Naturalismo gótico


  

A ampla representación da Virxe María nas portadas góticas resalta o significativo papel que xoga o culto mariano desde o século XIII en adiante. Así o testemuñan representacións escultóricas como a da Virxe Branca [ver imaxe] do parteluz da catedral de León, e tamén o ciclo da Anunciación e Visitación  [ver imaxe] nas xambas da fachada occidental da catedral de Reims.

Este ciclo de Reims inspírase nos fragmentos bíblicos do Evanxeo segundo San Lucas (1:26 a 1:56). Nas catro figuras -realizadas en torno ao período 1230-1265- obsérvase cando menos a intervención de tres mestres, un deles no anxo Gabriel -alongado e en disposición de dirixirse á Virxe-, outro na representación da Virxe da Anunciación -asumida como estatua-bloque que exemplifica o “estilo amábel” da época clásica gótica, cunha figura en actitude sumisa- e un terceiro que intervén no grupo da Visitación -no que é palpábel a absorción das ensinanzas clásicas, pois os corpos gañan en naturalismo, volume e movemento, con facianas que delatan a diferente idade das protagonistas, María e a súa prima Isabel, e pregas abundantes que lembran a utilización da técnica dos panos mollados-.

As portadas góticas enchen os seus espazos de naturalismo, aínda presentando temáticas nas que Cristo e os evanxelistas son protagonistas. Aí están o Beau Dieu da fachada occidental de Amiens -e outras temáticas da mesma e outras fachadas– ou a portada do Sarmental de Burgos para testemuñalo. Mais tamén bispos como Mauricio ou a Virxe adquiren novo protagonismo. Estamos, en xeral, ante figuras máis esbeltas e voluminosas, lonxe daquel hieratismo románico que as envaraba de xeito artificial.

Se acudimos ao interior dos templos, a cartuxa de Champmol amósanos a obra sumamente naturalista de Claus Sluter, artífice dun realismo extremo na Borgoña, ben palpábel nas figuras do Pozo de Moisés [ver análise da figura de David].

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s