Virxes e Nenos dialogan


 

Sentimentalidade e emoción conxúganse nas figuras marianas que os pintores da escola de Siena elaboran ao longo de finais do século XIII e comezos do século XIV. Eses sentimentos parecen tomar forma na liña ondulada que cingue a túnica azul da Maestá de Duccio, na faciana melancólica e de sombras suaves que mira de reollo ao espectador. A Virxe permanece allea ao cortexo dos anxos máis próximos, aqueles que a observan con admiración ao borde da súa cadeira torreada; mais toma corporeidade, igual que o seu trono se dispón tridimensionalmente diante dos nosos ollos, probablemente por influencia das figuras escultóricas que Giotto xa tiña plantexado a esas alturas. Porque a Maestá de Duccio, realizada entre 1308 e 1311, é unha obra na que as vestimentas dos personaxes adquiren colorido vibrante e expresividade nas miradas, aínda gardando lembranzas bizantinizantes como o fondo dourado e detalles medievais como a perspectiva xerárquica da Virxe. Da mesma época, datada en torno a 1310, é a Madonna di Ognissanti de Giotto, sen dúbida cun volume máis monumental, cunha corporeidade escultórica que minimiza os corpos dos anxos e apóstolos que contemplan á figura principal; aquí, a perspectiva xerárquica da Virxe afírmase dun xeito ampuloso.

Giotto aporta corporeidade, os sieneses tenrura. E para mostra unha pequena táboa de Ambrogio Lorenzetti, a Virxe co Neno pintada cara a 1320. O pintor sienés asumiu a monumentalidade tridimensional das figuras do florentino, dotou de afectuosa relación á Nai e ao Fillo, que manteñen comunicación a traverso das miradas. E foi sumamente detallista á hora de escoller o trenzado da doce Virxe, o espléndido manto bordado e revestido e o pano violáceo co que sostén ao Neno. Nesta táboa xa non hai miradas estranas, alleas, incómodas: nai e fillo manteñen unha comunicación humana, lonxe das obrigas do protocolo, alleas aos ollos de santos, anxos, apóstolos ou espectadores; o mundo dos dous personaxes, nun marco divino transcedente, é atemporal, belo, incorruptible. Ben lonxe daqueles outros Nenos que forzadamente miraban cara a fóra da táboa, sen entregarse á contemplación do ser materno.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s