Os sartegos góticos


 

No Gótico  adquiere grande desenvolvemento a escultura funeraria, como signo de prestixio.  Múltiples capelas funerarias, en igrexas e catedrais, albergan no seu interior o sartego do seu fundador ou fundadores, na parede os escudos que amosan a fidalguía e importancia social da estirpe. Estamos diante dun tempo moi familiarizado coa morte, por outra banda, moi especialmente despois da “peste negra” que abateu Europa cara a mediados do século XIV.

As tipoloxías dos sartegos son moi variadas, indo desde os aderidos á parede aos exentos. O defunto, morto ou vivo, represéntase en variadas posicións: xacente, orante (a partir do século XIV), lendo (xa no século XV),… caracterizado e retratado con realismo. Trátase dunha escultura en relevo, na que as figuras adquiren ás veces forma case de vulto redondo exento.

Un exemplo de estatua xacente, do último tercio do século XIII, é o sartego do infante don Felipe na igrexa de Santa María de Villalcázar de Sirga; ricamente ataviado, o irmán de Alfonso X sostén na súa man unha grande espada e un falcón, símbolos do seu alto rango. A escultura, en pedra policromada, forma parte dun sartego no que se escenifican, nas súas frontes, as diferentes etapas que rodean á morte e ao sepelio; o enorme cortexo fúnebre, disposto baixo arcos oxivais lobulados, camiña entre prantos; aos pés do sartego, o cabalo do defunto, sen xinete, porta o escudo invertido do infante.

Iconográficamente, aínda que non pola súa calidade, chamamos a atención sobre o sartego de Fernán Pérez de Andrade, “O Bóo”, en Betanzos, realizado a finais do século XIV. O persoeiro, ataviado con armadura e cordón franciscano (non en van permanece enterrado na igrexa de San Francisco), amósase xacente, coas mans orantes, entre anxos que portan a súa alma cara ao ceo e cuns cans aos pés que simbolizan a fidelidade daquel ao que se lle atribúe a frase “Non quito nin poño rei, só axudo ao meu señor” (teóricamente pronunciada cando o nobre galego deu morte a Pedro o Cruel). Nos laterais do sartego dispóñense, dun xeito tosco, escenas de caza, nas que as cabalgatas de cazadores se dirixen desde os pés á cabeceira, insistíndose na cacería do xabarín -animal emblemático da casa- e do oso, animais que tamén sustentan o propio sartego.

Dun estilo semellante, co defunto xacente, é a tomba de Philippe Pot (1477-1483), atribuída a Antoine Le Moiturier. Vestido con armadura, ten aos seus pés un león (símbolo da ferocidade, do carácter de gobernador do personaxe).  O conxunto, dun forte contido teatral, incorpora aos pleurants encapuchados, cada un deles cun escudo que lembra as oito provincias gobernadas por Philippe Pot. Estes “doentes” son dunha factura semellante aos que Claus Sluter tiña incorporado ca. 1405 á tomba do duque Filipe o Atrevido de Borgoña; e, por suposto, amosan a mesma gravidade moral que aqueles, unha expresiva nota da arte borgoñona do século XV. [Ver quen era Claus Sluter].

O sartego do infante don Alfonso tallado en alabastro por Gil de Siloé a finais do século XV (1489-1493) presenta unha tipoloxía característica daquel tempo: o protagonista permanece orante diante dun reclinatorio e  inserto nun nicho, un arcosolio con arco carpanel cobixado baixo outro conopial. Os detalles da tea e do libro de oracións indican un magnífico traballo do escultor.

Cara a 1492 foi tallado -tamén en alabastro-, seguramente nos obradoiros de Sebastián de Almonacid, o xacente Doncel de Sigüenza, sartego que lembra a don Martín Vázquez de Arce, cabaleiro da Orde de Santiago (que loce no seu peito), morto na “cruzada” de Granada contra os musulmáns. Cun libro nas mans, amósase meditabundo e coa mirada perdida no chan. Aúna deste xeito o personaxe, tumbado e coas pernas cruzadas, o espírito de home de armas para a defensa da fe e a leitura para acadar a sabedoría. Un pequeno paxe aos pés da figura chora pola súa morte en batalla, mentres o protagonista deixa que a súa mirada se perda no máis alá, lugar de residencia da alma.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s