción procedía de Francia, con sociedades de crédito nas que participaban os irmáns Péreire e a casa Rotschild. A rede ferroviaria aportou un enorme beneficio social ao país. En 1851 tamén se promulgou a Lei Xeral de Estradas, considerando estas un « ben público ». As estradas españolas tiñan en 1855 unha lonxitude de 10.323 km, dos que dous tercios se clasificaban como xerais, o 14,4% como transversais e o 19,8% como provinciais. A eclosión da actividade mineira en España prodúcese tras a aprobación da Lei Xeral de Minas de 1868. A exportación de minerais cobrou protagonismo a partir de 1870 (cobre, chumbo, ferro), ademáis de mercurio, produto de exportación tradicional.

Os sectores líderes da industrialización son os textís e os metais. A industria téxtil estivo concentrada case exclusivamente en Cataluña, e particularmente en Barcelona -coa póla máis activa no subsector do algodón-. A súa man de obra, próxima aos 20.700 obreiros en Barcelona, equivalía ao 12% da poboación total da cidade. Respecto da industria siderúrxica, esta soportou fluctuacións moi violentas. A primeira caída foi causada pola depresión 1864-1868. O descenso de 1871-1875 debeuse á segunda guerra carlista. Mais se prescindimos da guerra e os seus efectos, a produción de ferro colado medrou a un ritmo medio do 5% no último tercio do século XIX. Segundo datos de J. Nadal, había en España un total de 35 altos fornos a finais de 1865, que se repartían entre 18 fábricas, propiedade de 15 empresas (as maiores eran dúas de Málaga). A nivel enerxético, o carbón foi a fonte esencial durante a Primeira Revolución Industrial; a dispoñibilidade deste mineral en España non era mala, mais presentaba serios problemas de explotación.

Nos anos da Restauración, entre 1874 e 1931, o empuxe industrial español estivo vencellado estreitamente a dous países viciños do contorno occidental europeo: Francia e Inglaterra, que foron proveedores de maquinaria, bens de equipo e combustible e, á vez, mercados principais para a produción mineira e metalúrxica española. Nesta etapa podemos distinguir 3 fases: unha recuperación con altibaixos entre 1874 e 1914, cunha melloría truncada pola crise colonial de 1898; unha fase de expansión, de 1914 a 1923, momento caracterizado pola nacionalización de algunhas empresas como Augas de Barcelona, polo auxe bancario -coa creación do Banco de Crédito Industrial en 1917, do Urquijo en 1918 e do Central en 1919- e as melloras tecnolóxicas na industria catalana e vasca; na última fase, entre 1923 e 1931, anos da ditadura de Primo de Rivera e da ditablanda de Berenguer, o intervencionismo estatal tivo por obxectivo reconducir a economía nacional, e practicouse nela un novo impulso á construción de ferrocarrís e estradas, así como un programa de obras públicas diversas e a eletrificación; nesta última etapa, o comercio exterior triplicouse, mais ao final deuse unha coxuntura adversa, derivada do crack bursátil de 1929, que non foi unha excepción en España, coa caída da peseta un 30% nos mercados mundiais da época, entre outros efectos negativos derivados desta crise.

Canto ás principais industrias, a dos textís cataláns mantívose á cabeza no desenvolvemento español. O 90% da produción da industria téxtil concentrábase en Cataluña, aínda que non é esta rexión a que concentra maior capital financeiro (son estas as provincias vascas e Madrid); a economía rexional catalana foi unha das mellor equipadas ao producirse a segunda Revolución Industrial, que converteu a Barcelona e o seu hinterland na área económicamente mellor dotada de todo o territorio español da época. En torno á industria téxtil do algodón xurdiron outros tipos de industrias: alimentación, coiro, madeira, esparto, químicas, ademáis da construción e as súas anexas. Se o século XIX se presentara como o século do vapor, o século XX tivo outros símbolos. A electricidade como fonte de enerxía fixo posibles outras realizacións da segunda Revolución industrial. A partir de 1900, a iluminación por gas nas cidades vaise sustituindo polo alumeado eléctrico. A Sevillana de Electricidad, a máis antiga das grandes sociedades de produción eléctrica, fundouse en Sevilla en 1884. A implantación de novas industrias deixa sentir os seus efectos: a era do caucho vai da man do automóbil, e nace a industria do petróleo con CAMPSA, en 1927. A industria química e do cemento, ademáis da construción, serán os piares renovados do desenvolvemento económico.

Os aranceis foron, ao longo deste período, esencialmente proteccionistas. Só cabe citar unha época de redución dos mesmos no Sexenio democrático. Estes aranceis propiciaron unha política que ten sido considerada como un efecto positivo para o desenvolvemento da industria siderúrxica e téxtil.

* Velaquí a presentación sobre sociedade e economía no período 1830-1930 en España:

* E un vídeo-resumo.

One thought on “Industrialización (1840-1930)

  1. Pingback: Para introducírmonos na historia de España no s. XIX « un blogue dende O Porriño

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s