Kapoor no Guggenheim


  

Sempre é agradable retornar á beira do Nervión, situarse baixo o adro diseñado por Gehry, comprobar que toda superficie de metal, pedra ou vidro se curva de xeito continuo e a luz inunda ese espazo con vistas á terraza.

Pero aínda resulta máis agradable se é para disfrutar dunha exposición retrospectiva sobre a obra de Anish Kapoor, este escultor nado en Bombai, de formación británica e cosmopolita de vocación que nos atrapa coas súas reflexións sobre o baleiro e as ilusións espaciais. E faino utilizando os máis diversos materiais: unha parede oca na que un amarelo intenso e uniforme nos engana facéndonos dubidar da existencia de profundidade [Amarelo, 1998]; unha pirámide con vaxina que evoca o seu gusto polas cavernas, polas entranas da terra como orixe [Nai como montaña, 1985], na que o pigmento vermello se difunde, intenso e uniforme; uns espellos cóncavos que, cubertos de intenso azul prusia, parecen superficies planas e sen volume, igual que o Adán perforado nunha rocha a xeito de grota; as superficies de aceiro pulido e brillante -ben diferentes do aceiro cortén de Richard Serra na Sala do Peixeque deforman as nosas figuras a medida que nos achegamos e alonxamos, que nos fan dubidar sempre sobre a nosa percepción da imaxe; e as “provocacións” máis recentes, de cera ou formigón, de pintura lanzada con canón sobre un recanto; A miña patria vermella é un enorme cráter aparentemente creado por un brazo mecánico de movemento lento, e Greyman berra é unha fraga de cemento con ocos no interior, recreado como se dunhas tortas de cociña -feitas por aprendiz, desde logo- se tratase. Deume a impresión de que Kapoor se barroquiza, se deixa levar polas moreas de material -cera, formigón- que se autoconstrúen “case libremente”, para fuxir daquelas superficies minimalistas e ben pulidas que mellor o definen. Mais todo artista ten dereito á libre experimentación, a facer da arte non só algo estático, senón a fomentar as instalacións e as performances para que o espectador poida entrar no espectáculo e participar del; aínda que Kapoor dá unha nova dimensión a estas instalacións, facendo que sexa a propia obra de arte a que “escolla” o seu rumbo.

O autor afirmou -na inauguración da exposición- que “non tiña nengunha mensaxe que transmitir a ninguén”. Ollando a utilización específica que fai das cores primarias -esas que tanto amaba o neoplástico Mondrian– e aproveitando a explicación que Franz Marc daba ás cores básicas utilizadas na súa Vaca amarela exposta agora na terceira pranta do museo (o principio feminino é o amarelo, o masculino é o azul), un pode chegar a tratar de plasmar explicacións metafísicas nas que as cores de Kapoor poidan ter adquirido significados semellantes. En todo caso, non están utilizadas por casualidade, non queda un impactado simplemente polo vermello de Kapoor sen parar a pensar que máis nos quixo dicir, que máis nos quere facer entender.

Non está aquí (non podía ser, claro) A porta das nubes  (2004) de Chicago, non están máis que esbozados futuros proxectos de espazos urbanos nos que a forma orgánica ampliada, aquela que Moore tiña traballado libremente no primeiro tercio do século XX, adquire dimensións grandiosas. Porque dá a sensación de que nestes tempos a arte ten por forza que ser grandiosa, adquirir proporcións xigantes para chamar a atención do visitante, impactar.

Eu ben podo dicir que nos impactou Kapoor.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s