Crónica bretona


  carnac_foto_grupo_conxunto2

Permitídeme empezar esta crónica bretona (Istoer a Vreizh) antes de emprender a viaxe. Permitídeme lembrar a recreación que Mario Vargas Llosa facía da viaxe a Bretaña de Paul Gauguin, o mestre postimpresionista que antes de viaxar ás antípodas (a Tahití en particular) pasou en compañía doutros pintores un tempo en Bretaña (entre 1886 e 1891). E escribe o autor peruano:

“Non fuches a Bretaña en busca do catolicismo preservado pola terca antimodernidade e o pasadismo do pobo bretón, que, naqueles anos, resistía silenciosa, firmemente, os empeños da Terceira República contra o clericalismo, para impor en Francia unha secularización radical. Fuches, como explicaches ao bo Schuff, en busca do salvaxismo e primitivismo que che parecían propicios para que a grande arte florecese. A Bretaña rural seduciute  desde o primeiro momento, por ser rústica, supersticiosa, aferrada aos seus ritos e costumes ancestrais, unha terra que alegremente daba as costas aos esforzos modernizadores do goberno e respostaba á secularización multiplicando as procesións, enchendo as igrexas, celebrando aparicións da Virxe por todos lados. Todo iso encantouche. Para mimetizarte co medio, puxécheste a usar o chaleque bordado bretón e uns zocos de madeira que ti mesmo tallaches e decoraches. Asistias aos “perdóns”, cerimonias particularmente concorridas en Pont-Aven en que os fieis, moitos de xeonllos, daban a volta á igrexa pedindo perdón polos seus pecados; visitabas todos os calvarios da rexión, empezando polo máis venerado, o de Nizon, e pelegrinabas á pequena capela de Tremaló, co seu antiquísimo Cristo de madeira policromada que che inspiraría outro cadro relixioso: o Cristo amarelo.

Mario Vargas Llosa: O Paraíso no outro recanto.

* Podemos seguir as previsións meteorolóxicas en MétéoFrance.

Viaxe ao fondo da noite na meseta castelá. Unha parada en Valcarce, un frío de noite primaveral en Burgos e un almorzo sinxelo en Irún anticipan a paisaxe plana, monótona e forestal das Landas. A paisaxe modifícase sobre terreos areosos camiño do Poitou e a atmosfera adquire un ton nuageux a medida que nos aproximamos a Bretaña. E entón a paisaxe convértese nun bocage transformado pola concentración parcelaria, aquí e alá xurden a estribor e babor destellos de regatos entre os que as ovellas e vacas pastan sobre un verde intenso; ás cinco da tarde do 25 de marzo, o autobús chega á capela de St Gwenn, onde xoves practicantes de rugby agardan ao autobús respectivo xogando con balóns oblongos. E, mentres tanto, 44 estudantes descenden atemorizados, inquedos, nervosos, ante a chegada inminente dos seus “correspondentes” bretóns. Xa é o momento agardado de amosarse agradecidos e por en práctica expresións e verbas longamente ensaiadas, xa é o intre de mergullarse na realidade do échange. Desde ese momento empezan a camiñar medio cento de experiencias galegas por terras de Vannes, nunha tarde entre nubes e claros, entre temores e ledicias. Moitas historias individuais estanse a tecer, mais a calma déixase sentir na ausencia de mensaxes e telefonazos dos estudantes aos seus profesores.

Xoves 26. Perto da place de Valencia, en lembranza da estadía de San Vicente Ferrer, atópase o Museo Arqueolóxico de Vannes, que expresamente abre as súas portas ás nove da mañá para que poidamos observar, no prémier étage, restos arqueolóxicos excavados no Morbihan, que delatan os cambios culturais da prehistoria nestes endroits; destacan especialmente os achádegos nos túmulos megalíticos (colares, cerámicas, machadas, puñais,…), tan abundantes nas culturas atlánticas europeas. Sobre unha fonte da praza de Valencia, Julien cóntanos grosso modo a historia de Vannes enlazada á de Bretaña (as orixes galorromanas de Darioritum, as primeiras murallas para defenderse das invasións xermánicas, o retroceso do mar ata o nivel do actual porto, a creación das murallas ou remparts baixomedievais, o traslado temporal do parlamento bretón desde Rennes durante o reinado do Roi Soleil, a chegada do ferrocarril no século XIX, a liberación polos norteamericanos da vila en agosto de 1944,…) e lévanos a coñecer os modelos de casas góticas do século XV, unha casa renacentista do XVI, a catedral, as portas das murallas, os vellos lavadeiros reconstruidos no XIX,… Unha mañá de paseo histórico pola vila abre o camiño a comer cedo -horario europeo, estamos en Francia- e ser recibidos ás dúas da tarde na casa do concello, onde aos agasallos se engade unha bebida co verre de l’amitié tras a proxección dun video que incide na recuperación do interese polo mar por parte da cidade que nos acolle. O programa do día incluíu acudir ás clases do lycée e contactar coa vida académica francesa.

