Economía do XVIII


  

O tono xeral da economía española no século XVIII foi expansivo. Conxugado isto co intento de reforma fiscal cara á creación dunha contribución única que amparaba o catastro de Ensenada -finalmente abortada pola oposición das clases privilexiadas-, e coa liberalización do comercio colonial nas postrimerías do século XVIII, podemos falar dun panorama alentador.

Mais isto non debe facernos esquecer as debilidades do sistema produtivo español nos inicios da época borbónica: unha agricultura de escasa produtividade, lonxe dos progresos da “revolución agrícola” xestada noutras rexións da Europa atlántica; agricultura sometida a sucesivas crises de subsistencia -algunhas delas coincidentes con alzas brutais dos prezos dos cereais, causa de motíns como o de Esquilache- e con terras amortizadas en mans da nobreza e da Igrexa, que incrementaron notablemente os arrendamentos; as dificultades de integración dos mercados interiores, con múltiples dereitos e controis aduaneiros que haberá que eliminar (non será ata 1782 que se estableza un arancel xeral aplicable a todo o territorio español); a escaseza de industrias -salvo no caso catalán-, moitas delas simples manufacturas promovidas a iniciativa do propio Estado -que resultaron na meirande parte dos casos negocios ruinosos-.

“A pesares do curto alcance da reordenación do sistema fiscal, a Facenda española atravesou unha situación saneada, salvo momentos moi illados, desde a liquidación da guerra de Sucesión ata 1793, cando España entrou nun ciclo bélico que a conducíu a enfrontarse sucesiva e continuamente contra Francia e Grande Bretaña. (…) o gasto público contraeuse. Isto debeuse á eliminación da pesada carga exterior representada polas posesións europeas que pasaron a mans doutros países. A monarquía dos Austrias sufrira unha verdadeira sangría financeira sufragando os exorbitantes custes de mantemento da maquinaria administrativa e militar instalada en Italia e os Países Baixos. A desaparición de tales desembolsos foi, sen dúbida, o principal factor reequilibrador da Facenda.

(…) a estabilidade da Facenda foi consecuencia da alza dos ingresos totais. En termos nominais incrementáronse en torno ao 330 por 100 entre 1722 e 1779; descontada a inflación subsiste un aumento sustancial, da orde do oitenta ou noventa por 100. Hai que atribuílo, básicamente, a catro factores. En primeiro lugar, o aumento da poboación, isto é, do número de contribuíntes. (…) En segundo lugar, ao acrecentamento das remesas de prata das colonias americanas. (…)

A Coroa obtivo, por outra banda, meirandes ingresos mellorando a xestión da Administración tributaria. Esta era sumamente deficiente, entroutras cousas porque os altos cargos estaban reservados a membros da alta nobreza, carentes de toda profesionalidade. (…)

Por último, as rendas da Tesourería acrecentáronse a raíz da incorporación da coroa de Aragón ao sistema fiscal. Finalizada a guerra, nos reinos que a compoñían foron obrigados a contribuir por unha contía análoga á que recaía sobre os reinos da coroa de Castela.”

A. Carreras e X. Tafunell: “Historia económica de la España contemporánea (1789-2009)”.

“Como … era típico nas sociedades do Antigo Réxime, a meirande parte destas actividades artesanais desenvolvíanse no marco familiar, o que, dado o carácter moi maioritariamente agrario da Europa da época, quere dicir tamén rural e disperso. O fiado, o tecido, a oleiría ou a elaboración de cubertos e escudillas de madeira eran así exercidas no seo dunha multitude de familias campesiñas (…). A este primeiro tipo de actividades manufactureiras denominarémolas industrias dispersas. Un segundo tipo de oficios industriais eran os que se exercían nas cidades; a diferencia fundamental en relación ás desenvolvidas no medio rural non era de tipo tecnolóxico, senón máis ben organizativo: o agrupamento de cada profesión nun gremio ou corporación que regulaba o acceso ao oficio e establecía categorías entre os artesáns (mestre, oficial, aprendiz), así como especificacións sobre os produtos e os procesos de traballo. Finalmente, e cun peso moi inferior, existían as denominadas industrias concentradas, que se atopaban en realidade en moi poucos sectores, naqueles onde era precisa unha supervisión moi estricta do traballo ou onde as materias primas ou a enerxía utilizada esixían reunir  aos traballadores nun mesmo lugar.”

X. Carmona e J. Nadal: “El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000.”

“De entre as iniciativas industriais desenvolvidas na Galicia de finais do século XVIII, a máis importante, e tamén sen dúbida a máis coñecida, foi a que na mariña lucense, xa case nos límites con Asturias, impulsou Antonio Raimundo Ibáñez. O alto forno destinado á fundación de ferro que este construíu en Sargadelos foi o primeiro que no ámbito civil se estableceu en España e tanto polo que de avance tecnolóxico significaba, como pola forza de traballo que movilizou, como polos conflitos sociais aos que deu lugar segue a ser unha das experiencias industriais máis significativas da historia de Galicia.”

X. Carmona e J. Nadal: “El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000.”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s