Fonte ecuménica


      

Cando Caspar Van Wittel (Vanvitelli) pintou a súa veduta de Piazza Navona, en 1699, xa estaba alí presente a Fonte dos catro ríos esculpida por Bernini e asentada en 1651, en tempos do pontificado de Inocente X (ese mesmo Papa ao que Velázquez retratou o espírito).

A estrutura da fonte está formada por unha pía elíptica na base; unha parte central na que están esculpidas en mármore unha serie de figuras xigantes que representan alegorías dos ríos máis importantes de cada continente coñecido naquel tempo: o Danubio (Europa), o Nilo (África), o Ganxes (Asia) e o Río da Prata (América); e o remate deste núcleo cun obelisco exipcio que para a ocasión foi coroado por unha pomba -símbolo do Espírito Santo e ao mesmo tempo emblema da familia Pamphili, á que pertencía o Papa-. A fonte era entón como unha decoración teatral para esta praza na que os Pamphili tiñan a súa residencia e desenvolvían toda unha serie de festexos públicos.

Entre os xigantes que evocan os catro grandes ríos está inserta unha natureza maxestuosa, da que xurden o cabalo, o león, o crocodilo, evocando os lugares xeográficos aos que se alegoriza. As figuras colosais dos ríos -moi expresivas e teatrais, situadas en magníficos escorzos- amósannos as súas facianas como síntoma de ser coñecidas as súas orixes, salvo no caso do Nilo, que permanece oculto porque as súas fontes aínda resultaban por entón inexploradas para os europeus.

A rumoroloxía popular aludía a que o xigante que representa ao Río da Prata ten posta a man diante para non ver a igrexa de Santa Inés que foi colocada diante del. Aínda sendo unha historia creativa, que non deixa de evocar a rivalidade entre Bernini e Borromini -autor da igrexa de Santa Inés- na Roma do século XVII, é falsa, porque a igrexa -que tamén está presente na veduta de Vanvitelli- foi erixida a partir de 1653.

O antigo circo de Domiciano, lugar sobre o que se asenta Piazza Navona, é un lugar de lecer e diversión para romanos e turistas. Disfrutar dos espectáculos, dos artistas, das terrazas e dos xeados é un privilexio que nin Audrey Hepburn, 300 anos despois do inicio das obras de Santa Inés, debeu perder; a praza tamén serviu de fondo para algunha escena de O estafador (Il Mattatore), con Vittorio Gasman. A fonte de Bernini foi rematada de restaurar a finais de 2008.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s