Herdanzas urbanas


O plano urbano delata a herdanza viaria e socio-cultural do pasado no espazo. Moitas veces, o emprazamento dos principais núcleos urbanos obedeceu a factores defensivos, administrativos e comerciais, aos que se foron engadindo outros: industriais, culturais, turísticos,… que completan as funcións urbanas e deixan pegada na súa planimetría. Aos modelos irregulares (casco histórico de Toledo) hai que engadir outros ortogonais (Ensanche de Barcelona -le un artigo de Josep Suriol en Scripta Nova ao respecto da súa planificación-) ou radiocéntricos (casco histórico de Vitoria).

Toledo, por exemplo, é unha cidade de orixe prerromana que se asentou sobre un cerro á beira do Texo, ben dotado para a defensa e ben situado de cara ás comunicacións. Nela confluiron desde un principio as funcións administrativa e política (en tempos visigóticos, sendo cidade imperial con Carlos I e capital actual de comunidade autónoma), a relixiosa e a cultural (sobre todo despois da súa consideración como cidade patrimonio da humanidade a partir de 1986), que aparella tamén a función turística. No seu casco histórico, amurallado (a muralla posúe unha triple función: defensiva, fiscal -asegura o pago de impostos- e sanitaria -illa a cidade en caso de epidemias-), o trazado é comprimido, irregular -cun trazado de rúas estreitas e tortuosas, que en boa medida conservan a herdanza islámica -adarves, pequenas prazas, patios-; trama pechada e compacta -con edificación tradicional de baixa altura, na que se usa fundamentalmente pedra, ladrillo e enrellado-; usos do solo tradicionalmente residenciais, comerciais e artesanais; como boa parte dos cascos históricos ten unha serie de problemas baseados no deterioro dos edificios históricos e a saturación de equipamentos e comercios que esixiron a creación do Real Patronato da Cidade de Toledo en 1998, coa vontade de poñer en práctica políticas de rehabilitación. O crecemento urbano producido despois da súa conversión en capital provincial (1833) e a industrialización da cidade propiciou a expansión mediante un ensanche de escasa importancia -extramuros-, debido ao escaso desenvolvemento demográfico e económico da cidade. Na segunda metade do século XX, na fase de evolución da cidade post-industrial, Toledo aglutina toda unha serie de novas funcións e características no que antes era a periferia urbana: áreas residencias e barrios construidos espontáneamente, equipamentos e infraestruturas necesitadas de grandes espazos (praza de touros, universidade laboral, centros sanitarios) e áreas industriais, ademais do crecemento de urbanizacións periféricas a xeito de polígonos ou con vivendas unifamiliares que deixan a súa pegada na área xa rururbana.

A morfoloxía urbana de Toledo pódenos servir de exemplo para tentar comprender a evolución doutras cidades españolas, que a grandes trazos reproducen os diversos espazos herdados: casco histórico, ensanche, barrios contemporáneos, áreas industriais e de equipamentos, zona rururbana. Será bo que consultedes ao respecto o vocabulario de xeografía urbana xa publicado neste blogue con anterioridade.

Hoxe en día, os cascos históricos están sometidos a procesos de gentrificación e inmigración a un mesmo tempo, tal e como xa aclarou Alba Sargatal nun artigo de Scripta Nova, tomando como exemplo o barrio do Raval de Barcelona.

Entre nós, algunhas vilas como Betanzos conservan bastante marcada na súa planimetría a impronta do casco histórico -tal e como podemos apreciar neste documento elaborado por Juan Luis Dalda para o Proxecto Terra-. Tamén é importante a presenza da cidade histórica en Compostela, e a súa conservación dá lugar a diversas intervencións tamén analizadas polo profesor Dalda; neste senso, aclárase que “a política de recuperación urbana da cidade histórica de Compostela está dirixida a acadar un reequilibrio demográfico e a manter a diversidade social”.

Outras veces, debido a circunstancias meteorolóxicas adversas, non quedan centros históricos que protexer. Máis ben hai que refacelos, tal e como aconteceu en Santander en 1941, despois do devastador incendio de febreiro daquel ano. Observa o vídeo que o lembra -emitido por TVE o 15 de febreiro de 2009-, á beira doutros sobre problemáticas dos centros históricos, entre os que se inclúe un de muchoviaje.com visitando o Madrid dos Austrias e plantexando en certo xeito o problema da “musealización” deste espazo urbano:

   

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s