Venres 27 . La pluie de la Normandie tombe sur Mont Saint-Michel (mont Tombe) à 17 heures; a marea está baixa. Mais nós non somos aqueles pelegríns aos que se acollía para quentar e dar de comer unha “sopa popular” noutros tempos; chegamos en autobús, vimos de Saint Malo, tiñanos ameazado a choiva diante dos baluartes da “cidade corsaria”. Pola mañá partimos de Vannes cara ao Norte. A media mañá chegamos a Dinan, coa súa ponte á beira do Marle, vimos as vellas casas da rue de l’Horloge, comprobamos a esbeltez das agullas da basílica de Saint-Sauveur e retratámonos detrás, no xardín inglés -antigo cemiterio- observando desde o alto o porto da vila, o viaducto do século XIX e as augas do río que viaxan cara ao Atlántico; despois comprobamos a pendente das rues de Jerzual e Petit-Fort, a través das que descendemos ao porto. Dinan ten un casco histórico medieval ben conservado, que deixamos para chegar a mediodía á desembocadura do Rance, a unha cidade bombardeada en 1944 e en grande parte reconstruída -a cidade fortificada de Saint-Malo-, exposta aos ventos e chea de eventos náuticos, patria pequena de Chateaubriand e punto de partida do explorador de Canadá Jacques Cartier. A choiva impediunos case saír do autobús para comer, mais respetou a nosa chegada ao Mont St-Michel, coa enorme agulla sobre a que se colga a imaxe do arcanxo inundando a visión do horizonte; as pingas de auga salgada baten contra as fortificacións da abadía, na que atopamos o refuxio austero da basílica, o claustro, o refectorio, as criptas e o resto de arquitecturas da Merveille. Finalmente regresamos de noite a Vannes, con máis experiencias na mente.

Fin de semana en familia. Liberdade para as experiencias individuais. Mais somos conscientes de que parte do alumnado ten visitado o mercado matinal na place des Lices. Se un chega á praza Gambetta, este día hai múltiples causas para atender: alguén pide doantes de sangue, alguén vende dispositivos para evitar o roubo das bicicletas, algunhas cornamusas óense ao fondo do porto, a vida flúe -tamén na place des Lices, onde hortalizas, flores e tecidos inundan de cor a mañá vannesiana; beaucoup de gens fan a compra semanal de produtos hortícolas aquí. Nós comemos en Auray, visitamos o seu porto e as súas vellas rúas, comprobamos con ollos gourmands os sabores das pastelerías… E máis tarde visitamos Pont-Aven, aquel belo village de muiñeiros que recibíu a visita de Paul Gauguin a partir de 1886, aquel endroit que acolleu aos pintores precedentes da actual musealización do pobo, repleto de galerías de arte coas máis modernas tendenzas. Moitos de nós visitaremos nunha clara mañá de domingo o  borde do golfo de Morbihan, o “pequeno mar” repleto de illas e sendeiros para aspirar o sabor dun aire atlántico filtrado entre estas pingas de terra espalladas pola desembocadura do Marle; a tarde, máis fría, levounos ao profesorado ata a praia de Port-Navalo, desde a que se percibe Belle-Île case plana ao fondo.

