Na escola de Atenas


   

Se me desen a escoller preferiría ter sido un atento estudante que anota ensinanzas baixo a protección de Minerva nunha portada dos Guns and Roses que un sesudo nobre británico que participa de elucubracións vanas sobre o culto ao mundo antigo nun ambiente gótico, retratado por Joshua Reynolds en 1751 (parodia do cadro de Rafael), cando estaban en auxe as viaxes ás ruinas antigas seguindo o Grand Tour (e iso que no cartón de 1509, da Pinacoteca Ambrosiana de Milán, arriba citado, non aparece Miguel Anxo caracterizado como Heráclito). A Escola de Atenas de Rafael Sanzio, unha das iconas renacentistas de máis forza, tamén foi obxecto das parodias e reutilizacións. Ata Dalí, en 1979, engadíu rectángulos de cor para obter un aspecto máis estereoscópico da obra, aínda que sobre superficie plana.

“Os principais discípulos de Platón e de Aristóteles están agrupados en torno aos seus mestres. Á beira destes homes célebres vese a aquel que ten fama inmortal: Sócrates, en pé, fala con Alcibíades, que viste atuendo militar. Na mesma beira, pero máis perto de nós, vemos a Pitágoras, que está a escribir sobre as proporcións armónicas; Empédocles, Epicarmo e Arquitas están xunto a el. Ese mozo que leva un manto branco e se alonxa de Pitágoras como para achegarse a Platón é, segundo din, o retrato de Francesco Maria della Rovere, duque de Urbino e sobriño de Xulio II.

Ao borde do cadro, Epicuro, coroado de pámpanos, moi ocupado en escribir os seus preceptos explicados nos nosos días por Jeremias Bentham, semella facer pouco caso da secta de Pitágoras. Este Epicuro non se parece ao busto ao que dan actualmente o nome deste filósofo; probablemente non se tiña descuberto en tempos de Rafael.

No centro das gradas vese un home só, medio espido; é o cínico Dióxenes. Un xove parece querer achegarse a el, mais un vello disuádeo indicándolle a Aristóteles e Platón.

Á dereita do espectador, vemos o célebre grupo dos matemáticos. Arquímedes, inclinado sobre unha mesa, traza un hexágono cun compás. Din que Arquímedes [actualmente identificado como Euclides] é o retrato de Bramante, e ese xove que, cos brazos abertos, parece mirar con admiración a figura xeométrica que ven de trazar o seu mestre, é Federico II, duque de Mantua.

O cadro remata á dereita do espectador con dúas figuras que levan un globo. Representan a Zoroastro, rei dos bactrianos, e ao astrónomo Ptolomeo. Das cabezas situadas detrás de Zoroastro, a máis xove é o retrato de Rafael, e a outra a do Perugino [probablemente Sodoma].”

Stendhal: “Paseos por Roma”.

“(…) A escola de Atenas, agrupa a todos os homes do pensamento pagano arredor das figuras centrais de Platón e Aristóteles, enmarcadas por un arco. Contrariamente ás fotos escolares en xeral e á meirande parte dos retablos do século XV, cada participante ten algo que facer. A reunión naturalista e variada de intelectuais que escoitan e discuten foi unha característica que atraeu inmediatamente o favor do público e converteu a imaxe nun libro de texto para outros artistas “clásicos” posteriores. Do mesmo xeito que os seus frescos contiñan o proxecto cultural humanista posto en marcha por Petrarca case dous séculos antes, tamén cumprían as recomendacións dunha pintura “perfeccionada” descrita polos teóricos do século XV como Alberti. A súa insistente perspectiva arquitectónica invita á mente a disfrutar da súa propia capacidade para racionalizar e organizar o espazo. (Detrás de todo isto pode atoparse tamén a influenza de segunda man de Piero della Francesca, ese outro expoñente da perspectiva e do naturalismo que tiña traballado no Urbino natal de Rafael.)”

Julian Bell: “El espejo del mundo”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s