Severidade grega


 

Nos primeiros anos do século V -máis concretamente entre 480 e 450 a.C.-  ten lugar en Grecia a transición desde o arcaísmo ao clasicismo. É o período preclásico ou estilo severo, no que se acentúa a “imitación da natureza” -por usar unha expresión retrospectiva-.

As esculturas abandonan a frontalidade, desaparece da súa faciana o sorriso arcaico e acentúase a compostura grave das figuras, os cabelos recúrtanse e os cranios deixan de ter o formato alongado dos kouroi e korai antigos, o bronce difúndese como técnica preferente -co conseguinte abandono do mármore-.

A esta época corresponde o auriga de Delfos, que formaba parte dun grupo dedicado a Apolo polo tirano Polizalos de Gela (Sicilia); revestido pola longa vestimenta dos aurigas, que na cerámica ática parece de liño branco, o personaxe amósase ríxido e tenso na súa expresión, alongadas as súas extremidades por estaren seguramente ocultas detrás do ampyx do carro que o portaría; as pregas da súa túnica longa, cinguidas na cintura e soltas no torso, establecen un volume que evita a rixidez columnaria; a torsión de pés e faciana contribúe a dar certo movemento a unha figura que destaca tamén pola carnosidade dos seus beizos e fazulas, polo xesto sereo e concentrado.

Desta época (480 a.C.) é tamén o efebo de Kritios, superador da frontalidade, a primeira manifestación escultórica da aplicación do contraposto. Esta figura de mármore parece ter vida, “é un ser humano de pés a cabeza” -a dicir de Julian Bell-. Esta estatua representa mellor que nengunha a “revolución grega” na que un novo naturalismo marca tanto o abandono da estilización arcaica como a chegada do primeiro clasicismo.

De ca. 480 a.C. é tamén o grupo dos tiranicidas Harmodio e Aristogitón. Son obra de Kritios e Nesiotes para conmemorar o triunfo das liberdades despois da expulsión dos tiranos de Atenas (Hipias e Hiparcos) en 510. Os protagonistas, de tamaño natural, entregados á acción que executan, foron realizados orixinariamente en bronce, aínda que hoxe coñecemos só a copia romana en mármore que se acha no museo de Nápoles. As figuras gañan en dinamismo e movilidade, multiplicándose os puntos de vista -dada a súa concepción para un espazo público, a ágora, onde debía ser vista por todos os viandantes-, teñen musculaturas volumétricas de forza contida e manteñen unha idealización da faciana que non resulta acorde co seu movemento, case abalanzándose cara ao espectador.

Outro bronce significativo da época severa é  o Poseidón do cabo Artemisión (ca. 470 a.C.), representado cando se dispón a lanzar o tridente, un momento que desculpa a exhibición da súa anatomía con xesto soberano e contido na faciana. A figura, atopada no fondo do mar en 1928, garda unha proporción axeitada entre as súas partes; probablemente o máis destacado é que se inscribe nun cadrado perfecto, pois a altura dos pés á cabeza é igual que a distancia entre a punta dos seus brazos extendidos; non obstante, certos erros de proporción tamén se observan en que o brazo esquerdo é máis longo que o dereito e os pés son excesivamente grandes. Poseidón está nun intre de quedanza, no momento previo á furia contida antes de lanzar o tridente, algo así como aquela expresión contida do David de Miguel Anxo antes de soltar a súa honda: é a representación do ritmos. Sereo e sobrio, o poderoso Poseidón non nos advirte dende a súa altura superior aos 2 m., está por enriba dos mortais, mais non esconde o seu aspecto atlético, ese que fai del un excelso humano divinizado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s