Católicos monarcas


   

A monarquía dos Reis Católicos contribuirá a crear unha converxencia dos reinos hispánicos despois de séculos de loitas e rupturas, despois dunha Reconquista con grande impulso nos séculos XII e XIII e dunha crise baixomedieval no demográfico, económico e político. O peso maior de Castela nesta monarquía dobre é lóxico se atendemos ao seu potencial demográfico (cara a 1500 había 6 millóns de habitantes en Castela, pouco máis dun millón na coroa de Aragón). O casamento entre primos ven interconectar nunha unión persoal dous reinos que xa antes tiñan dinastías en común.

“Fronte a unha Cataluña que está en crise económica a partires da “época das dificultades” sinalada por Claude Carrère a finais do século XIV, Castela aparece como nación rica, optimista e emprendedora. A súa importante mariña cántabra, que infunde temor á inglesa, permite aos mercaderes casteláns comerciar con toda a Europa atlántica, mentres os xenoveses se instalan en Portugal e Sevilla, dispostos a intervir no nacente comercio africano, canario e colonial. O Atlántico soa cada vez máis a mar do futuro, mentres o Mediterráneo parece esgotado, perigoso e empobrecido. Existen variadas mostras de interese catalán por tomar parte en todas estas facetas do comercio castelán, e Barcelona sitúa “cónsules de mar” en varias prazas marítimas da devandita coroa e tamén noutras da Europa atlántica. Á súa vez, esta curiosidade e estimación é correspondida pola que dedican os casteláns ás institucións de goberno da Coroa de Aragón, da que envexan a súa eficacia, preocupados e deprimidos como están polas deficiencias do sistema gubernativo de Castela.”

Pedro Voltes: “Historia inaudita de España”.

 “A unión de Castela e Aragón en 1479 como consecuencia do matrimonio en 1469 de Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, os Reis Católicos, foi unha unión puramente dinástica, non unha unión nacional. A unión respetou as institucións e organismos das Coroas que a integraron (Castela, Aragón e, desde 1512, Navarra) e as formas institucionais e administrativas que, á súa vez, rexían con maior ou menor efectividade nos múltiples territorios e rexións de Castela e de Aragón. Aragón e Castela mantiveron institucións, aduanas e moedas separadas. As Cortes de Aragón (creadas en 1274), de Valencia (1283) e de Cataluña (1218) -todas elas sen potestade lexislativa mais con importantes atribucións fiscais- subsistiron ata 1715 separadas das Cortes de Castela e León (unificadas en 1230); as de Navarra (e os seus Fueros), ata a conversión do Reino en provincia en 1841. Os Fueros de Biscaia, de Guipúzcoa e de Araba estiveron en vigor ata a súa abolición definitiva no século XIX.

Os Reis Católicos non adoptaron o título de Reis de España. Titulábanse “rey e reyna de Castilla, de León, de Aragón, de Sicilia, de Cerdeña, de Córdoba, de Córcega, de Murcia, de Jaén, de los Algarves, de Algecira e de Gibraltar e de Guipuzcoa, conde e condesa de Barcelona, e señores de Vizcaya e de Molina”, máis outros títulos referentes a condados, ducados e marquesados de enclaves e territorios non hispánicos. Isabel a Católica non interveu en cuestións internas da Coroa de Aragón. Canarias, das que a conquista se completou entre 1493 e 1496, as Indias (América) e o norte de África quedaron reservadas a Castela; os Pireneos, Italia e o Mediterráneo, a Aragón.

A unión das Coroas foi, ademáis, constitucionalmente fráxil. Aragón e Castela volveron a separarse brevemente á morte de Isabel en 1504, cando a Coroa de Castela pasou á filla dos Reis Católicos, Xoana, e ao seu esposo Filipe o Fermoso. Só unha serie de circunstancias fortuitas e accidentais – a morte de Filipe o Fermoso en 1506 e a tolemia de Xoana; a morte en 1509 do príncipe Xoan, fillo de Fernando o Católico e da súa segunda muller, Xermana de Foix- fixo posible que a unión dinástica se recompuxese. A morte de Filipe o Fermoso e a tolemia de Xoana permitiron a Fernando o Católico retomar, co apoio do cardeal Cisneros, a gobernación de Castela entre 1507 e 1516. De ter vivido o mencionado príncipe Xoan (morreu case ao nacer), tería sido só el, e non Carlos V, quen tería herdado os teritorios da Coroa de Aragón. Morto Fernando en xaneiro de 1516, Aragón e Castela voltaron quedar brevemente baixo rexencias separadas (ata que Carlos V chegou a España en setembro de 1517 como titular dambas Coroas).

