Simbólico interior de Campin


 

Unha pintura da National Gallery datada cara a 1440, obra de Robert Campin, descúbrenos as esencias da pintura flamenca do século XV. A obra é a Virxe da pantalla de vime. Nun interior doméstico, a Virxe amósase humana, ofrece o seu peito ao Neno Xesús resgardada da cheminea que quenta a estancia por unha pantalla de vime a xeito de halo. Mais a pintura flamenca desta época ten múltiples significados ocultos: non só o círculo do vime ten a forma de halo; a chama que asoma detrás dela evoca o Espírito Santo; a banqueta de tres patas da esquerda simboliza a Santísima Trinidade, o mesmo triángulo máxico que describe a perna esquerda flexionada do Neno sostida polo brazo esquerdo da Virxe… E á beira dos símbolos atopamos as evidencias minuciosas e detallistas: os caracteres do libro evanxélico, unha escena urbana na que simbólicamente dous homes suben por unha escada deitada contra unha casa para traballar no teito (é unha advertencia contra a preguiza tomada do Eclesiastés), a baldosa octogonal baixo o manto da Virxe coa que se alude ao día da circuncisión da lei xudea (ten oito lados). Todo retratado cun realismo que o óleo exacerba.

A Virxe da pantalla de vime, como se coñece comunmente o cadro, retrata unha escena doméstica. A muller é a Virxe María, Nai de Deus, que arrola ao seu divino infante. Mais é tamén un personaxe moi deste mundo, unha nai xove que lle dá o peito a un bebé inquedo ou simplemente desinteresado. Unha limpeza recente revelou detalles minúsculos e precisos: reflexos de luz nos mobles, un anel de metal sobre a cabeza da Virxe , o lintel da cheminea, demostracións todas do vivo interese do artista por ofrecer unha impresión de realidade cotiá.

Quen fose o pintor, parece ter estado insatisfeito cos usos tradicionais da iconografía cristiá. Obviamente intrigado polas posibilidades dunha arte que era capaz de imitar a realidade, como con tanto esmero estaba a demostrar por eses días a pintura dos Países Baixos, transformou os obxectos de uso diario dun medio fogareño en símbolos de símbolos: dos máis evidentes (a pantalla tecida que remeda a aureola da Virxe) a moitos outros con maior sutileza. Co emprego de certos obxectos en sustitución dos que tradicionalmente aparecían nas escenas relixiosas, o pintor satisfaceu dous propósitos a un tempo: elevou a unha nai humana desde o seu ámbito corrente ata un sitial sagrado do panteón cristián, ao presentala como a Nai de Deus, e humanizou o divino ao iugalar e comparar os sagrados atributos da Virxe cos obxectos dunha morada terreal.”

Alberto Manguel: “Leer imágenes”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s