Con Isabel II


Velaquí o noso glog sobre as Constitucións no reinado de Isabel II (1833-1868):

“O reinado de Isabel II rematou como tiña comezado. Unha insurreción militar en 1843 levara á nena ao trono tras adiantar a súa maioría de idade e outro levantamento destronaba á muller en 1868. Entre unha data e outra, a manía revolucionaria do pronunciamento fixera imposible o respeto ás institucións políticas, impugnadas unha e outra vez polos que dicían respetar á nación. A lexitimidade do Estado viuse mutilada, ademáis, polos tradicionalistas, que imbuidos da mesma retórica de patriotismo, honor e sacrificio levaron a loita da Igrexa contra a modernidade aos campos de batalla. O recurso ás armas daríalles o seu panteón de heroes.”

Fernando García de Cortázar: “Los mitos de la historia de España”.

“Ninguén crea que as corruptelas en España son asunto do noso tempo. Os casos que agora nos dan labazadas desde os medios de comunicación son pantuflas chinesas comparadas cos pelotazos que se daban a mediados do século XIX co beneplácito da súa oronda maxestade Isabel II. Os desmáns daquela corte dos milagres financeiros para un grupo de corruptos con levita e chisteira acabaron provocando o que sucedeu o 28 de xuño de 1854: “a Vicalvarada”.

A Vicalvarada foi un pronunciamento militar para apear do goberno a un tipo que non se ía nin con auga quente: Luis José Sartorius, un individuo que chegou a presidente grazas a que o nomeou Isabel II, pero sen que ninguén coñecese os seus méritos. O seu traballo era tapar as corruptelas de xentes como a nai da raíña, María Cristina de Borbón, e do seu home, Fernando Muñoz, duque de Riánsares; mais sobre todo as do marqués de Salamanca, que cos seus turbios negocios fíxose co monopolio do ferrocarril en España. E aquí estivo o detoante da Vicalvarada.

Sartorius quixo rectificar a lei de ferrocarrís no Senado para que as subvencións fosen máis transparentes, pero coa condición de que non se tocase o feito ata entón. É dicir, que se confirmasen as concedidas e que non se investigase nin a quen nin como se tiñan concedido. O Senado contestou que non, e que fixo Sartorius? Pechou as Cortes e destituíu aos que tiñan votado contra da súa lei. Cun par. O escándalo foi de órdago, pero Isabel II mantivo no poder ao seu “favorito imbécil”, como xa coñecía o populacho a Sartorius.

O ambiente foise quentando e o exército acabou pronunciándose para derrocar ao goberno no pobo madrileño de Vicálvaro, de ahí o de “Vicalvarada”.

Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

A nivel económico, no reinado de Isabel II afírmanse os principios básicos do sistema liberal: a liberdade económica, a igualdade ante o fisco e o dereito de propiedade. Como recoñecen Albert Carreras e Xavier Tafunell, a revolución liberal tivo como unha das súas principais finalidades o establecemento dos principios do liberalismo económico, coa erección dun novo marco xurídico-institucional no que puidese desenvolverse o capitalismo libre de trabas normativas. O sistema liberal non se pode dicir que triunfase ata 1839, ao producirse a derrota dos defensores irreductibles do absolutismo. Na alianza entre burguesía e nobreza para acabar cos rescoldos do absolutismo, os principais perdedores foron as capas baixas do campesiñado, a Igrexa e os concellos.

Dentro dos piares da revolución liberal, a desamortización civil e eclesiástica é o aspecto da reforma agraria liberal ao que se ten prestado máis atención. O volume de terra transferida representou o 20% do territorio español e o 40% da terra cultivable, o que afectaba a máis de 600.000 fincas. A desamortización consistiu na apropiación por parte do Estado das terras pertencentes á Igrexa e aos concellos (en principio, as terras municipais chamadas de propios, que eran aquelas que tiñan un aproveitamento individual en virtude de arrendamentos ou censos). Despois de ter sido nacionalizadas e taxadas, procedeuse á súa venda pública ao mellor postor; foi, polo tanto, unha nacionalización seguida dunha privatización. O Estado embolsou o importe das vendas, dando a cambio ás institucións expropiadas unha compensación económica; no caso das institucións eclesiásticas, esta consistiu nunha dotación regular para o seu mantemento; os concellos recibiron títulos de débeda pública a cambio dos seus bens raíces. A desamortización inclúe varias leis: a de 1798, con Godoy, aínda vixente o absolutismo; a de 1836 aprobada polo goberno Mendizábal; a de 1841 (xa preparada en 1837), baixo a rexencia de Espartero; por último, a desamortización xeral promulgada en 1855 por Madoz –que declarou nacionalizados e en venda todos os bens, con poucas excepcións, que non pertencesen a persoas físicas ou sociedades mercantís-.

