Moi ricas Horas


 

As “Moi Ricas Horas do duque de Berry”, realizadas polos irmáns Limbourg, reflicten ben -na miniatura- as características propias da arte europea nos comezos do século XV: o refinamento e a elegancia propias do mundo da corte -con figuras estilizadas-, a tendencia cara ao decorativo -amosando o esplendor dos traxes e adornos- e a profunda preocupación naturalista.

“A necesidade de realizar as ilustracións axustándose ao desenvolvemento do calendario deulles ocasión para introducir un novo elemento: un espírito enciclopédico e universal, capaz de captar a xerarquía social e a estrutura cósmica do mundo. Cada unha das súas miniaturas presenta un microcosmos no que a vida terrestre, estratificada de acordo co sistema social vixente, se inscribe ao mesmo tempo dentro dunha orde cósmica perfectamente establecida, baixo a éxida das divinidades astrais e dos signos do Zodíaco. Os castelos feudais dominan a vida das xentes correntes, sen que a súa posición simbólica entre nunca en conflito co realismo da representación en tanto que todos e cada un deles son outros tantos castelos verdadeiros que posuía Jean de Berry.”

Jan Bialostocki:  A Arte do século XV. De Parler a Durero.

* Consulta as miniaturas das Moi Ricas Horas do duque de Berry (en francés).

 Obra mestra dos manuscritos iluminados, As Moi Ricas Horas do duque de Berry (que non se limitan ás magníficas miniaturas dos doce meses do ano), xustifican o seu nome pola profusión e a excepcional calidade das miniaturas, das letras floridas e dos -rinceaux- e a suntuosidade das formas e das cores, así como o refi­namento dos debuxos e o realismo das formas. Estas imaxes aportan numerosa información sobre a vida cotiá, as mentalidades e os valores do século XV. Ofrecen multitude de motivos baseados á vez nunha atenta observación da natureza e no gusto das magnificencias principescas.

Garanten a complementariedade entre a grandeza dos príncipes e o labor dos campesiños, entre os esplendores deste mundo e a orde cósmica. Casan as tradicións francesas e as influenzas estranxeiras do norte de Europa e de Italia. Para rematar, a metamorfose do libro en si mesmo e a diversidade dos talentos que colaboraron na súa realización contribúen á complexidade da historia da súa elabora­ción e á persistencia dos misterios que aínda envolven á obra e aos seus autores, malia as investigacións de eminentes especialistas.

Participando na conquista dunha imaxe real do mundo e da natureza, os irmáns Limbourg e os seus sucesores deixáronnos unha crónica da vida principesca e unha enciclopedia dunha Idade Media aca­bándose que ve o universo na súa estrutura cósmica e a súa xerarquía social.”

Jean Dufournet: As Moi Ricas Horas do Duque de Berry.

“Observemos a iluminación que probablemente acada a cima desta arte, unha das imaxes máis revolucionarias da historia da pintura europea, a que ilustra o mes de outubro nas Très riches Heures do duque de Berry. En primeiro plano, unha muller sementando, un home a cabalo que ara o campo, urracas que picotean o gran, o saco que o contén. Tras eles, o espantallo, o río coas barcas, os paseantes; ao fondo, o castelo. Cada un dos elementos desta imaxe amosa as características que o singularizan: unha cor, unha forma ou unha posición. A roupa e os acenos dos campesiños que se quentan diante do lume en Febreiro, que traballan en Marzo, que segan en Xuño, que recolleitan en Xullo e que cazan en Decembro non son os mesmos. O castelo que vemos de fondo en Outubro non se parece ao dos demáis meses, e con razón: represéntanse con total fidelidade castelos que existían realmente nesa época, e iso mesmo fan outras iluminacións, á marxe do calendario, que amosan o Mont-Saint-Michel ou o castelo de Mehun. As paisaxes, as árbores e os animais que vemos na imaxe de cada mes son os propios dese mes, e non poderían intercambiarse entre sí. Trátase de seres particulares, non de esencias encarnadas.

Aquí non podemos xa seguir dicindo que a imaxe se somete ao sentido. Estes detalles teñen sen dúbida un sentido global (ilustran o mes de outubro), pero o que acto seguido nos sorprende é certa arbitrariedade na elección do que se representa. Aínda que a orientación nos resulta de todo familiar na pintura dos séculos posteriores, neses intres racha coas tradicións anteriores. Por que hai esa cantidade concreta de urracas picoteando o gran, por que están precisamente nese lugar, por que o espantallo vai vestido dese xeito, onde vai o home da barca, de que falan os señores que pasean ante os muros do castelo? Non podemos contestar a estas preguntas como o faciamos ata agora, e iso é o que conta. Eses homes que pasean á outra beira do río están provistos dunha literalidade comparable á que atoparemos dous séculos despois nas paisaxes urbanas de Vermeer. Obsérvanse e represéntanse as paisaxes por sí mesmas, o que dá testemuña de que a orde do mundo non pode reducirse a outra orde e que merece ser coñecido tal como é. A terra e os homes adquiriron autonomía propia, como defendía Guillermo de Occam.”

Tzvetan Todorov: Eloxio do individuo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s