En Moissac…


  

Vindo de Le Puy [ver mapa do Camiño], despois de pasar por Conques, case 200 km despois, o pelegrín chega a Moissac, e repousa diante da fachada sur da basílica de San Pedro. Atópase de fronte co Apocalipse de San Xoan, coa visión do trono establecido no ceo, con Cristo sentado (Apocalipse, 4.2), rodeado de vintecatro tronos nos que sentan vintecatro anciáns (Apocalipse, 4.4) vestidos con túnicas brancas. Cristo en maxestade (Maiestas Domini) preside a escena acompañado polo Tetramorfos (a representación escultórica dos catro evanxelistas baixo as súas formas de home -San Mateo-, touro -San Lucas-, león -San Marcos- e águia -San Xoan-) e os 24 anciáns que, simétricamente distribuidos en tres rexistros, volven as súas cabezas cara ao centro do tímpano, onde se atopa Cristo hierático e entronizado. Dous anxos serafíns, con cartelas e expresións beatíficas, de dimensións case divinas e formas alongadas, ocupan o espazo entre os anciáns e os evanxelistas.

Cristo Xuiz, coa Biblia na súa man esquerda e bendecindo coa man dereita, en posición vertical e con expresión hierática, aparece coroado e rodeado por unha mandorla mística estrelada, continuando coa súa verticalidade a liña sinalada polo parteluz -no que se dispoñen tres parellas de leóns rampantes transversalmente (para algúns relacionados con Cristo, para outras interpretacións relacionados co mal)-.

En conxunto, as pregas dos representados son esquemáticas, acentuándose as liñas paralelas en horizontal e os zigzags que denotan un desinterese polo naturalismo. Outra mostra de antinaturalismo percibímola na disposición dos pés en V dos distintos personaxes, ademais da escasa profundidade do conxunto, cunha clara xerarquía de dimensións por parte da divinidade, fronte á pequenez dos anciáns.

O conxunto do tímpano complétase cun lintel no que se representan rodas de lume que simbolizan o lume infernal do Apocalipse. Nas xambas recréanse ondas de perfil dentado e sitúanse as alongadas figuras de San Pedro e Isaías.

A iconografía románica alcanza en Moissac a súa función máis expresiva e simbólica: as imaxes envían unha mensaxe e encarnan un poder sobrenatural, encargándose de expresar a omnipotencia divina. Dun xeito sinxelo, o artista anónimo que esculpiu a fachada meridional da basílica entre 1120 e 1135, ocupando un espazo que na base do lintel acada case 6 m. de ancho, plasma unha escena típica da iconografía románica. As archivoltas que acollen esta escena de clara adaptación ao marco están marcadas por unha decoración vexetal tamén moi esquematizada.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s