Leóns no outeiro vermello


Unha grande cunca dodecagonal acolle aos doce leóns surtidores que ocupan o centro do patio no Pazo dos Leóns da Alhambra (o outeiro vermello). No bordo da cunca lense aqueles versos de Ibn Zamrak: En apariencia, auga e mármore parecen confundirse, / sen que saibamos cal de ambos se escorre./  Non ves como a auga se derrama na cunca, /mais os seus canos escóndena deseguida? / É un amante do que as pálpebras sobordan bágoas, /bágoas que esconde por medo a un delator.”

As bágoas levaron carbonato cálcico ao mármore branco das figuras que representaron ás doce tribos de Israel, símbolos zodiacais nunha fonte orixinaria de vida que derrama a súa auga nos catro ríos do Paraíso (as catro canles do Patio dos Leóns evocan os ríos Pisón, Guixón, Tigris e Éufrates citados no libro da Xénese). Probablemente os leóns procedan da casa do visir e poeta xudeu Yusuf Ibn Nagrela, e fosen realizados no século XI, aínda que a cunca se construíu entre 1362 y 1391, no segundo periodo do reinado de Mohamed V. Desde o momento en que se creou a cunca tiveron que adquirir o significado de guerreiros protectores do sultán.

Despois de moitos anos expostos á intemperie, os leóns están a restaurarse, nun proceso que se iniciou en 2007 e debe concluir en 2010. Como se pode apreciar na fotografía aportada por www.elpais.com, as faccións das facianas e as orellas son as partes máis afectadas polo deterioro temporal, e o escáner láser en 3D desvelounos a forma orixinaria destas figuras:

leons_alhambra

“Pasamos baixo unha bóveda mourisca, belamente arqueada, para saír ao renomeado Patio dos Leóns. Nengunha outra parte da Alhambra dá idea máis completa da súa beleza orixinal que este patio, porque é o lugar que sofreu menos -case nada, por certo- os rigores da fatal acción do tempo. Álzase no centro a fonte a que tanta celebridade deron a fábula, a poesía e os cantares. As súas cuncas de alabastro non cesaron de esparxer pingas diamantinas, e os doce leóns que as sosteñen, e que dan nome a este incomparable lugar, aínda botan chorros cristalinos, como na idade de Boabdil. Estes leóns non merecen positivamente a fama que alcanzaron: están pobremente esculpidos, acaso traballo realizado baixo o peso das cadeas por algún cautivo cristián. O patio aparece sementado de leitos de flores, cos que sustituiron os franceses -rara proba de mal gusto nesa nación- as antigas baldosas de ladrillos. (…)

Nunha beira do Patio dos Leóns , un magnífico portal abre entrada á Galería dos Abencerraxes, que debe o nome á ilustre linaxe de valentes cabaleiros que aquí sofreron pérfida matanza. Aléntanse dúbidas sobre a veracidade do suceso. O noso cicerone, Mateo, sinalounos a portela por onde foron levados os abencerraxes, un a un, ao Patio dos Leóns, e a fonte de branquísimo mármore que hai no centro da galería, ao pé da que os degolaron. Tamén nos amosou uns sinais vermellos no chan, manchas de sangue que, segundo a crenza popular, non poden borrarse a pesares dos esforzos despregados para logralo.”

Washington Irving:    “Contos da Alhambra”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s