Crise do bipartidismo


“Entre decembro de 1902 e xuño de 1905 só houbo unhas eleccións, as de abril de 1903, e sen embargo sucedéronse cinco Gobernos conservadores (…). O regreso dos liberais ao poder non significou unha meirande estabilidade gubernamental. Entre xuño de 1905 e xaneiro de 1907 o rei nomeou cinco presidentes do consello de ministros (…).

Nengún dos Gobernos conservadores e liberais dese período tivo a fortaleza e a vontade precisas para emprender un programa de reforma que necesariamente tiña que abordar… tres cuestións fundamentais: poñer fin ao poder arbitrario da Coroa para que os Gobernos dependesen das maiorías parlamentarias, e non ao revés; acabar coa manipulación electoral sistemática, un requisito imprescindible para integrar na vida política a amplos sectores da cidadanía; e transformar os partidos de notables en formacións modernas de masas que realmente representasen e encauzasen as demandas da opinión pública. Nengún salvo, quizá, Antonio Maura.”

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: “Historia de España en el siglo XX.”

“Unha das primeras e máis importantes orixes do mal que aqueixa á patria consiste na indiferenza da clase neutra. Eu non sei se o seu egoísmo é lexítimo, aínda que si sobran causas históricas para explicalo. O que digo é que non se fixo un
ensaio para chamalos con obras, que é a única linguaxe á que eles poden respostar; chamalos con obras vibrantes, para espertalos e conmovelos, para arrincalos da súa inanición e do seu egoísmo, para traelos pola forza á vida pública. Por iso dixen e repito que España enteira necesita unha revolución no goberno radicalmente, rápidamente, brutalmente; tan brutalmente que baste para que os que estean distraídos se decaten, para que ninguén poida ser indiferente e teñan que pelexar ata aqueles mesmos que asisten coa resolución de permanecer afastados (…).
Non; máis que nunca é agora necesario restablecer aquela xa case esquecida, tempo hai que se perdeu, confianza entre gobernantes e gobernados; e xa non hai máis que un camiño, que é a revolución audaz, a revolución temeraria desde o Goberno, porque a temeridade é, non obra do noso albedrío, senón imposición histórica dos alleos desacertos. Nunca sería fácil a revolución desde o Goberno, nunca sería recomendable, se poidese dividirse a facultade e esparxerse a obra no
curso do tempo; pero cada día que pasa, desde 1898, é moito máis escabrosa, moito máis difícil, e o éxito feliz moito máis incerto; e non está afastado o día en que xa non quede nin ese remedio (…).
Agora é preciso opoñer ás esquerdas que actúan na vida pública todas as dereitas e traelas con plenitude das súas forzas sociais á vida e á influencia do Estado. A política conservadora ten que adoptar os procedementos democráticos e
as garantías constitucionais e os dereitos individuais, que son agora a forza conservadora, a única que pode salvar á sociedade; por iso non hai nin sequera un só acto meu que non estea inspirado nesa convicción, e por iso creo que a política conservadora consiste en traer íntegramente todo o fondo social á influencia e á acción do Estado, de modo que a democracia comprenda absolutamente a acción íntegra das forzas de toda a nación, asistindo ao Goberno”.

Antonio Maura: “Treinta y cinco años de vida pública, 1902-1913″.

Na primavera de 1904 púxose en marcha definitivamente o Instituto de Reformas Sociais e abordáronse medidas relacionadas coa protección física e moral dos nenos, a inspección dos centros de traballo, o fomento das cooperativas ou o descanso dominical. Estas iniciativas apenas poideron sortear os obstáculos das trabas burocráticas, as dilacións parlamentarias e a resistencia dos grupos de intereses conservadores. Á oposición interna engadíanse as críticas de liberais e republicanos. A UGT pasou de 14.737 afiliados en 1900 aos 56.905 a comezos de 1905, medrando enormemente o movemento obreiro organizado. O exemplo da folga xeral de Barcelona de 1902 repetíuse nas zonas mineiras de Biscaia no outono de 1903. O Gobernador Militar de Bilbao sacou as tropas á rúa e declarou o estado de Guerra.

O rei Alfonso XIII, moi intervencionista, provocou a caída de Maura en 1904. En novembro de 1905, o semanario satírico catalán Cu-Cut! publicou unha caricatura sobre o exército que espertou as iras da guarnición de Barcelona, e varios grupos de suboficiais asaltaron os despachos e a imprenta da revista, acción que repetiron contra a sé de La Veu de Catalunya, o principal diario catalanista. O capitán xeral de Cataluña non condeou a acción violenta dos seus subordinados, que recibiron o apoio das autoridades castrenses de Sevilla e Madrid.

