Rexeneracionismo


O sistema político da Restauración está impregnado de enganos que, conxugados co marasmo colonial en 1898, darán pé a un xeito crítico de pensar que coñecemos como rexeneracionismo. Esta ideoloxía trataría de promover a revolución desde arriba nun país no que a esperanza media de vida non chegaba aos 35 anos -moi por debaixo da media europea- e a meirande parte da poboación tiña que soportar difíciles condicións de vida; unha poboación cun 56% de analfabetismo e con catro de cada cinco persoas vivindo en núcleos de menos de 10.000 habitantes. Mais os intentos de reforma producidos entre 1902 -ano de ascenso ao poder de Alfonso XIII- e 1917 non deixan de ser, a dicir de Julián Casanova e Carlos Gil Andrés, “a crónica dun fracaso” que xa partía dun estado de cousas herdado de finais do século XIX:

“Un Estado centralizado con vocación de fortaleza, seguindo o modelo francés, mais incapaz de chegar a todos os recantos do país,salvo para extraer impostos e reclutas, e menos aínda de extender á meirande parte da poboación un proceso de nacionalización que amosaba graves carenzas. Entre os factores que explican esas limitacións, de acordo con autores como Núñez Seixas, hai que subliñar as divisións políticas e os enfrontamentos violentos que acompañaron ao proceso de construción do Estado liberal, o endebedamento crónico da Facenda, a falla de recursos para ofrecer servizos públicos e un desenvolvemento industrial tardío, localizado en rexións da periferia que non se correspondían cos centros de decisión política. Ademáis, o Estado español atopouse coa oposición da Igrexa católica fronte a calquera medida secularizadora que diminuise os seus privilexios, coa inxerencia constante do Exército na vida civil e cun sistema oligárquico e caciquil contrario ás reformas de carácter democrático, cunha capacidade de penetración social moi limitada pola pervivencia de poderes locais que actuaban con bastante autonomía. Un Estado, por último, que non amosou interese en promover a identificación nacional dos cidadáns e que tampouco contou cos instrumentos necesarios. O raquítico sistema educativo non foi capaz de impor un único idioma nin de extender os valores patrióticos e simbólicos da nación, unha tarefa unificadora que tampouco se realizou nos cuarteis, cun servizo militar odiadopolas clases populares.”

Julián Casanova e Carlos Gil Andrés: Historia de España en el siglo XX.

“O novo rexeneracionismo, isto é, o que aparece condicionado e definido pola experiencia do Desastre … tivera dous cauces iniciais de expresión: o manifesto do xeneral Polavieja -redactado, ao parecer, por Damián Isern e que viu a luz en data tan pronta como setembro de 1898- e a contestación de Joaquín Costa a unha consulta da Cámara Agraria do Alto Aragón -aparecida en novembro e concebida, de feito, como un manifesto que había de ter amplísimo eco.
En ambos textos -o de Polavieja e o de Costa- ponse o acento na esixencia de autenticidade: apelación a unha política de realidades, a unha atención preferente -ou exclusiva- cara ao que poderiamos chamar problemas estruturais. Polavieja pide que “á política das abstraccións sustitúa no Goberno a política agraria, a política industrial, a política mercantil”; pero, lóxicamente, pon o acento na urxente reorganización do Exército e da Mariña, no servizo militar obrigatorio ou na necesidade dunha política exterior “que remate co illamento nacional”. E tamén, trala experiencia de ultramar, na descentralización administrativa. Costa, con maior bagaxe doutrinal no seu apoio, lanza os seus enérxicos ataques contra a falsa política de superficie, sen contido práctico e eficiente.

Costa formula en consignas fulgurantes -“dobre chave ao sartego do Cid”; “escola e despensa…”- o artellamento duns obxectivos programáticos que poderiamos chamar de urxencia doméstica: plano de regadíos -a famosa política hidráulica-, restauración de bens comunais, impulso alfabetizador, protección eficaz ao cultivador e desenvolvemento da rede de comunicacións -especialmente dos camiños veciñais-. Este rexeneracionista é, sobre todo, o grande fustigador do caciquismo: a súa famosa enquisa sobre oligarquía e caciquismo marcará época. E tradúcese nunha airada condea -no fondo, profundamente inxusta- contra o que, segundo el, representaron Cánovas e o canovismo.”

