Vers Québec


 

Hai 475 anos que Jacques Cartier remontou o río San Lourenzo [representouno o romántico Théodore Gudin no acto de descobrer o río] para chegar “ao lugar no que un río se estreita” -significado etimolóxico que daban os indios a Québec, a dicir do célebre escritor de literatura fantástica  Howard Phillips Lovecraft-, a antiga Stadacona, fortín francés nas terras canadianas. En 1930, o escritor visitou a cidade e deixounos un ensaio histórico-xeográfico con vivenzas persoais que ben merece estar entre a distinguida literatura de viaxe dos nosos tempos.

“A antiga cidade fortificada de Quebec, en América do Norte, é, non só a cidade máis antiga que ten sobrevivido neste continente ao norte de Nova España, senón tamén, entre todas elas, a que mellor soubo conservar o seu aspecto orixinario. Esténdese sobre un promontorio na beira norte do río San Lourenzo, formando unha pequena península, co San Lorenzo ao sur e ao leste, e o seu confluínte, o río San Carlos, ao norte. Esta península forma na súa meirande parte unha meseta bastante elevada que domina unha estreita banda de terra no alto duns escarpados cantís. A meseta en sí é de superficie desigual, e ten certa tendencia aos derrubamentos no norte e no sur. No seu punto máis alto conta cun promontorio abrupto que dá á cara sur, apuntando cara ao extremo da península, e que recibe o nome de Cap-Diamant. A altura media destes cantís é duns noventa metros. Na beira oposta do río, onde se atopa Lévis, érguense outros cantís semellantes a estes.

A latitude de Quebec é 46º 48′ 23″ norte, e a súa lonxitude 71º 12′ 23″ oeste. Atópase a seiscentos corenta quilómetros da desembocadura do San Lourenzo, no golfo do mesmo nome, e a douscentos quilómetros a voo de paxaro da metrópole de Montreal. Quebec sitúase a seiscentos corenta quilómetros ao norte de Boston, en Nova Inglaterra (…). As persoas resistentes non consideran o seu clima particularmente rigoroso, aínda que a temperatura pode acadar os 34º centígrados baixo cero en inverno. Os veráns son case tan calurosos como os de Nova Inglaterra, pois a temperatura chega ás veces ata os 32º centígrados.

[…] Quebec, a cidade máis antiga, máis fermosa, máis encantadora, con máis feitizo e pintoresca de América do Norte, é unha inesgotable mina de tesouros para os historiadores, os arquitectos e os amantes da beleza. O seu promontorio cheo de verdor que se lanza, xunto coa súa fortaleza, ao asalto dos ceos por enriba do maxestuoso curso do San Lourenzo, a súa muralla defensiva e as súas portas medievais, a súa infinita sucesión de teitos abufardados, vermellos ou prateados, que se recurtan sobre a cor gris do cantil, as súas innumerables frechas prateadas sobre as que xogan as raiolas do sol, as súas terribles almeas e as súas formidables fortificacións, os seus labirintos de casas pintorescas e centenarias aglutinadas ao longo duns rueiros escarpados e de vertixinosas escalinatas retorcidas en ángulos imposibles, as súas escaleiras de desgastados chanzos que enlazan a Cidade Alta e a Baixa, as súas antigas igrexas e os seus conventos de pedra gris, as súas multitudes amables e corteses onde os hábitos negros de monxes e sacerdotes atraen a mirada, igual que as súas calesas e as súas perspectivas impactantes e inesperadas, que de súpeto aparecen en cada rúa: o pintoresco aspecto dun calexón, a grandeza do río, o esplendor das lonxanas montañas; os seus relaxantes xardíns, as súas fachadas, as súas portas, as súas fiestras, tan curiosas, a súa vasta extensión de verdor que parece trepar pola aba da colina ao asalto da Cidadela, a súa atmósfera de lecer pensativo e a súa pertenza non formulada á vella Europa, da que a influencia tanto ten decaído neste continente… Todas estas cousas fan que apenas se poida crer que Quebec pertence ao mundo real, e máis se pensa que, por algún milagre, cristalizouse nestes lugares un dos soños efémeros nos que todas as nosas lembranzas artísticas e literarias, toda a nosa experiencia, se funden nun panorama ideal e inaccesible, dun fuxitivo esplendor que non ten correspondencia algunha coa vida corrente, pero que vive en todas as nosas concepcións dos paraísos celestiais, as nosas lembranzas oníricas e os nosos lances aventureiros no crepúsculo dun radiante solpor. “

H. P. Lovecraft: “Descripción de la ciudad de Quebec”.

“A mediados do século XVII, cando Montmagny, De Lauzon, D’Argenson, De Courcelles e D’Ailleboust foron virreis, o aspecto das rúas de Quebec debeu ser extraordinariamente pintoresco. Estaban cheas de indios de facianas pintadas, de trampeiros vestidos con peles de antílope e cubertos de amuletos nativos, de mariñeiros calzados con altas botas, co seu gorro de lá sobre a cabeza, de soldados con armadura, de xesuitas de negra sotana, de irmáns recoletos de barba gris, de irmás ursulinas de estirado aspecto, e do ledo populacho chegado das aldeas e granxas dos arredores. Había nas rúas, non podemos dubidalo, máis barullo, vivacidade, cor e ledicia por vivir que nas colonias de Nova Inglaterra de máis ao sur, e as rúas tiñan que ser un rebumbio ao que os habitantes daquelas colonias non estaban afeitos. Os colonos de Nova Francia, menos numerosos, dun natural irreflexivo, como todos os pobos sometidos a un goberno despótico, dunha raza e unha relixión que non se molestaban en tristes reflexións, o suficientemente ambiciosos como para vencer o seu medo aos indios, eran moi diferentes dos seus viciños ingleses máis reservados. Chegaran máis como mercadores e aventureiros que como simples colonos e non estaban dispostos a reproducir o xeito de vida sumiso e os hábitos prosaicos do Vello Mundo no chan do Novo. Levaban no seu interior o espírito libre e despreocupado e estaban dispostos a gozar da vida canto lles fose posible. Iso é o que fan os seres civilizados de xeito instintivo a pesares da súa beatería, e o que os diferencia profundamente das serias e mórbidas vítimas da tradición puritana.”

H. P. Lovecraft: “Descripción de la ciudad de Quebec”.

* Voir l’origine de certains mots et rues de Québec selon Lovecraft.

* Voir les cartes du Québec.

* Voir la carte interactive de Québec.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s