A desamortización non cambiou sustancialmente a distribución da propiedade; onde estaba concentrada, acentuouse a concentración; onde estaba dispersada, a grande propiedade non avanzou. Grazas á desamortización ampliouse considerablemente a superficie de cultivo e a produtividade agrícola, en detrimento de pasteiros e bosques -o que provocou a decadencia da gandería durante máis de medio século-.

Xunto coa desamortización, outra medida importante da reforma agraria liberal é a abolición do réxime señorial. Con ela, os señores perderon as súas xurisdicións e unhas prestacións señoriais que, en xeral, tiñan escaso valor; mais, a cambio, conservaron e ensancharon os dereitos de propiedade sobre a terra.

En 1841 promulgouse a lei que puxo fin á institución feudal dos morgados. Os nobres continuaron a ser propietarios da integridade dos seus patrimonios, que pasaron a ser bens de libre disposición.

Na configuración da orde liberal tivo grande importancia a supresión do décimo, abolido legalmente en 1837; isto, que podería ter suposto un quebranto para a Igrexa, non foi así por mor dunha lei que en 1841 instauraba a partida orzamentaria chamada “de culto e clero”, destinada ao sostenemento económico da Igrexa. O Estado asume así a financiación eclesiástica, aspecto que fixo preciso incrementar a presión fiscal -conforme ao establecido na reforma tributaria de 1845-.

Unha das accións legais máis importantes foi a eliminación da Mesta e os seus privilexios (1836), cando a institución acabou convertida en Asociación Xeral de Gandeiros do Reino. Tamén foi importante o peche de todas as fincas, peche legal -non necesariamente físico- que equivalía a prohibir que o gando accedese a terras alleas para alimentase dos rastroxos existentes tras a colleita. Asimesmo, a despatrimonialización da auga e a desamortización do subsolo tamén foron medidas importantes, igual que a disposición legal para implantar a liberdade de arrendamentoAbolíronse os gremios e promoveuse a reforma tributaria.

A reforma tributaria de 1845 baseouse na universalidade, equidade, legalidade, suficiencia e sistematicidade. Segundo estes principios, cada cidadán debía contribuir ás arcas públicas de xeito proporcional aos seus ingresos. O cadro impositivo establecido en 1845 armouse cuns poucos impostos directos derivados da fiscalidade da Coroa de Aragón, máis outros poucos indirectos inscritos na tradición tributaria de Castela, máis o de aduanas e algúns monopolios fiscais. Os impostos directos gravaban as fontes xeneradoras de renda -agricultura, industria, actividades profesionais, etc.-, en lugar dos ingresos totais obtidos polos individuos ou familias e as empresas. A máis importante destas contribucións de produto era a de “inmobles, cultivo e gandería”, coñecida como contribución territorial; en segundo lugar estaba a contribución industrial e de comercio, pola que tributaban os sectores secundario e terciario. Os impostos indirectos recaían sobre todo sobre os bens de consumo (monopolios fiscais como os estancos de tabaco e sal, a lotería,…). Mais a defraudación e a falla de flexibilidade e equidade do sistema tributario ocasionaron a súa insuficiencia. Os ingresos ordinarios do Estado non bastaban para cubrir os gastos correntes, de maneira que o orzamento estatal  de toda a segunda metade do século XIX mantivo un déficit persistente, estrutural. O déficit orzamentario enxugábase coa débeda pública.

One thought on “Con Isabel II

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s