Masaccio


     tributo_masaccio  expulsion_paraiso_masaccio 

A renovación da narración relixiosa e da imaxe sagrada foron acometidas polo xove Masaccio no primeiro tercio do século XV. Colaborador do seu mestre Masolino da Panicale na capela Brancacci da Igrexa do Carmine de Florencia, abandona o estilo internacional para retomar o gusto polas figuras sólidas herdadas de Giotto e integralas en conxuntos espaciais convincentes, que despois serían teóricamente xustificados nos tratados De pictura e De statua de Alberti.

O estilo de  Masaccio apréciase ben nas súas intervencións na capela Brancacci, entre as que destacan O tributo da moeda -no que se testemuña a débeda con obras de Giotto como O prendemento de Cristo da capela Scrovegni- e a Expulsión do Paraíso, escenas nas que os volumes contundentes e o naturalismo dos personaxes se apartan definitivamente do goticismo. E tamén a demostración de que a pintura é concebida como unha fiestra que prolonga o espazo no que se sitúa o espectador, que se manifesta na continuidade de estruturas arquitectónicas clásicas herdadas do estudo do antigo que realizara Brunelleschi, se observa con claridade na Trinidade de Santa María Novella.

“No fresco procurouse, dentro dos límites da cultura arquitectónica do momento, desenvolver unha arquitectura clásica o máis próxima posible aos modelos antigos. Ata a composición cun arco sobre columnas, flanqueado por pilastras e un entaboamento establecen unha referencia figurativa dunha tipoloxía de carácter triunfal como é a dos arcos de triunfo. Neste sentido, pode dicirse que na Trinidade de Masaccio se produce un dos primeiros intentos renacentistas orientados a crear un sincretismo e unha concordatio entre cristianismo e cultura clásica.        E tamén unha asociación do clasicismo coa idea do triunfo sobre a morte e dunha idea de atemporalidade expresada polas arquitecturas clásicas en contraposición coa perdurabilidade e a morte. É a mesma idea que non moito despois se plasmará no templo malatestiano de Rímini, cando Alberti desenvolve unha tipoloxía e unha linguaxe clásica  inspiradas en tipoloxías triunfais orientadas a plasmar -neste caso nun panteón- a idea do triunfo sobre a morte. En certo xeito constitúe tamén unha postrimería, cunha referencia ao triunfo sobre a morte mediante a salvación que fai explícita a inscripción sobre o esquelete: Eu fun antes o que vós sodes; e o que son agora serédelo vós mañá (10. FV. GIA. QVEL CHE. VOI. SETE: E QUEL CHISON VOI. ANCOR. SARETE). Neste sentido existe un paralelismo ideolóxico co desenvolvemento ascendente da perspectiva que vai da morte á vida humana, á Gloria e ao divino.”
 
 
 
 
 
V. Nieto Alcaide: Masaccio.
 
* Bota unha ollada a este vídeo de Michelangelo Moggia sobre a Trinidade de Masaccio.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s