De Van Eyck a Van der Weyden


 Image 

No proceso de afirmación do individuo e reprodución fidedigna da realidade, Jan Van Eyck xoga un papel primordial, tal e como nos confirma Todorov en Eloxio do individuo. Desde a representación dun Adán mundano -un home de faciana e mans máis escuras que o resto do corpo, un modelo real sometido ao traballo de sol a sol- na táboa do Carneiro místico ata o detallismo das xoias, tecidos, libros, plantas e instrumentos musicais, ata a humanización integral dun mundo que o artista capta progresivamente a través dunha “mirada inmovilizada”, Van Eyck reivindica o seu papel primordial de pintor en cada cadro, pois parece ter sido o primeiro en asinar e datar os seus cadros de xeito sistemático. En 1433, cando pinta o Home do turbante vermello, que debemos considerar un autorretrato, estamos ante o primeiro no ámbito da pintura flamenca.

Debemos pararnos, inevitablemente, na interpretación do Compromiso dos Arnolfini, obra cumio que conmemora a alianza das familias Arnolfini e Cenami, ricos mercadores italianos instalados en Bruxas:

“Ao espectador dalle a impresión de estar a ver unha habitación na que se atopan os prometidos, e fronte a eles, no lugar do espectador, as testemuñas. (…) se Giovanni avanza, probablemente se golpeará a cabeza co candelabro, e os mobles están demasiado xuntos. Sen embargo, sentimos o impulso de mergullarnos nese espazo como se fose o noso. O grande efecto de profundidade non o producen xa as habitacións en fiada, como no caso da iluminación, senón o espello convexo, que é o único que nos amosa a outra metade da sala.

Van Eyck sabe do valor simbólico dos obxectos tanto como os seus contemporáneos. Non é casualidade que o espello, que polo demáis non deixa de evocar a vaidade, estea rodeado dun marco no que se incrustaron dez imaxes da Paixón de Cristo; que o rosario e a escoba, que simbolizan os deberes celestes e terreais, colguen na parede; e que Santa Margarita, patroa das nais, apareza na parte superior da cadeira, xunto á cama. Tamén está presente a suxestión por contigüidade realista: as laranxas ante a fiestra son froitas caras, que aluden ao luxo, igual que os ricos abrigos con ribetes de visón. Quíxose ver un símbolo de fidelidade no can,… así como atopar un sentido á única vela, acesa en pleno día, ás sandalias abandoadas á esquerda ou ao motivo da alfombra. Non obstante, o esencial da imaxe non son en absoluto estes detalles.

(…) Sentímonos tentados de dicir que se trata aquí dunha sacralización do profano, unha elevación dos actos cotiáns ao nivel do ritual relixioso. Pero en realidade a transformación sitúase non no mundo representado, senón no mundo da representación. Giovanni e Giovanna están inmovilizados como por arte de maxia, están fóra do tempo e do mundo. O seu xesto nada ten de instantánea. Están destinados a permanecer así ata o fin dos tempos. Tampouco o can se moverá nunca máis. O aire e a luz detivéronse. As superficies brilantes e mates, o pelo do can e as peles deixan de designar outra cousa que a sí mesmos e pasan a ser obxecto da nosa contemplación. O silencio dos Arnolfini acha a súa continuidade no silencio do pintor e apodérase á vez de nós. A forza desta imaxe procede non do seu contido simbólico nin da súa audacia histórica, senón do estado no que nos mergulla: de novo a percepción cede o seu lugar á contemplación.”

Tzvetan Todorov: Eloxio do individuo.

Advirte o pensador búlgaro que a pintura de Rogier Van der Weyden négase a someterse á idea de que o pintor representa o que ve; ao observar os cadros deste autor compróbase que, aínda que sabe representar de marabilla o menor detalle, non é ese o imperativo que guía a súa man, xa que Rogier simplifica as facianas, elimina os detalles “inútiles”, busca a esencia. Os seus retratos caracterízanse por unha sobriedade que leva á concentración, integrando ao individuo na súa contorna.

* Consulta a web do Museo do Prado coa información do Descendemento da cruz de Van der Weyden.

* Consulta os comentarios dalgunhas obras significativas de Van Eyck e Van der Weyden.

One thought on “De Van Eyck a Van der Weyden

  1. Pero en que quedamos? Debemos socializarnos ou non?
    Tanto individuo e tanto individualismo… para que lles servíu a estes flamengos?
    Fermosa e documentada entrada, como sempre.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s