Ritmo botticeliano


    

No círculo humanista do que se rodeou Lorenzo de Médicis, a filosofía neoplatónica de Ficino e o amor pola resurrección da antigüidade de Poliziano acadaron unha plasmación pictórica na obra de Sandro Botticelli. En obras como a Primaveraverdadeiro tratado de mitoloxía– e o Nacemento de Venus [olla outro comentario] son evidentes as referencias á mitoloxía clásica, nun autor que, coñecendo a perspectiva e os artificios técnicos logrados polos pintores florentinos do século XV, centra o seu interese nunha linealidade sinuosa e unha suavidade melancólica que dá ás súas figuras unha graza peculiar, enlazando co ritmo do Gótico final.

“As tres Grazas que bailan na Primavera de Botticelli repiten a danza de Salomé no prado dun bosque; os finos velos xogan coas espidas nádegas redondas e coa cintura e as esbeltas pernas, acariñándoas como a brisa. Mais aquí, ao aire libre sobre unha alfombra de flores, todo é inocencia; a sombra da acción, a presión dun interior, onde as paixóns están pechadas no espazo, non pode tocar ás Grazas, e os velos que as abrazan, transparentes e cinguidos, son da mesma textura inmaculada que o sutil velo da Madonna. Os velos de gasa transparente, unhas veces caendo sobre a lene fazula dunha Virxe e outras facendo ondas sobre un sinuoso corpo espido, convertéronse a finais do quattrocento case nunha sinatura da escola florentina.”

Mary McCarthy: Pedras de Florencia.

“No proceso de rehabilitación da concepción da beleza como imitación da natureza que Platón tiña condeado, desempeña un papel decisivo o movemento neoplatónico promovido en Florencia por Marsilio Ficino. Este, cunha visión de tendencia mística do Todo ordeado en esferas armónicas e graduadas, proponse un triple obxectivo: difundir e actualizar a sabedoría antiga, coordinar os seus múltiples aspectos, aparentemente discordantes, nun sistema simbólico coerente e intelixible, e mostrar a armonía deste sistema co simbolismo cristián. A beleza adquire deste xeito un elevado valor simbólico, que se opón á concepción da beleza como proporción e armonía. Non é a beleza das partes, senón esa beleza suprasensible que se contempla na beleza sensible (aínda sendo superior a ela) a que constitúe a auténtica natureza da beleza. A beleza divina difúndese non só na criatura humana, senón tamén na natureza. De aí o carácter máxico que adopta a beleza natural tanto en filósofos como Pico della Mirandolla e Giordano Bruno como na pintura ferrarense.”

Umberto Eco: Historia da beleza.

“Era un estudoso dos clásicos, ávido lector de manuscritos gregos e latinos, un poeta que a Academia Platón comparaba con Petrarca e Dante, e fixera construir a primeira biblioteca pública de Europa, para a que tiña reunido dez mil manuscritos e libros, a meirande colección desde a época da famosa de Alexandría. Recoñecíaselle como o máis importante mecenas da literatura e artes plásticas, e posuía unha colección de esculturas, pinturas, debuxos e xemas talladas que puxera a disposición de todos os artistas para o seu estudo e fonte de inspiración. Para os estudosos reunidos en Florencia, que así se tiña convertido no corazón da sabedoría de Europa, Lorenzo de Médici dispuxera vilas na aba de Fusile, onde Pico della Mirandola, Angelo Poliziano, Marsilio Ficino e Cristoforo Landino traducían manuscritos gregos e hebraicos recén descubertos, escribían poesía, libros filosóficos e relixiosos e axudaban a crear o que Lorenzo chamaba “a revolución do humanismo”.

Irving Stone: A agonía e o éxtase.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s