Expulsión dos xesuitas


  

Criticada pola súa instigación e participación no motín de Esquilache, xeneradora de xenreiras pola súa acumulación de poder e monopolio da educación, a Compañía de Xesús foi expulsada de España a comezos de abril de 1767. No momento da expulsión, os xesuitas posuían en España máis de 100 colexios e 12 seminarios; en ultramar, máis de 80 colexios e outros 19 seminarios. Xa no século XVII, a Compañía monopolizaba o ensino secundario -onde innovaron no ensino do latín, imprescindible naqueles tempos par acceder á universidade- e acumulaban cátedras de Teoloxía en diversas universidades.

O labor misioneiro fora importante por parte dos xesuitas instalados, xa desde mediados do século XVI, na zona fronteiriza entre os actuais Paraguai, Uruguai e Arxentina, onde fundaron reduccións para evanxelizar aos guaraníes. Os conflitos cos bandeirantes portugueses, empeñados en someter á poboación indíxena á escravitude, foron continuos, e un episodio deste tipo, ambientado a mediados do século XVIII, ten lugar na película A misión.

Un total de 5.000 a 6.000 xesuitas foron expulsados entre os territorios peninsulares e ultramarinos, o que orixinou un baleiro pedagóxico de difícil solución a curto prazo.

“A verdade é que a Compañía de Xesús acumulara moitas inimizades, non só entre os filósofos senón dentro da mesma Igrexa. Xa fora disolta en Francia e Portugal. Atribuíanselle ambiciosos plans de dominio, criticábanse os seus métodos docentes, acusábaselle de ter formado cos colexiais maiores e a Inquisición un formidable grupo de presión. Aínda que unha enquisa segreda só revelou que algúns xesuitas e simpatizantes difundiran novas contra o goberno, Carlos III, moi traumatizado polos motíns, chegou a convencerse de que a Compañía era un perigo para a tranquilidade pública e aínda para a dinastía.

O decreto de expulsión dos xesuitas de 27 de febreiro de 1767 fundamentábao o rei na súa obriga de “manter en subordinación, tranquilidade e xustiza os pobos do reino”.”

M. Tuñón de Lara, J. Valdeón e A. Domínguez Ortiz: “Historia de España”.

“Téndome conformado co parecer dos do meu Consello Real no Extraordinario que se celebra con motivo das resultas das ocurrencias pasadas, en Consulta de 29 de xaneiro vindeiro, e do que sobre dela, convindo no mesmo dictame, me expuxeron persoas do máis elevado carácter e acreditada experiencia; estimulado de gravísimas causas relativas á obriga en que me atopo constituído de manter en subordinación, tranquilidade e xustiza os meus pobos, e outras urxencias, xustas e precisas, que reservo no meu Real ánimo; usando da suprema autoridade económica que o Todopoderoso depositou nas miñas mans para a protección dos meus vasalos e respeto da miña Coroa; vin en mandar estranar de todos os meus Dominios de España e Indias, Illas Filipinas, e demáis adxacentes, aos Regulares da Compañía, así sacerdotes como coadxutores ou legos que teñan feito a primeira profesión, e aos novicios que quixesen seguilos, e que se ocupen todas as temporalidades da Compañía nos meus Dominios; (…).

 Ao mesmo tempo que o Consello faga notoria en todos estes Reinos a citada miña Real Determinación, manifestará ás outras Ordes Relixiosas a confianza, satisfación e aprezo que me merecen pola súa fidelidade e doutrina, observancia de vida monástica, exemplar servizo da Igrexa, acreditada instrución dos seus estudos, e suficiente número de individuos para axudar aos Bispos e cregos no pasto espiritual das almas, e pola súa abstracción de negocios de Goberno, como alleos e distantes da vida ascética e monacal.”

Borrador do Real Decreto de expulsión da Compañía de Xesús, elaborado en marzo de 1767 e remitido para o seu coñecemento ao Conde de Aranda, presidente do Consello de Castela.

“O famoso motín de Esquilache constitúe o exemplo máis notorio do fracaso da Ilustración, o primeiro intento de europeizar España. Este Esquilache era un marqués siciliano que Carlos III trouxo de Nápoles e nomeara ministro de Facenda e Guerra. Esquilache concebíu a idea de europeizar e modernizar os usos do pobo madrileño, o claro espello cortesán no que se miraban as provincias. O primeiro era rematar con certos entrañables costumes, como as crueis cencerradas que sufrían os viúvos que se aventuraban a unhas segundas nupcias. Ao lector, como é escéptico, ao mellor parécelle un motivo baladí, mais o certo é que o temor ás cencerradas disuadía a moitos viúvos de reincidir no casamento, sen contar a merma e o dano que recibía a república ao malograrse tanto posible matrimonio coa súa carga potencial de filos, tan necesarios para o incremento demográfico.

Polo das cencerradas pasou o pobo mal que ben (…). Por onde non pasou foi polo do traxe á europea. Os españois gastaban grandes sombreiros de aba ancha e amplas capas, coas que se embozaban ao saír á rúa. No fondo, era un costume hixiénico, pois, debido ao reprobable e porco costume de botar á rúa lixos e desperdicios, a pestilencia da vía pública era  insufrible, especialmente nos meses de calor. As mulleres, a falla de capa, tiñan mantillas e tocas, coas que tamén se tapaban a faciana, como vemos en Goya. Claro, con tanto tapado e tapada semellaba que sempre era entroido e prácticamente non se lle vía a faciana a ninguén. Esquilache, coa súa mellor vontade, propúxose incorporar aos españois á moda europea, que era a francesa de calzón curto e perruca empoada. Para dar peso aos seus argumentos sinalou que baixo as amplas capas dos embozados disimulábanse frecuentemente pistolas, dagas e outras armas prohibidas. (…) O caso é que, como ninguén obedecía a normativa, Esquilache púxose farruco e decidíu proceder manu militari, que por algo era tamén ministro de Guerra.

(…) Despois dos primeiros incidentes, os ánimos caldeáronse ata que o asunto dexenerou en franco motín, que obrigou ao propio Carlos III a saír ao balcón do seu pazo para prometer a suspensión das reformas. A consecuencia política foi a destitución de Esquilache de todos os seus cargos e o seu desterro. Por unha vez gañaba o pobo, pero o prezo do pan, que era o que verdadeiramente afectaba á xente corrente, non baixou.

Non se ten demostrado que os instigadores do motín contra Esquilache fosen os xesuitas.”

Juan Eslava Galán: “Historia de España contada para escépticos.”

* Consulta unha web da Biblioteca virtual Miguel de Cervantes sobre a expulsión dos xesuitas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s