A lenda negra


  

Os xuizos sobre a conquista de América, o goberno de Felipe II, as campañas dos Países Baixos ou a Inquisición forman parte dos tópicos da Lenda negra española. De acordo co dicionario da RAE, a lenda negra é unha opinión contra o español difundida a partir do século XVI. En realidade, a expresión foi introducida por Julián Juderías, funcionario do Ministerio de Estado, a inicios do século XX, nunha obra publicada inicialmente en 1914:

“Por lenda negra entendemos o ambiente creado polos fantásticos relatos que sobre a nosa patria teñen visto a luz pública en case todos os países; as descripcións grotescas que se fixeron sempre do carácter dos españois como individuos e como colectividade; a negación ou cando menos a iñorancia sistemática de canto nos é favorable e honroso nas diversas manifestacións da cultura e da arte; as acusacións que noutro tempo se lanzaron contra España, fundándose para iso en feitos esaxerados, mal interpretados ou falsos na súa totalidade, e, finalmente, a afirmación contida en libros ao parecer respetables e verídicos e moitas veces reproducida, comentada e ampliada na prensa estranxeira, de que a nosa patria constitúe, desde o punto de vista da tolerancia, da cultura e do progreso, unha excepción lamentable dentro do grupo das nacións europeas. Nunha palabra, entendemos por lenda negra, a lenda da España inquisitorial, iñorante, fanática, incapaz de figurar entre os pobos cultos o mesmo agora que antes, disposta sempre ás represións violentas, inimiga do progreso e das innovacións, ou, noutros termos, a lenda que tendo empezado a difundirse no século XVI, a raíz da Reforma, non deixou de utilizarse na nosa contra desde entón, máis especialmente en momentos críticos da nosa vida nacional.”

Julián Juderías: “La leyenda negra”.

O interese pola expresión ten sido retomado polo hispanista Joseph Pérez nunha obra publicada en 2009, con título homónimo para rebuscar na literatura e o pensamento doutros tempos as orixes deste apotegma:

“Calquera que teña estado algún tempo fóra de España poderá dicir o que lle preguntan ou o que lle din sobre o seu país. A min téñenme preguntado os estranxeiros se en España se cazan leóns; a min téñenme explicado o que é o té, supoñendo que non o tiña tomado nin visto nunca; e conmigo laiáronse persoas ilustradas de que o traxe nacional, ou dígase o vestido de majo, non se leve xa aos bicamáns nin a outras cerimonias solemnes, e de que non bailemos todos o boleiro, o fandango e a cachucha. Difícil é disuadir á metade dos habitantes de Europa de que case todas as nosas mulleres fuman e de que moitas levan un puñal na liga.”

Juan Valera: “Sobre el concepto que hoy se forma de España”.

No século XVI, por terlle atribuido a ambición de dominar o mundo é polo que se procurou denigrar a España. Foi nese tempo que a Casa de Austria, especialmente asentada en Castela -beneficiaria das fortunas das Indias a ela incorporada-, modelou unha idea de Cristiandade sometida a Roma que viña opoñerse ao espírito protestante de luteranos, anglicanos e calvinistas.

“A lenda negra foi obra dos rebeldes flamencos; a Apoloxía de Guillermo de Orange fixou os seus trazos esenciais e limitouse, a meirande parte das veces, a sistematizar e esaxerar as acusacións contra España, verdadeiras ou supostas, que circulaban por Europa, ás veces desde o final do século XV, como os rumores malévolos sobre o semitismo dos españois e o seu feble apego ao cristianismo. A súa única orixinalidade consiste nos ataques contra a persoa de Felipe II, tratado de bígamo e asasino do seu propio fillo; eses ataques explícanse polo desexo de xustificar a toda costa a uns súbditos que tiñan tomado as armas contra o seu “señor natural”. Fóra dos Países Baixos, a lenda negra estendeuse, porque constituía un medio particularmente eficaz de imporse ao imperialismo da Casa de Austria. Todos os que se sentían ameazados solidarizáronse cos flamencos; era un xeito de enfeblecer o poder hexemónico en Europa. A propaganda servíu para desacreditar ao adversario nun conflito que, en moitos aspectos, parece unha anticipación do que foi a guerra fría no século XX, cando os Estados Unidos de América e a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas se acusaban mutuamente de poñer a ideoloxía ao servizo das súas ambicións nacionais. En efecto, como separar os intereses materiais e a ideoloxía? Entre a Inglaterra de Isabel e a España de Felipe II, a oposición era flagrante desde o punto de vista relixioso, pero non podemos esquecer que as dúas potencias disputábanse a propósito do comercio con América. Esa observación é válida para os Países Baixos, que soñaban coa independencia e a liberdade relixiosa, pero tamén coa expansión colonial. Iso foi o que atribuíu á política exterior na segunda metade do século XVI o  seu carácter de guerra total.”

Joseph Pérez: “La leyenda negra”.

A propia intelectualidade española asumíu, a finais do século XIX, antes do rexeneracionismo, unha visión decadente e negativa de España, na que o complexo de inferioridade con respecto a  outros países do noso contorno; Lucas Mallada trazou un panorama non estimulante de España en 1890: un país pobre, sen grandes recursos naturais (o clima e a configuración xeolóxica son a causa), deforestado (a causa do cal os españois estaban subalimentados), que exporta as súas materias primas e importa produtos manufacturados. En lugar de asumir a súa historia, que conta con episodios gloriosos e outros que se prefiran esquecer -a expulsión das minorías relixiosas, a Inquisición, as atrocidades da conquista e colonización de América-, algúns españois asumiron con masoquismo ese complexo de inferioridade. Por ser un pobo latino e ter permanecido fiel ao catolicismo romano na revolución relixiosa do século XVI, estaría España condeada definitivamente ao subdesenvolvemento e á marxinación nunha Europa que se calificaba a sí mesma de patria do progreso, a civilización e a democracia? Finalmente, o desenvolvemento dos anos 1960 e a incorporación á comunidade europea en 1986 modificaron esta imaxe negativa autoasumida pola intelectualidade española a finais do século XIX. Joseph Pérez vennos dar alento e incluso carpetazo á lenda negra que nos ten acompañado tanto tempo -igual que destellan as pinturas negras de Goya:

“Se España foi obxecto de críticas feroces, con frecuencia inxustas, foi polo lugar que ocupou e polo papel que quixo desempeñar no mundo nun determinado momento da súa historia… a expansión de España comezou cos Reis Católicos (1474-1516); precisouse durante o reinado de Carlos V (1516-1558); acadou o seu apoxeo con Felipe II (1558-1598) e comezou a declinar a partir dos tratados de Westfalia (1648), que lle fixeron perder a súa posición hexemónica en Europa. Durante cento cincuenta anos, aproximadamente, os seus soberanos puderon pensar que a Providencia fixera de España o pobo elixido. Enriquecida cos tesouros que obtiña do seu imperio colonial -o primeiro e máis extenso do mundo-, beneficiaria dun estatuto xeopolítico que lle permitía intervir por toda Europa e impoñer nela as súas vontades e as súas ambicións, orgullosa do prestixio que lle conferían os seus homes de letras, os seus artistas, os seus teólogos, España deu entón a impresión de querer ditar a súa lei ao resto do mundo. Unha grande parte de Europa reaccionou contra o que ela chamaba a monarquía universal e tamén contra a arrogancia, a codicia e a brutalidade dun pobo que se cría chamado a un grande destino.”

Joseph Pérez: “La leyenda negra”.

* Por certo, hai algún resto desa lenda negra no fragmento da película Elizabeth (a idade de ouro) que se reproduce na primeira ligazón desta anotación?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s