Raptos


 

Cóntanos Indro Montanelli a historia do rapto das sabinas falando da necesidade daqueles primeiros romanos de mulleres coas que ter fillos; e acude á lenda, “que nos conta o que fixo Rómulo, ou como se chamase o capitoste daqueles tipexos, para procurarse mulleres para el e os seus compañeiros. Organizou unha grande festa, tal vez para celebrar o nacemento da cidade, e invitou a tomar parte nela aos veciños sabinos (ou quirites), co seu rei, Tito Tacio, e sobre todo, ás súas fillas. Os sabinos acudiron. Mais, mentres estaban dedicados a apostar nas carreiras a pé e a cabalo, que era o seu deporte preferido, os donos da casa, moi pouco deportivamente, roubáronlles ás súas fillas e botáronos a puntapés.” Este episodio estaría na orixe, para apaciguar aos sabinos, da monarquía dobre entre romanos e quirites, o primeiro período político da nacente Roma; ou ben o rapto pudo ser, sen máis, o xeito primitivo de tomar en matrimonio ás mulleres, aínda que con consentemento dos pais respectivos. Esta historia sirve de inspiración a Giambologna para trazar, cunha liña serpentinata de dinamismo ascendente incuestionable, a escultura de mármore do Rapto da sabina que hoxe permanece na loggia dei Lanzi, na praza da Señoría, en Florencia. Trátase dun grupo de mármore de máis de catro metros de altura con tres personaxes con ritmos diferentes: o vencido, encollido cara ao chan, ben lembra á figura dun loitador helenístico; o romano espido estírase para atrapar á sabina que tenta escaparse arqueando as súas costas; o alongamento das figuras, a teatralidade dos xestos e a multiplicidade de puntos de vista querida polo autor son trazos manieristas ben evidentes. O grupo foi realizado por Giambologna en 1582.

En 1616, Rubens elexiu outro tema de rapto para levar á pintura. Neste caso, trátase da historia dos Dioscuros, Cástor e Pólux, os irmáns da tamén raptada Helena de Troia, que están en acción de levarse ás fillas do seu tío Leucipo, que xa estaban prometidas a outros primos; no combate subseguinte, o mortal Cástor -aquí representado coa súa armadura e a cabalo- perderá a vida; no cadro, o divino Pólux permanece espido e aferrado á terra. Aínda que na composición destaca sobre todo a carnalidade exuberante das figuras femininas, o dinamismo ascendente das mulleres dispostas en diagonais paralelas; a que está situada en terra ben podería ser a sabina que se tentaba escapar na composición de Giambologna. A tea de Rubens, ao principio da súa carreira, mantén un equilibrio na distribución das figuras, mais amosa o vibrante coorido -de influencia veneciá- co que se constrúen, unha acción desbordante e complexa, un punto de vista baixo que agranda as dimensións dos personaxes; estas últimas, todas elas características barrocas. A interpretación temática do Rapto das fillas de Leucipo non se fixo ata finais do século XVIII, cando o poeta alemán Wilhelm Heinse a relacionou cos Idilios de Teócrito.

Non sería a única ocasión en que o autor flamengo representaría raptos, pois ben coñecido resulta o Rapto de Europa, copia dunha poesía de Tiziano. Sen obxectivo matrimonial de fondo, Rubens tamén pintara o Rapto de Ganímedes, a xeito de alegoría do rapto da alma humana por Deus e o seu ascenso aos ceos.

Para rematar, que mellor que aludir ao rapto dunha obra de Rubens nun castelo danés. Velaí o pintor de raptos raptado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s