Carlos Seco Serrano: “La renovación política: el regeneracionismo”, en P. Laín Entralgo e C. Seco Serrano (editores): España en 1898. Las claves del desastre.

“O movemento “rexeneracionista”, a idea de que España precisaba re-xenerarse, volver nacer, para ser o que aínda podía ser e non era, xurdíu no último tercio do século XIX como consecuencia de dous fracasos: un máis real, o da Primeira República respecto das esperanzas que no mundo liberal suscitara o triunfo da Gloriosa, e outro máis estimativo, a convicción de que a Restauración de Sagunto non resolvía en medida suficiente os males da patria. O paladín do rexeneracionismo foi Joaquín Costa, coas ideas político-sociais expostas en Teoría del hecho individual y social (1880), e máis eficazmente coa súa multiforme predicación ulterior e o seu resoante libro Oligarquía y caciquismo. Macías Picavea, Lucas Mallada, Luis Maroto, Julio Serrador e Damián Isern foron os seus máis destacados epígonos.”

Pedro Laín Entralgo: “La reacción de los intelectuales”,en P. Laín Entralgo e C. Seco Serrano (editores): España en 1898. Las claves del desastre.

“A grande preocupación de Joaquín Costa (1844-1911) céntrase en buscar solución aos problemas sociais e económicos. Para el, é un punto de partida imprescindible para o despegue posterior. Unha das bases que expón para iso é a necesidade de modernizar a cultura española e, á súa beira, a reconstrución interior do país, que sitúa fundamentalmente na potenciación da economía. A partir de ahí desenvolve unha serie de traballos, de clara denuncia, cunha particular reflexión en torno á agricultura, en obras como A terra e a cuestión social.

En similares plantexamentos móvese Ricardo Macías Picavea (1847-1899). Tamén el achaca a unha secular política equivocada a decadencia actual. Pero no seu caso o programa de reformas é moito máis amplo, xa que comprende prácticamente todos os aspectos da vida nacional. En ambos obsérvase claramente unha idea: o pouco eficaz que resulta a polémica ideolóxica. Ambos poden considerarse tamén un precedente da xeración do 98, aínda que coa diferenza de moverse sempre no terreo dunha alternativa práctica.”

Cristina Viñes Millet: “La cultura (1808-1939)”, en Javier Paredes (dir.): Historia de España contemporánea.

Houbo dous intentos de rexeneracionismo político desde dentro do sistema: a “revolución desde o poder” de Maura (1907-1909), seguindo o programa conservador; e o intento liberal-demócrata de Canalejas (1910-1912).

A “revolución desde o poder” de Maura era unha nova versión da “revolución desde arriba” de Silvela; traduce o empeño de identificar España oficial e España vital -segundo a terminoloxía posta en circulación polos intelectuais do 98-; aspira a facer efectiva a democracia. O proxecto de Maura plasmouse na Lei de Bases de Réxime Local, de orientación descentralizadora, que tende a dotar de iniciativa propia aos organismos locais, desconectándoos no posible das famosas oligarquías centrais. A honestidade pública e privada explican ademáis o carisma de Maura, aínda un mito para a tradición conservadora que chega ata o noso tempo. Pero a Semana Tráxica de Barcelona -na que as soflamas demagóxicas e anticlericais de Lerroux, líder da nova esquerda republicana, e o ímpetu destrutivo das organizacións anarquistas foron duramente reprimidas polo ministro da Gobernación, Juan de la Cierva, brazo dereito de Maura-, resultado da protesta popular contra o decreto de mobilización de reservistas para a guerra de Melilla, foi a causa da renuncia de Maura.

Canalejas aspira a un novo transaccionismo, entre os dous ciclos revolucionarios da época contemporánea: o liberal e o socialista. Responde de xeito non autoritario aos movementos de folga de 1910-1911, aínda que actúa con severidade cando o brote subversivo aspira a unha revolución no seo da forza armada -caso do chispazo na fragata Numancia-; abre cauce ás reivindicacións catalanistas mediante o proxecto de lei de Mancomunidades; logra facer prevalecer os dereitos de España nos foros internacionais, impoñendo freo e respeto a Francia tras a súa illada iniciativa en Marrocos e fixando a zona reservada a España no acordo sobre o Protectorado… Pero o seu asasinato en novembro de 1912 deixou truncada a esperanza de que o rexeneracionismo reformista superase os riscos dun rexeneracionismo rupturista.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s