A enerxía en España


    

Sempre que falamos do sector enerxético en España citamos o alto grao de dependencia que a nosa economía ten dos derivados do petróleo. A pesar de que os sucesivos Plans Enerxéticos Nacionais insisten na necesidade de incrementar a produción de enerxías renovábeis e alternativas, os datos de 2006 publicados polo INE salientan que o 57,7% do consumo de enerxía final provén dos produtos petrolíferos. E ben sabemos que a nosa produción neste campo é meramente simbólica:  en torno a 30.000 barriles diarios -por 1,6 millóns barriles diarios consumidos- maioritariamente producidos nas plataformas petrolíferas da costa tarraconense e, en menor medida, nas Loras burgalesas; en conxunto, representan o 0,2% do petróleo consumido anualmente. Polo tanto, debemos importar petróleo, e os datos de 2006 reflicten que a quinta parte das importacións procede de Rusia; contando co que procede de México, Arabia Saudí e Nixeria, sumamos o 54% do cru importado.

Co gas natural sucede algo parecido, pois a contribución da produción propia é testemuñal. O grao de abastecemento anual con produción propia está tamén no 0,2%. Mais a dependencia das importacións alxerianas é clave, pois máis do 30% do total procede dese país; sumadas ás procedentes de Nixeria constituiron a metade do total en 2008.  A rede de gasoductos, cunha definida trama litoral, perfila as comunicacións S-N e a través do val do Ebro para abastecer en primeiro lugar aos núcleos máis poboados.

Canto ao carbón, fonte de enerxía fósil e tradicional que se recuperou tras a primeira crise do petróleo en 1973, España tampouco é autosuficiente na produción do mesmo; importamos máis do 60% do total. No estudo “El carbón en España, un futuro negro”, realizado por Greenpeace e publicado a finais de 2008, indicábase a presenza de 23 centrais térmicas de carbón que producían o 23% da electricidade consumida, aínda que son responsábeis do 64% das emisións de dióxido de carbono por parte do sector eléctrico. A distribución das centrais térmicas obedece a diversos factores: a proximidade ás cuncas mineiras, a localización costeira como fonte de importación cara aos principais complexos portuarios e a proximidade aos centros urbanos máis poboados, lugares onde o mercado potencial é maior. Entre nós cabe citar o potencial contaminante da central de As Pontes, segundo un informe de WWF/ADENA.

En plena reapertura do debate sobre a enerxía nuclear en España, agora que se recomenda por parte de algúns sectores para contribuir a reducir as emisións que xeneran o quentamento climático, e sempre con sustos, o noso Estado mantén 8 centrais en funcionamento, a maior parte delas postas en marcha nos anos 1980. A produción nuclear representou en 2007 case o 18% do total do sistema eléctrico.

Como país esencialmente mediterráneo que somos, situados nun área de inestabilidade interanual canto ás precipitacións recibidas, as oscilacións na produción hidroeléctrica están vencelladas á alternancia de anos secos e húmidos. En 2007, non obstante, a explotación da enerxía hidráulica cubreu case a quinta parte do total da produción eléctrica, en consoancia co que ven acontecendo noutros países da OCDE. Na provincia de Salamanca, e concretamente en Aldeadávila, Villarino e Saucelle, instálanse algunhas das presas con maior capacidade de produción eléctrica. Aínda coa proliferación nos últimos tempos de minicentrais hidráulicas preferentemente situadas nas cabeceiras de ríos de montaña, o mapa de centrais hidroeléctricas de España non sufríu grandes alteracións con respecto ao esbozado a finais da etapa franquista.

De entre as enerxías alternativas, a eólica e a solar son as que se teñen desenvolvido máis no noso Estado, e especialmente desde a década de 1990 en diante. Moi dependentes das características climáticas, tenden a debuxar unha distribución diferenciada das potencias instaladas: a enerxía eólica aprovéitase sobre todo na costa galega, no estreito de Xibraltar e nas áreas montañosas do Sistema Ibérico, onde a forza do vento é máis prolífica; a enerxía solar é máis aproveitada alí onde as horas de insolación anual son máis abundantes, coincidindo as áreas de instalación de maior potencia co Mediterráneo e Andalucía. Plantas de reciclaxe de biomasa e residuos, centrais maremotrices, plantas xeotérmicas, completan un plantel de enerxías renovábeis que en 2006 só abasteceron pouco máis do 5% da enerxía consumida no Estado, ben lonxe do obxectivo proposto para o 2010, que consiste en que o 12% da nosa enerxía proveña de enerxías alternativas. E este é un campo no que mellorar amplamente.

No caso galego, o mapa enerxético modificouse tamén mercede ao desenvolvemento, sobre todo, do sector eólico.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s