Intercambio con Bretaña


    

Ímonos a Vannes, ao collège Nôtre Dame le Ménimur. Perfeccionaremos o francés e coñeceremos a cultura bretona, ademais de visitar París.

Vannes é unha vila de pouco máis de 50.000 habitantes, que foi fundada a finais do século I a.C. co nome de Darioritum, que posteriormente se reforzaría con murallas melloradas en época medieval. Ubicada no estuario do río Marle, a súa economía estivo no pasado moi vencellada a un próspero comercio marítimo. Centro administrativo do Morbihan, a vila acometeu en 1982 un plan de preservación do casco histórico, aprobado en 1990. Vannes conta cunha arquitectura en pedra e madeira característica, que podes visualizar neste diaporama. Na vila, ademais do percorrido xeral, deterémonos no Musée d’Archeologie du Morbihan, que ocupa un castelo do século XV, o Château Gaillard.

Visita a web da Oficina de Turismo de Vannes.

Bretaña ofrece unha longa e accidentada costa que é de enorme atractivo, unha cultura megalítica ancestral e unha serie de lendas que enlazan directamente coa tradición artúrica. E por iso será imprescindible visitar os alineamentos líticos de Carnac, que acadaron enorme desenvolvemento a finais do III milenio a.C. Menhires, dólmenes, allées couvertes e túmulos son abundantes en toda a rexión.

Libros e música bretona transportarannos á tranquila cidade de Quimper, antiga capital de Cornualles, na confluencia dos ríos Steir e Odet. Á beira da catedral de Saint-Corentin xurde unha vila que desde finais do século XVII produce faïance, unha delicada cerámica pintada a man.

Ao N. de Vannes, Dinan, encaramada nunha colina que domina o val do Rance, é unha pequena vila comercial de corazón medieval que se configurou como antigo porto desde o que se exportaba lona. Na desembocadura do río Rance atópase Saint-Malo, antiga illa fortificada que hoxe alberga estreitas rúas empedradas con elevados edificios do século XVIII; as fazañas dos mariñeiros de Saint-Malo déronlle fama a este lugar (o explorador Jacques Cartier, partindo de aquí, chegou a Terranova e descubriu Canadá en 1534) que durante o século XVII foi o maior porto de Francia, famoso polos seus corsarios.

Xa en Normandía, é imprescindible a visita a Mont-Saint-Michel, no que un pequeno oratorio do século VIII pasou a converterse nun importante mosteiro benedictino que tivo grande influencia nos séculos XII e XIII, e ao que fan pelerinaxe os miquelots, tal é o nome dos que de lonxe veñen a render culto a San Miguel.

Deleitémonos coa música celta de Bretaña, con Alan Stivell e Dan Ar Braz, en Bercy (París), en 1999, e ata en Eurovisión 1996 con L’Héritage des Celts:

   

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s