Visións do Quattrocento


 

Na Italia do século XV conviven pintores que incorporan plenamente a nova linguaxe renacentista e outros que manteñen algún vencello co pasado, deixándose levar por un certo decorativismo herdado do estilo gótico internacional.

Un tributo ao espírito cortesán do derradeiro gótico atopámolo na Adoración dos Reis Magos pintado por Benozzo Gozzoli para a capela do Pazo Médici-Ricardi entre 1459 e 1461. Trátase dun fresco que recrea, con toda pompa, a entrada do penúltimo emperador bizantino, Xoan VIII Paleólogo (recreado noutra parede como rei Baltasar), en Florencia en 1439, con ocasión da celebración dun concilio eclesiástico destinado a achegar as posturas entre as igrexas cristiás de Oriente e Occidente. Gozzoli convirte un asunto piadoso na expresión do luxo da corte medícea, aproveitando a recreación da cabalgata de Reis que todos os 6 de xaneiro se celebraba na cidade, organizada polos distintos gremios. Os personaxes sitúanse en primeiro plano e en camiños sinuosos que revelan o uso da perspectiva cabaleira e os escorzos combinados cun fondo de fantásticas e acartoadas rochas repletas de variada vexetación. No cumio dos outeiros destacan os vellos castelos medievais que agora se reconverterán en villas rurais, e no plano intermedio preséntase unha nova distracción da aristocracia: a caza. Gozzoli preséntanos unha panorámica global, con certos espazos nos que o amoreamento de figuras é notable, e describe con preciosismo as vestimentas e os arneses, as plantas e as flores. As figuras, empequenecidas, parecen xogar ás veces o papel de figuríns danzantes en trance de executar unha bela coreografía. A cor é brillante, ben parece que nos atopamos diante dun tapiz de vivas cores.

Unha táboa desa mesma época, pintada en 1460 por Andrea Mantegna, coa mesma temática (a Adoración dos Reis Magos) amósanos a interpretación dun autor que enfatiza a liña na presentación dos personaxes e obxectos, que engade á natureza cavernosa o aspecto de esculturas pétreas de boa parte dos protagonistas. Mantegna prescinde do preciosismo -aínda que manifesta un amor polo detalle que tamén comparte coa pintura flamenca-, recrea con espírito arqueolóxico unha escena na que as figuras teñen un forte peso. Xa ben máis tarde, cara a 1498, o propio Mantegna pinta outra Adoración dos Reis Magos na que o énfase sobre as facianas con olladas expresivas dos protagonistas se acentúa, colocando á Virxe, San Xosé e o Neno nun diálogo tête à tête cos Magos oferentes. O fondo é neutro, as figuras recúrtanse netamente sobre el e volven adquirir unha consistencia pétrea que adquire vida por medio de cores realzadas e unha luz contrastada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s