Luns 30. O autobús, nesta mañá fría de marzo, lévanos cara ao Oeste. Os grandes menhires de Kermario, en Carnac, refulxen nas fiadas de varios km de pedras fitas de grandes dimensións alineadas de leste a oeste que descobren o percorrido astronómico do astro sol en diversas épocas do ano; trátase dun auténtico calendario a seguir por unha sociedade neolítica tan dependente dos cambios de tempo para obter proveito das colleitas. Despois mercamos biscuits, liqueurs e souvenirs para as nosas familias españolas, antes de chegar a pasear á cidade vella de Quimper. Kemper -en bretón “confluencia”-, ao borde do Odet e do Steïr, é a antiga Aquilonia, ben resgardada entre unhas murallas case totalmente destruídas, da que poucas casas anteriores ao século XVIII permanecen -houbo un grande incendio daquela, e despois moitas esculturas da catedral de Saint-Corentin tamén foron queimadas en tempos da revolución francesa-, é unha cidade agradable de pasear, na que tivemos ocasión de atoparnos coa “Visión despois do sermón” de Gauguin e outras alegorías bretonas -como a de Jean Brunet, que data de 1908- que nos lembran a importancia dos megalitos, a relixión e as cofias do pays bigouden na recreación destas terras.  Grande tarde de sol, horas de crêpes e cidre, tarde de visita á catedral de Saint-Corentin, tan marcada pola desviación do eixo, evidente entre o coro e a nave.

O “tour” bretón levounos tamén a coñecer a sociedade de Vannes intra-muros. Entre as amizades francesas houbo, sobre todo, profesoras e ex-profesoras de espagnol que nos abriron as portas das súas casas para comprobar a esplendidez dos aperitivos, toujours abondants e regados con vin pétillant, o xeito de colocar as culleres e garfos -sempre voltos cara abaixo- e coitelos na table, a distribución equilibrada home-muller nas mesas, os pasteis e fromages sempre presentes ao final do rendez-vous, a exquisita hospitalidade de todas e todos os nosos anfitrións. Canto ás conversas, seguro que convén que queden na intimidade, aínda que teñamos tocado temas serios á beira doutros pour rigoler, desde a literatura á política, desde a economía á prensa e televisión.

Escribimos neste día 31 desde a salle d’informatique do lycée St François, estamos en clase, os nosos alumnos están hoxe en cours todo o día. Trátase do último día bretón, no que haberá unha homenaxe a Esther, a falecida profesora do IES Puga Ramón -co que cooperamos, viaxamos e participamos no échange- que habitualmente viña cos seus alumnos a St François.

Mañá ímonos a París.

golfo_morbihan vannes_grupo vannes_concello vannes_remparts vannes_lavadoiro1  dinan_grupo dinan_rue_jerzual1 dinan_porto mont_saint_michel vannes_mercado_flores   vannes_mercado_canonigos auray_ponte auray_porto pont_aven golfo_morbihan_profes port_navalo carnac_ies_neira_vilas1 carnac_ies_puga_ramon carnac_foto_grupo_conxunto quimper_odet     quimper_steir bretagne_alegoria homenaxe_esther1 vannes_cea_final1 vannes_profes_choferes_hotel 

P.D.: E fomos a París, camiñamos polos Campos Elíseos, navegamos sobre as augas do Sena entre lusco e fusco, coñecemos a cidade na súa esencia (Nôtre Dame, Invalides, Campo de Marte, Arco de Triunfo,…), subimos á Tour Eiffel, ascendemos a Montmartre e divertímonos en Eurodisney. Grazas pola vosa participación. Foi un entusiasmo contar cun grupo de alumnas e alumnos estupendo.

autobus_caminho_paris paris_tour_eiffel_grupo paris_bateau_mouche paris_invalides paris_tour_eiffel_grupo2    paris_centro_georges_pompidou paris_place_du_tertre paris_vista_campo_marte paris_vista_trocadero1 paris_defense    paris_tour_eiffel_iluminada paris_tour_eiffel_iluminada2 paris_tour_eiffel_monumento_paz paris_vidreiras_notre_dame paris_eurodisney 

5 thoughts on “Crónica bretona

  1. Felicidades! por este irrelevante blog cheo de pseudo-intelectualidades que revitalizan este declinante mundo académico pre-universitario.

  2. Por un lado agradecerche o tempo que tes adicado a esta crónica bretona, por outro animarte a que continues.
    Estou seguro que moitos de nos estamos desexando recibir novas dende o “pequeno mar” bretón.

  3. ese xosea!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! !!QUE SIGA ESA RACHA EMPRENDEDORA DENTRO Y FUERA DE LAS AULAS!!!!!!!!

  4. Como conductor do autobus que nos levou apercorrer esta fermosa aventura,o meu agradecemento,a miña admiracion e amiña amistade para sempre ¡Que Maravilla de rapaces!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s