Éxtases místicos


   

O catolicismo mediterráneo do século XVII precisou de beatos e santos para dar exemplo. E que mellor que contar coa colaboración do máis grande escultor da época para plasmalo?  Cando Clemente X, o 28 de xaneiro de 1671, confirmou oficialmente o culto á mística Ludovica Albertoni -que viveu en Roma a cabalo entre os séculos XV e XVI-, encargóuselle a Bernini a realización dunha escultura en mármore para situar enriba do sartego da mesma. O escultor concluíuna en 1674, para ser situada na igrexa de San Francesco a Ripa.

E Bernini presentou á mística no momento da súa morte, en actitude de éxtase a xeito de unión con Deus. Esaxera o escultor o xesto expresivo da faciana, representa a figura a tamaño un chisco superior ao natural, retorce os hábitos de franciscana que portou en vida a Albertoni, enfatiza as calidades plásticas da luz esbarando oblicuamente polo corpo tendido da beata, ponnos cara a cara co éxtase.

Bernini xa tiña experiencia no tratamento dos éxtases místicos. Entre 1647 e 1651 esculpira, para a capela Cornaro na igrexa de Santa Maria della Vittoria, o Éxtase de Santa Tareixa, no que teatraliza e trata de poñer en mármore as verbas da santa, cando falaba dunha visión na que ao anxo “víalle nas mans un dardo de ouro longo, e á fin o ferro parecía ter un pouco de lume. Este parecía metérseme polo corazón algunhas veces, e chegábame ás entranas. Ao sacalo, parecíame que as levaba consigo, e deixábame toda abrasada en amor grande de Deus. A dor era tan forte que me facía lanzar xementos, mais esta pena excesiva estaba tan sobrepasada pola dozura que non desexaba que rematase.”

Estes días estamos acudindo moito a Blackburn:

“Cando Santa Tareixa de Ávila falaba dunha “frecha lanzada ás profundidades das entranas e do corazón”, de xeito que a alma non “sabe que é o que lle ocorre ou que é o que desexa”, e aínda máis cando falaba da experiencia como un trastorno, pero “tan deleitoso que a vida non contén nengún deleite que poida dar maior satisfación”, non inducíu só a Bernini a interpretalo en termos de orgasmo. Os seus contemporáneos tamén tiñan problemas para discernir se todo aquilo era obra de Deu ou do demo, e non foi sen discusión como optaron polo primeiro.”

Simon Blackburn: Luxuria.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s