Constitución de 1812



A Constitución de 1812 é a peza fundamental do que podemos considerar a revolución liberal iniciada en España a comezos do século XIX, sobre todo na orde xurídica, pois foi deste xeito como afectou de inmediato á orde política; máis lentamente desenvolveríase a transformación socioeconómica do Estado, coa supervivencia ata o século XX dalgúns signos de identidade da sociedade señorial.

A Xunta Central Suprema creada para dirixir o goberno que había de oporse á invasión napoleónica, inicialmente establecida en Aranjuez -e posteriormente trasladada a Sevilla por mor da invasión francesa; finalmente instalouse na illa de León, en Cádiz-, pretendía representar un poder único que gobernase en nome de Fernando VII, en aras de conseguir unha meirande efectividade no enfrontamento con Napoleón. As súas pretensións eran asumir a soberanía e fundar a súa lexitimidade na vontade colectiva, mais foi perdendo credibilidade e foi sustituída por un Consello de Rexencia que preparou a primeira reunión das Cortes que posteriormente redactarían o texto constitucional finalmente promulgado o 12 de marzo de 1812. No seo desas Cortes, de variada representación, conviviron diversas tendencias ideolóxicas, entre as que cabe citar aos partidarios do Antigo Réxime (absolutistas, “servís”), os afrancesados, os jovellanistas e os liberais -finalmente predominantes, en parte debido ao método de elección de representantes por circunscripcións, pois a representación de moitas provincias conservadoras do interior foi asignada a residentes en Cádiz desta tendencia-.

Como resultado das Cortes xurdíu unha Constitución de orixe popular (aínda que sen participación do Rei, o texto xurde da Nación), extensa (os seus 384 artigos confórmana como a máis longa da nosa historia) e ríxida (os trámites para modificala son variados: unhas Cortes propoñían a reforma; as Cortes seguintes examinaban tal proposta; unhas terceiras Cortes, dotadas de poderes especiais, aprobábana definitivamente; para todos estes trámites eran esixibles prazos e maiorías de dous tercios). Os principios da Constitución de 1812 son: a soberanía nacional; a división de poderes; a representatividade da Nación a través dos deputados.

“A reforma política comezou na propia sesión inaugural das Cortes, na que Muñoz Torrero pronunciou un discurso programático defendendo os principios da soberanía nacional e división de poderes, básicos na construción do Estado liberal. En apenas unhas horas, aceptáronse sen discusión e quedaron plasmados no primeiro decreto de Cortes do 24 de setembro de 1810. (…)

Tres días despois da inauguración das Cortes, e no seo da discusión dos dereitos e deberes do cidadán, deuse un dos debates políticos máis importantes das Cortes: o da liberdade de imprenta, esencia de todas as liberdades de expresión. Aínda non se producen os choques frontais que se darán a mediados de 1811, cando se debata a Lei de Señoríos ou o proxecto constitucional, pero xa se observa unha toma de posicións disidentes debido a que a liberdade que se concedía estaba limitada ao campo das “ideas políticas”.

Se existe unha chave política do que significou a revolución liberal, esta sen dúbida tena a Constitución de 1812. O proxecto foi encargado a unha comisión constituída o 24 de decembro de 1810 (por cinco liberais e sete conservadores) e presidida por Muñoz Torrero.”

Mª Parias Sainz de Rozas: “La revolución liberal española”, en “Historia contemporánea de España (s. XIX)”, coordinada por Javier Paredes.

“A Constitución, desde a data da súa publicación ata o retorno de Fernando VII do cautiverio, tivo unha aplicación limitada por varios motivos fácilmente explicables: unha grande parte do país estaba aínda ocupada polos franceses; a atención pública achábase absorbida pola guerra; finalmente, estaba ausente un dos principais protagonistas do xogo constitucional: o Rei. O retorno deste trouxo consigo unha derogación inmediata da Constitución considerada como contraria ás antigas Leis do Reino e depresiva para a dignidade e autoridade do Monarca. Fernando VII, nun Decreto dado en Valencia, o día 4 de maio de 1814, afirmaba, en termos netamente condenatorios, que as Cortes de Cádiz tiñan sido convocadas “dun xeito nunca usado en España”; que os Deputados elixidos de maneira dudosamente regular, despoxaran ao Rei da súa soberanía “atribuíndoa nominalmente á nación para apropiarse dela eles mesmos”; que a nova Constitución, copia da francesa de 1791, alterara “case toda a antiga Constitución da Monarquía española”; que o texto de 1812 fora discutido e votado baixo ameazas e violencias: por todo isto, tanto a Constitución como os Decretos aprobados polas Cortes que atentasen contra a soberanía do Rei, declarábanse “nulos e sen nengún valor nin efecto, agora nin en tempo algún, como se non tivesen acontecido nunca tales actos”. A derogación da Constitución supuxo, con certos retoques impostos polo tempo e as devastacións da guerra, o restablecemento dun réxime absolutista que se prolongou ata 1820.”

Joaquín Tomás Villarroya: “Breve historia del constitucionalismo español”.

* Visita o portal de Cádiz 2012, con motivo do bicentenario das Cortes de Cádiz nesa cidade celebradas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s