(…) Os Reis Católicos ían crear, en definitiva, un tipo de Estado novo, o xermolo da monarquía absoluta. Respetaron… as institucións e organismos dos distintos reinos. Mais a unión supuxo a reorganización financeira e política do teritorio e conlevou a afirmación inequívoca do poder real como chave do Estado e como única fonte de soberanía. A reorganización foi… ampla e profunda: creación da Santa Irmandade (1476-1498) como policía rural, tributaria e xudicial; saneamento da Facenda (reformas de 1480 e 1495); reforma do Consello Real (1480) como órgano supremo da gobernación da Coroa de Castela e da afirmación da autoridade dos Reis; reorganización da administración de xustiza, co reforzamento da Real Chancelería de Valladolid e a creación en 1505 da Chancelería de Granada como tribunais supremos; control de vilas e cidades a traverso de delegados do poder real (correxidores e alcaldes); “despolitización” da Generalitat catalana e concello de Barcelona mediante a implantación do sistema de “insaculación” ou sorteo de cargos; establecemento do Consello de Aragón (1494) como órgano asesor dos Reis para as cuestións desa Coroa, e nomeamento dos lugartenentes ou virreis como representantes seus naqueles territorios; control directo das Ordes Militares pola Coroa (ata a súa absorción por esta en 1526). Os Reis Católicos asumiron, en suma, a práctica totalidade da acción de goberno dos seus reis, que exerceron directamente co concurso de colaboradores próximos (os cardeais Mendoza e Talavera e logo, Cisneros) e dos secretarios reais (Hernando de Zafra, Gaspar de Grifio, Lope Conchillos,…), e apoiados nunha burocracia, os “letrados”, crecentemente profesionalizada.

(…) A expulsión dos xudeus, a Inquisición, a guerra de Granada, reforzaron sen dúbida a asimilación da identidade colectiva dos reinos peninsulares coa fe e a ortodoxia cristiás, co principio de limpeza de sangue e coa condición de “cristián vello”.

 Juan Pablo Fusi e Francisco Calvo Serraller: “El espejo del tiempo”.

 “Día importante para os membros das forzas e corpos de Seguridade do Estado, o 27 de abril de 1476. Quizás eles non lle dean importancia, pero aquel día de hai cinco séculos apróbase nas Cortes de Madrigal, en Valladolid, o proxecto de ordenanzas da Santa Irmandade, un corpo de policía rural que se fixo especialmente famoso grazas a don Quixote. O fidalgo disfrutou de todas as súas aventuras desafiando á Santa Irmandade, e Sancho sufríu as desventuras do seu señor temendo que aparecese algún dos seus cuadrilleiros.”

  Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

 “(…) o 19 de outubro de 1469, Isabel e Fernando, os futuros Reis Católicos, contraeron matrimonio en Valladolid. Non houbo invitados de luxo nen delegacións diplomáticas… nin siquera estiveron os pais dos noivos. Porque aquela voda tiña que ser moi discreta e debían despachala rapidiño para poñerse a traballar. (…)

Pero aquela voda tivo trampa, porque os nenos non se podían casar se se ativesen ás regras da Santa Nai Igrexa que tanto pregoaban. Isabel e Fernando eran primos irmáns e tiñan unha consanguinidade en terceiro grao, e se casaban sen dispensa papal condearíanse. Mais isto non foi un problema, porque a Isabel non se lle poñía nada por diante. O inferno tampouco.

Aquel matrimonio arrastrou un lío tremendo de idas e voltas de bulas, dispensas, falsificacións e chanchullos burocráticos. O papa reinante negouse a dar a dispensa papal. Pero, milagre, o mesmo día da voda apareceu unha nova dispensa doutro papa (Pío II) dando o permiso; un permiso que dous anos despois confirmou outro papa distinto (Sixto IV). Onde estaba a trampa? Pois en todas partes, porque o papa que dera a dispensa a favor do matrimonio non só non tiña nbada que dicir, é que morrera cinco anos antes da voda. En resumidas contas, que os nenos estiveron dalle que dalle sen autorización eclesial.”

  Nieves Concostrina: “Menudas historias de la historia”.

 “A razón social Reis Católicos herdou un negocio ruinoso. Castela, a pesares da súa la tan estimada nos mercados europeos, era como un navío á deriva, carcomido de parásitos e desarborado, sen rumbo nen aparello: o clero estaba corrompido; a nobreza, sublevada; o sufrido pobo, apático e descontento; as arcas reais, baleiras, e o Estado, paralizado por lustros de desgoberno e guerra civil. Un país pobre e subdesenvolvido, que ía camiño de quedar relegado a mero proveedor de la para a industria téxtil europea. Para colmo, a súa díscola nobreza tiña acogotada á coroa porque desde a chegada da dinastía bastarda dos Trastámara, os magnates acostumáranse a manipular aos reis ao seu antoxo.

En Aragón tampouco ataban aos cans con longaniza. O rei estaba arruinado pola guerra con Francia, e os nobres tíñano atado de pés e mans por unha serie de antigos fueros e privilexios.”

  Juan Eslava Galán: “Historia de España contada para escépticos”.

* Olla un esquema do reinado dos Reis Católicos en Hispania Sauces.

* Comproba a corrección da actividade sobre o vídeo da serie Memoria de España.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s