Novelistas en museos


Na estela dunha das obras máis adorables que nunca se teñan escrito, Un novelista en el Museo del Prado  (de Manuel Mújica Láinez) – á que xa temos dedicado un blogue recopilatorio e laudatorio, Zoé Valdés ven de publicar Una novelista en el Museo del Louvre.  

Para que vos enganchedes, reproducimos un fragmento:

“A presenza de François Cheng é silenciosa, os seus pasos apenas tocan o chan, tal parece que levitase, mentres merodea con breves paseíños o cadro de Jan van Eyck. No seu libro Pèlerinage au Louvre, publicado por Flammarion, na colección do Museo do Louvre (2008) describe este cadro do mesmo xeito que o observamos hoxe aquí a el: calado, en absoluta apreciación do invisible, cun lixeiro sorriso que marmura a ledicia. E, de súpeto, a luz alaranxada da aurora envolve a escena: o escritor chinés, o cadro, a sala do museo que abrirá en poucas horas. O grupo baixo a incandescencia visionaria, semellante a unha boneca rusa dentro doutra, reaparece como o cadro dentro do cadro.

No seu texto, François Cheng refírese ás presenzas divinas, ao anxo presto a coroar á Virxe, esta vestida dun vermello forte, cunha capa púrpura e libidinosa que cobre os seus brazos, a cabeleira rizada e rubia solta, os ollos baixos; o home que, axeonllado, venera os seus xestos, un home de carne e óso, “austero”, as mans piadosas, o rezo, o libro aberto. Nada é real, todo é divino, e, sen embargo, é unha escena que se pode crer. No meu caso, ao observar dentro desta escena a silueta do escritor, tamén asistencia exultante do divino, resulta un intre de eternidade, demarcación sen embargo do exclusivamente santificado. E, como amplía Cheng no seu texto, “os dous reinos, terrestre e celeste, están ligados”, “a comunión entre o humano e o divino reside no posible”.

E nesa residencia sostense este libro, que escribo non só porque son unha amante dos museos, e en particular do Louvre, ademáis, porque admiro a Manuel Mújica Láinez, e inspirada en Un novelista en el Museo del Prado, decidín escribir este libro, e tamén admiro a François Cheng. Pertenzo a unha época na que aínda se veneraba aos pais literarios, se recoñecían as influencias literarias, a escritura inspirábase na lectura dos clásicos, e dos autores que, aínda sendo vivos, se transformaban pola forza da súa obra en autores imprescindibles.”

Con esta declaración de afectos e intencións é difícil resistirse a un paseo polo Louvre.

One thought on “Novelistas en museos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s