O sorriso de Leonardo


 golf-vinci  

Hai anos que se pode observar a Última Cea de Leonardo en alta definición, tras a súa restauración no refectorio de Santa Maria delle Grazie de Milán. E hai máis tempo aínda que ven sendo obxecto de reutilización por parte dos publicistas para reclamar atención sobre automóbiles ou roupas de moda; velaí as campañas de Volkswagen e Marithé e François Girbaud para amosalo.

Luis Racionero novela en O sorriso da Gioconda a vida de Leonardo da Vinci contada en primeira persoa. E, aínda que reproduce a teoría improbable -atribuible a Vasari- de que Andrea del Castagno causou a morte de Domenico Veneziano, estes parágrafos reproducen algunhas das conquistas da pintura florentina do século XV que ben adoptará o mestre toscano:

“O primeiro arcano do oficio que nos ensinou Verrocchio foi a pintura ao óleo, que entón se comezaba a practicar. Un pintor flamengo vendera uns cadros que chegaroan a Urbino e Nápoles, causando sensación: tiñan transparencias, degradados de cor imposibles de conseguir ao fresco ou sobre madeira con pigmentos mesturados en auga. Un siciliano, Antonello da Messina, foi a Bruxas para coñecer a técnica dese Van Eyck; ao voltar instalouse en Venecia e pasoulle os segredos a Domenico Veneziano, que os trouxo a Florencia. Andrea del Castagno, tan hábil simulador como bo pintor, sabía adoptar aires amables cando o desexaba, e logrou trabar unha grande amizade con el. Polas noites atopábanse para cantar serenatas ás rapazas. Así, Domenico Veneziano revelou todo o que sabía sobre a pintura ao óleo ao seu compañeiro; este, cando xa soubo todo o que desexaba, para non ter rival, asasinouno golpeándoo cunha barra de ferro. O crime quedou sen castigo e a traizón só se coñeceu porque a confesou ao final da súa vida, cando xa expiraba. Dise incluso que Andrea del Castagno pintaba ao morrer o seu autorretrato na figura de Xudas Iscariote, traidor coma el en alma e actos.

(…) Esforceime por suavizar a pintura ata convertela nunha arte espiritual: procurei expresar o estado de ánimo na faciana e na pose, pois o movemento do espírito traslócese no corpo; quixen insinuar no clarescuro esfumado a inseparable comunión da materia coa alma do mundo. Busquei a alma do home, criatura do aire, ese marabilloso camaleón, como o chamaba Pico. A melodía das facianas séntese co oído do espírito; para iso o esfumado é o xeito máis sutil e delicado, impregnado de misterio, como a sombra envolve a realidade. O corazón da beleza grega, o ideal anxélico dos cristiáns son asumidos, quizás non superados, mais sí complicados na estraneza do home que está a xurdir. Como traducir a idea da perspectiva aplicada á alma?

A perspectiva foi o segundo arcano da pintura nos meus anos de aprendizaxe. Así como o óleo era un segredo técnico, a aplicación da perspectiva requería coñecementos teóricos de xeometría. A perspectiva é a arte de figurar ben o oficio do ollo, isto é, o parecido dos obxectos tal como se presentan ante a vista; consiste en pintar por pirámides as formas e as cores dos obxectos contemplados. Son pirámides porque non hai obxecto que sea maior que a meniña do ollo onde rematan estas pirámides. Se tomas as liñas nos extremos de cada corpo e as prolongas ata un punto único, tomarán un sentido piramidal. A experiencia confirma que cada obxecto envía ao ollo a súa propia imaxe por liñas piramidais. Os corpos de igual tamaño darán un ángulo máis ou menos grande á súa pirámide segundo a distancia existente entre eles. O punto de fuga, indivisible pola súa pequenez, é o sitio onde converxen todos os vértices das pirámides.

Para representar na superficie plana do cadro os obxectos na forma e disposición coa que aparecen á vista, non como son xeometricamente, Piero della Francesca inventou un plano transparente colocado entre o obxecto e o espectador, e demostrou que ao trazar os raios dirixidos desde os ollos ata as extremidades visibles do obxecto obtense, en intersección co cadro, unha forma semellante da apariencia do obxecto. Bramante e máis eu entretivémonos en Milán en comprobar o método do xenial Piero, que me contara Luca Pacioli, discípulo seu: debuxar sobre un cristal e sobre unha gasa cun pincel impregnado de cor todos os contornos dos obxectos tal como aparecen á vista.”

Luis Racionero: O sorriso da Gioconda.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s