Aproximación urbana


       densidades_urbanas_espanha_1998

Xa nos aleccionou Emrys Jones en “Metrópoles” sobre o longo camiño percorrido pola urbanización, desde a antiga revolución neolítica definida por Gordon Childe ata as urbes das grandes civilizacións hídricas nacidas á beira do Indo, do Tigris ou do Nilo; xa nos informou do crecemento urbano baixomedieval vencellado á expansión do comercio en cidades como Venecia e Florencia e nos advertiu que Pekín foi probablemente a primeira cidade en superar o millón de habitantes nos inicios do século XVIII; e despois veu a industrialización e a expansión urbana. O mundo desenvolvido europeo tomou a dianteira e cidades das latitudes medias avanzaron rápidamente cara ao seu status de metrópoles. A finais do século XX, o crecemento urbano expándese polos trópicos dun xeito acelerado, creando ese planeta de cidades miseria que Mike Davis relata con eficacia e Jonas Bendiksen exemplifica nas súas fotografías de slums. En efecto, por primeira vez na historia mundial, a poboación urbana superou en 2008 á poboación rural, mais o fenómeno prodúcese especialmente a costa do crecemento incontrolado das megacidades do Terceiro Mundo.

España é un país cunha poboación urbana superior ao 80%, mais na definición do espazo “urbano” podemos ter en conta diversos criterios: a) o tamaño (así, todos os núcleos con máis de 10.000 habitantes poden ser considerados urbanos) e a densidade de poboación; b) as actividades económicas exercidas pola poboación (no ámbito urbano priman as actividades secundarias e terciarias, aínda que fóra deste criterio poderían ser consideradas urbanas as “agrocidades” andaluzas, con predominio do traballo agrícola); c) certos criterios culturalistas -tendo en conta a presenza notoria de edificios emblemáticos e formas de organización específicas- e sociolóxicos -cada vez máis difuminados debido á expansión do fenómeno da cidade difusa e a presenza de modos de vida urbanos en todo o territorio-; d) criterios histórico-administrativos que privilexiarían a aqueles núcleos con “categoría”  ou “título” de cidades sobre outros que non os teñen; e) a idea de considerar as cidades como un sistema organizador do territorio, sobre o que exercen funcións directrices, entrando en contacto con outros sistemas urbanos que á súa vez se xustapoñen no territorio.

Tendo en conta este último criterio, adoptamos a reflexión que Juan Luis Dalda fai sobre o mapa de distribución de densidades de poboación na Península Ibérica en 1998:

“En particular, resulta ilustrativa a análise dos intervalos de densidade entre 200 e 800 hab/km2 referidos ás delimitacións municipais e comparados no ámbito da Península Ibérica. Da lectura do mapa son de salientar dous rasgos xerais: o forte contraste, coa excepción de Madrid, entre o interior e o litoral peninsular, e o carácter policéntrico, insular pero expansivo, dos principais sistemas urbanos. Identifícanse territorialmente os sistemas do Norte: a rexión Centro de Asturias, a sub-rexión de Santander-Torrelavega e o sistema urbano vasco. No arco mediterráneo, o sistema litoral catalán liderado pola rexión metropolitana de Barcelona e o sistema levantino valenciano-murciano. No Sur, os sistemas urbanos das cidades andaluzas: o oriental, o malagueño e o do Guadalquivir, con tendencia a enlazar co emerxente sistema do Algarve portugués. Na fachada occidental é de salientar a forte presenza dos sistemas litorais atlánticos portugueses, dos que o do Sur, con centro en Lisboa, é máis capitalino e concentrado -en analoxía co madrileño- e o do Norte, con centro en O Porto, é máis territorial, expansivo e difuso, abarcando nunha grande extensión: no sur até Aveiro, no interior até Amarante-Vila Real, no norte até Póvoa de Varzim e Braga.”  A estes sistemas habería que engadir o litoral galego, que enlaza co do Norte de Portugal.

Juan Luis Dalda: Identidade e ordenación do territorio. Proxecto Terra.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s