Gioconda


Cheo de misticismo e literatura, o retrato de Lisa Gherardini, esposa do Giocondo, un óleo sobre táboa de 77 x 53 cm realizado entre 1503 e 1516 por Leonardo da Vinci e adquirido por Francisco I en 1518, pecha en sí mesmo múltiples misterios que os teóricos da arte nos foron aclarando co tempo. Ata que chegou Marcel Duchamp, en 1919, e o converteu nun dos seus ready-mades máis significativos e provocadores [ver definición de ready-made]. Mona Lisa ten sido utilizada como icona transgresora en tantas ocasións que a súa familiaridade resulta próxima case ata para recén nados. É un símbolo cultural reproducido ata a saciedade, reformulado e plaxiado ata o exceso.

“A Gioconda é, no senso máis verdadeiro, a obra mestra de Leonardo, o momento revelador do seu xeito de pensar e do seu traballo. Canto á suxestividade, só a Melancolía de Durero é comparable e nengún simbolismo natural perturba o efecto do seu misterio subxugado e belo. Todos coñecemos a faciana e as mans da figura, fixados nunha cadeira de mármore, nese círculo de rochas fantásticas, como nunha luz pálida baixo o mar. Quizá de entre todas as pinturas antigas, o tempo detívose menos nesta. (…) ¡Poñámola por un intre á beira dunha desas deusas gregas brancas ou das fermosas mulleres da Antigüidade! ¡Cómo se perturbarían por esta beleza na que pasou a alma con todas as súas afeccións! Todos os pensamentos e a experiencia do mundo graváronse e moldeáronse aí, no que teñen de poder para refinar e facer expresiva a forma exterior; o animalismo de Grecia, a luxuria de Roma, o misticismo da Idade Media coa súa ambición espiritual e os seus amores imaxinarios, o retorno do mundo pagano, os pecados dos Borgia. Ela é máis vella que as pedras nas que está sentada; como o vampiro, morreu varias veces e aprendeu os segredos da tomba; mergullouse en mares profundos e conserva o fin dos seus días perto dela; traficou para obter estranas redes cos mercadores orientais; e como Leda, foi a nai de Helena de Troia; e como Santa Ana, a nai de María; e todo isto non foi para ela máis que un son de liras e frautas, e vive só na delicadeza coa que se moldearon os trazos cambiantes e tinguido os párpados e as mans. A fantasía da vida perpetua, unindo dez mil experiencias nunha vella; e a filosofía moderna concebíu a idea da humanidade forxada nisto, e sumou en sí mesma todos os xeitos do pensamento e a vida. Certamente, a dama Lisa pode figurar como a personificación do antigo anceio, o símbolo da idea moderna.”

Walter Pater: “Leonardo da Vinci”.

“A Gioconda foi propiciando ao longo do século XIX unha retórica literaria, unha serie de materiais de interpretación, que acabou dotando á pintura dun halo engadido, dunha intensa sobrecarga ideolóxica. Trátase dun proceso que arranca coa identificación romántica da imaxe coa figura dunha muller ideal, e que culmina no marco das poéticas simbolistas e decadentistas coa súa transformación nunha figura de “muller fatal”. É nese intre cando a obra de Leonardo se percibe como expresión dunha mirada hipnotizadora e o famoso sorriso se equipara a un “enigma indescifrábel”, o enigma do “eterno feminino”.

Así que a obra de Leonardo rematou sendo algo máis que unha pintura. Era unha pintura e un mito. Ou mellor, unha obra de arte e un dispositivo mítico aberto, unha especie de espello simbólico, no que ollarse e verse reflectidos os desexos e ansiedades nun determinado momento da nosa cultura. (…)

Por que esa imaxe nos resulta hoxe tan familiar, tan intensamente próxima? O motivo hai que situalo nun suceso histórico moi concreto: o roubo da táboa de Leonardo, que desapareceu do Museo do Louvre, de París, en agosto de 1911. O furto desatou unha auténtica histeria nacionalista, no axitado clima social e político do momento, cando se estaba a xestar o que sería a Primeira Guerra Mundial. Pero o auténticamente decisivo para a nosa cuestión é que as revistas ilustradas da época, tanto en Francia como no estranxeiro, ao relatar a desaparición da obra, reproduciron masivamente, con meirande ou menor fidelidade, a imaxe da pintura.

Neste clima, a imaxe fíxose sumamente “popular”. Para “reparar” a perda, as artistas de variedades máis coñecidas do momento, mais tamén as máis respetadas actrices de teatro clásico e algunha cantante de ópera, foron fotografadas, posando como Mona Lisa, peiteadas como ela  con roupas máis ou menos semellantes.”

José Jiménez: “Teoría del arte”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s