A pintura románica…


Esencialmente é pintura mural ao fresco. As cores, a base de pigmentos diluídos en auga de cal, aplicábanse a unha capa de enlucido (de xeso ou estuco,…) cando aínda estaba húmida; cando secaba, adquiría grande dureza e resistencia. Tamén se aplica sobre táboa, sobre todo en frontais de altar e pequenos retablos.

Cara a 1160, mentres en Compostela se estaba a realizar o Pórtico da Gloria, un hábil artista anónimo ilustrou as bóvedas e paredes do Panteón Real de San Isidoro de León. Acotou cunha liña negra a contorna das figuras, encheu as superficies de cores vivas e planas e plantexou un compendio iconográfico que incluía escenas esenciais como o Pantocrátor envolto na súa mandorla mística, o Anuncio aos pastoresA matanza dos inocentes ou a Santa Cea. Todas elas son significativas escenas da vida de Cristo que ilustraban ante os fieis as verdades teolóxicas, ao tempo que no intradós entre o Anuncio aos pastores e o Cristo en maxestade se escondía a representación dos distintos meses do ano, cada un coa súa tarefa específica: a poda das vides en marzo, a sega do trigo en xullo, a vendima en setembro, a ceba dos porcos con landres en outubro,… [Podes ver unha análise de todas estas tarefas e representacións nesta web]. Non é casualidade esta ubicación, pois o tempo, que rixe a vida rural, é moi importante no medievo; e está rexido polo Pantocrátor-Cronocrátor, Cristo en maxestade.

A pintura románica está perfectamente adaptada á arquitectura. Nas igrexas catalanas, a arquitectura incorpórase á composición pictórica, pasando a formar parte dela:

“(…) cando falemos das ábsidas catalanas hai que entender que arquitectura e pintura non eran dúas cousas diferentes, pois un simbolismo común unificábaas nun só conxunto; as pinturas absidiais estaban pensadas e organizadas en torno ás xanelas e á luz que por elas penetraba. Volvendo a Sant Climent de Taüll, á beira da fiestra, baixo a man destra levantada do salvador, a figura da Virxe ampliaba e perfilaba o sentido do conxunto absidial. María levaba na súa man esquerda, tapada co manto ao xeito bizantino, unha cunca cun líquido vermello do que saen raios. Eran raios luminosos que se conectaban coa luz da xanela e coa proclama Ego sum lux mundi do libro do todopoderoso; significaba unha nova e complementaria oferta da luz ao rabaño dos fieis, outorgada pola nai de Cristo, pola que deu á luz ao salvador da humanidade, doando o froito do seu ventre á terra para que deixase nela as luces da súa predicación, o seu exemplo e o seu sacrificio.

(…) Na ábsida de Sant Climent era a xanela a encargada de conectar o nivel intermedio co superior; máis exactamente, co espazo definido pola mandorla que rodea ao pantocrátor; porque a estreita franxa que separa o ámbito celestial do intermedio está interrompida no seu centro por un semicírculo (formado por bandas arqueadas que pechan unha decoración vexetal), símbolo do mundo, encargado de conectar as dúas zonas.”

Facundo Tomás: “Escrito, pintado”.

As imaxes e escenas alusivas aos santos ocupan un lugar importante na iconografía románica, na medida en que as súas vidas e martirios siguen o exemplo de Xesucristo. Como exemplo de pintura sobre táboa, o frontal dos santos Quirce e Xuliña narra o martirio de ambos santos en tempos de Diocleciano; Xuliña, apresada na cidade de Tarso xunto co seu fillo Quirce, despois de negarse a prestar pleitesía ao emperador, foi conducida con Quirce ao martirio, consistente nun conxunto de tormentos case indescriptibles: a inmersión nun caldeiro de aceite fervendo, coiteladas varias, marteleo de cravos no cranio e aserrado final do corpo para convertelo en pequenos anacos. As figuras alongadas e simplificadas, os fondos planos, a ausencia de perspectiva e o silueteado en negro das contornas son elementos típicos da pintura románica que se presentan aquí. [Olla unha descripción desta escena aquí].

Outras mostras pictóricas son, por exemplo, os bordados. Sen lugar a dúbida, o máis coñecido, realizado ca. 1077, foi o tapiz de Bayeux, cunha lonxitude de case 90 metros por 51 cm de alto. Esta obra, restaurada no século XIX, narra as causas e desenvolvemento da batalla de Hastings -que enfrontou a Guillerme de Normandía e ao inglés Harold polo trono de Inglaterra trala morte do rei Eduardo o Confesor-. A tapicería lexitima a vitoria normanda nestes feitos acontecidos en 1066. O bordado é como unha cantiga de xesta que cantaban os xograres da época, nas que se narraban batallas, encontros furtivos, traizóns e fábulas fantásticas. [Podes ver un vídeo animado sobre este tapiz -creado por David Newton- aquí; tamén podes consultar un traballo sobre a relación do tapiz cos bestiarios medievais].

* Comproba nesta web as características das principais igrexas do val do Boí, patrimonio da Humanidade declarado pola UNESCO no ano 2000.

* Date un paseo pola colección de arte románica do MNAC.

* Accede a unha presentación sobre a pintura románica.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s