David, símbolo florentino


  

Dentro dos “filósofos cos pés descalzos” (como tilda Mary McCarthy a algúns artistas do Quattrocento), Donatello renovou a escultura, soubo imprimir un novo realismo individualizante ás imaxes relixiosas, recuperou o sentido da estatua clásica -de nobre e grave plástica- en mármore e bronce, e renovou o relevo. O David de bronce, o primeiro espido total nunha figura de bulto redondo de grandes dimensións do Renacemento, forma hoxe parte da colección do Museo del Bargello, moi perto de onde se atopa o grupo de Xudit e Holofernes (grupo que foi colocado en 1495 no mesmo lugar no que se situaría posteriormente o David de Miguel Anxo, como símbolo de protesta contra a tiranía dos Médicis, que fuxiron en 1494, cunha inscripción que reproduce Burckhardt: Exemplum salutis publicae cives posuere 1495). O David  ten sido restaurado entre 2006 e 2008, de cara ao público.

“Segundo conta a Biblia no libro de Samuel (1, 17),  Goliat era un xigante filisteo de tres metros de altura que desafiou aos atemorizados israelitas. Será o pastor David o que sairá ao seu encontro, vencerao cun tiro de pedra da súa honda e despois cunha espada cortaralle a cabeza, que levou a Xerusalén. Antes da pelexa, Saúl quere vestir a David cunha armadura, mais este rexéitaa por non estar entrenado a pelexar con casco e couraza. David non está, pois, espido senón cun normal atavío de pastor. Pero o relato bíblico sí nos di que é xove, loiro e de boa presenza. Donato di Niccolò, coñecido como Donatello (1386-1466), florentino, é o primeiro grande escultor do Renacemento e como tal será loubado xa por Vasari. Entre as súas obras -nas primeiras aínda se rastrexarían trazos góticos, na Magdalena penitente, por exemplo- destaca un xove David espido que soe datarse en torno a 1430. Di Vasari: No patio do pazo da Señoría atópase un bronce dun David espido de tamaño natural, tras ter cortado a cabeza de Goliat: levanta un pé pousándoo sobre ela e ten unha espada na man dereita. Esta figura é tan natural na súa vivacidade e suavidade, que aos artistas parécelles imposible que non se baleirase sobre o modelo vivo. Esta estatua estivo noutro tempo no patio da casa dos Médicis. Sabemos que Cosme foi grande admirador e protector de Donatello. Este tivo a feliz idea (retornando cautamente á Antigüidade) de espir aDavid, para amosar a beleza delicada dun corpo adolescente. Sigue a letra bíblica, mais tómase a licenza metafórica (que non usaron nin Verrocchio nin Antonio Pollaiolo na pintura) de espir ao rapaz, porque ese espido reflicte a saúde, a graza, o poder diviño co que Deus guiou ao seu elixido. Se os heroes e deuses antigos amosaban no espido o seu esplendor e a súa gloria, agora pode ocorrer o mesmo, baixo Cristo, se ademáis se nos dixo que o xove David era fermoso.”

Luis Antonio de Villena: Heroes, atletas, amantes.

* Consulta unha xa recomendada web sobre a análise iconográfica do tema de David.

* Consulta unha web sobre a análise iconográfica de figuras femininas da Biblia, atendendo especialmente a Xudit.

* Olla algunhas obras destacadas de Donatello.