Medrou así un sentimento antimilitarista que propiciou a unión de todas as forzas de oposición en Cataluña para concorrer ás eleccións de 1907: Solidaritat Catalana conseguiu 41 das 44 actas en disputa.

As reformas electoral e social foron as frontes máis significativas do “goberno longo” de Maura (1907-1909), aprobándose a Lei de Reforma Electoral (que desligaba do poder político a confección dos censos, as composicións das xuntas electorais ou os dictames sobre as actas recurridas), a Lei de Administración Local (que ampliaba as competencias dos concellos e lles confería autonomía xurídica e persoalidade política independente), e medidas para tratar de diminuir a conflitividade social (creación do Instituto Nacional de Previsión en 1908, Lei de Folgas de 1909). Mais os liberais cambiaron a súa actitude de turno político co lema “contra Maura e a súa obra” despois de que este presentara no Congreso a Lei sobre Represión do Terrorismo -texto pensado para rematar cos atentados anarquistas a través de medidas excepcionais como a supresión de xornais e sociedades, ordes de desterro e penas de prisión para impedir a publicidade das ideas ácratas-.

A outra fronte do goberno Maura, que causará a súa definitiva caída, será a intervención en Marrocos e a represión na Semana Tráxica de Barcelona tras a folga xeral convocada nesa cidade contra o embarque de tropas destinadas ao Rif.

Canalejas, que accedeu ao goberno en 1910, impulsou un reformismo distinto ao de Maura. O seu proxecto baseábase na rexeneración social e cultural do pobo, no papel do Estado como protagonista da modernización da sociedade. Encarnou a nova orientación social do liberalismo en España, inspirado nas experiencias de Gran Bretaña, Bélxica ou Francia; este liberalismo de novo cuño promulgaba a intervención do Estado nas relacións sociais e económicas coa finalidade de mellorar as condicións de vida das clases traballadoras. Pretendíase unha democratización do réxime. Entre as reformas laborais aprobadas durante o mandato de Canalejas destacaron a lei da xornada máxima de nove horas na mineiría, a da aprendizaxe, a do descanso das mulleres nos establecementos comerciais ou a que regulou o traballo nocturno feminino; houbo importantes propostas sobre contrato de traballo, negociación colectiva, control de industrias perigosas ou seguridade social obrigatoria, aínda que a meirande parte delas estaba aínda en trámites parlamentarios cando foi asasinado. E tampouco se chegou a aprobar a lei de mancomunidades provinciais, o primeiro xesto de descentralización estatal, de sensibilidade cara ás demandas dos rexionalistas. En decembro de 1913, o Senado daría o visto bo á Mancomunidade de Cataluña, dirixida por Prat de la Riba.

Canalejas suprimiu o imposto de consumos e a reforma das quintas (Lei do Servizo Militar Obrigatorio de 1912, que aínda permitía a existencia de soldados de “cuota”).

“As folgas xerais, a ameaza de estouridos revolucionarios e o fracaso das vías de negociación pacífica truncaron as esperanzas de Canalejas dunha evolución reformista do movemento obreiro dentro dos cauces do marco constitucional monárquico. El mesmo foi unha vítima máis dese desencontro. O 12 de novembro de 1912 foi asasinado na Porta do Sol, fronte ao escaparate dunha librería, polo anarquista Manuel Pardiñas, que en realidade tiña pensado atentar contra o Rei. Tres disparos de pistola a queimarroupa. Os mesmos que quince anos antes remataran coa vida doutro presidente do Goberno, Cánovas del Castillo. Dalgún xeito, os dous magnicidios abrían e pechaban o período central da España da Restauración, o que ía da guerra sen cuartel en Cuba baixo o mando de Weyler á sinatura do protectorado español en Marrocos, das primeiras fisuras do sistema político ao final do último grande proxecto reformista, ao inicio da crise do réxime que Galdós definía en 1910 como “un armatoste de ruinas apuntaladas”.

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: “Historia de España en el siglo XX.”

Aínda que o ciclo bélico iniciado en 1914 coa Primeira Guerra Mundial -na que España se mantivo neutral-, debido ao auxe da demanda externa, xenerou na economía española un proceso espectacular con grande expansión industrial e comercial, a outra cara da euforia produtiva foi a elevada inflación -causante dun forte incremento dos prezos dos alimentos, sempre por enriba da alza dos salarios-, a crise de 1917 suporá un punto de inflexión definitivo para a lexitimidade do sistema político da Restauración. A ameaza pretoriana das Xuntas de Defensa, as demandas da Asemblea de Parlamentarios e a mobilización obreira da folga revolucionaria plantexaron un serio desafío ao Estado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s