Un pórtico para a gloria


    portico_gloria

O 23 de febreiro de 1168, o rei Fernando II asigna ao Mestre Mateo unha xenerosa pensión vitalicia para acometer a última etapa da fábrica da basílica románica de Compostela. El sería o encargado de construir a fachada occidental, resolta cun nártex monumental flanqueado por torres xemelgas, ao estilo dos westwerk carolinxios. A estrutura consta de tres pisos: unha cripta, o nártex -onde se atopa o Pórtico da Gloria- e unha galería alta que comunica coa tribuna, cuberta con bóveda de crucería. A 1 de abril de 1188, un documento acredita que se puxeron os linteis do Pórtico; era un venres da cuarta semana de Coresma.

“A división tripartita, tanto alegórica como estrutural, do Pórtico evoca, para M. Stokstad, o simbolismo xeral da fachada de poñente coa cripta, o nártex e a tribuna. Nel distínguense tres ámbitos: unha parte inferior terrea, con homes e bestas; unha intermedia, con personaxes sagrados (profetas e apóstolos); e unha superior, coa Gloria de Deus rodeado dos evanxelistas, Anciáns do Apocalipse, anxos e benaventurados. (…)

Sobre o friso do parteluz cincelouse a Árbore de Xessé, alegoría da estirpe humana de Cristo segundo o versículo de Isaías (11,1). (…) Presidindo o parteluz, a figura de Santiago sedente, con báculo e unha cartela coa inscripción, hoxe borrada, “Deus envíame” (MISIT ME DOMINUS), sae á porta do santuario para dar a benvida aos seus devotos pelegríns. (…)

Sobre os capiteis dos fustes, tamén profusamente decorados, érguense as estatuas-columnas dos apóstolos, nas xambas da dereita; e dos profetas, nas situadas á esquerda. (…) A xuizo de Bango, profetas e apóstolos son os emisarios da Antiga e a Nova Lei enviados por Deus para difundir o seu mensaxe,… Ocupan un espazo intermedio, físico e simbólico, entre os fieis e a Xerusalén Celeste, en lóxica sintonía co seu carácter de intercesores ante a divinidade.

Mentres a iconografía tradicional insiste na natureza sagrada, maiestática e distante do Mesías, no tímpano ofrécese a súa imaxe como home amosando as chagas da súa paixón redentora. É o Cristo da Segunda Parusía, do retorno triunfal ao Final dos Tempos. En torno a El, os evanxelistas represéntanse de xeito novidoso como xoves efebos que redactan os seus libros a xeito de notarios da doutrina cristiá, mentres os seus respectivos signos xacen mansamente á súa beira (salvo Mateo, que escribe sobre un pupitre). (…)

A visión apocalíptica prosigue cos anxos que portan os instrumentos da paixón (lanza, esponxa, xarra de Pilatos, columna da flaxelación,…), algúns coas mans veladas en sinal de respeto cara ao sagrado, como prescriben certas normas litúrxicas. (…) O resto do espazo dispoñible énchese cos elexidos mencionados no Apocalipse. Xa sobre a primeira archivolta, vemos aos vintecatro Anciáns, sedentes e con instrumentos musicais e redomas, tal como os describe esa mesma fonte bíblica (Apocalipse, 4, 4;5, 9). (…)

Os anxos labrados nos riles do arco [da porta dereita] actúan no discurso iconográfico a xeito de bisagra entre os ingresos lateral e o central. Eles encárganse de levar desde ambos vans as almas dos benaventurados, en forma de nenos asexuados espidos, como corresponde ao seu nacemento a unha nova vida eterna. No seu tránsito á gloria, os elexidos da parte esquerda son coroados por un anxo, mentres que os xustos da dereita son transportados no colo ou conducidos da man cara ao Redentor. (…)

A porta esquerda cúbrese con carnosas “follas de col” entre as que asoman personaxes con cartelas. Os da archivolta externa interprétanse como unha alegoría da submisión das dez tribos de Israel á lei mosaica; nas dúas restantes recoñécense patriarcas, reis da Antiga Lei, Noé e Adán e Eva dispostos en torno á alma de Cristo en forma de efebo imberbe, coroado e en actitude de bendecir coa man dereita, mentres enarbola un libro na esquerda.”

Isabel Frontón e F. Javier Pérez: Catedrais románicas.

* Identifica cada un dos temas do Pórtico da Gloria.

Ao mestre Mateo atribúeselle tamén un coro de granito, sustituido en 1604 por outro de madeira, que enriquecía a beleza do templo e completaba o significado apocalíptico do Pórtico. A meirande parte das súas tallas foron despois reutilizadas na Porta Santa (que permite o acceso á xirola desde o exterior); outras empregáronse como simple material de construción e recheo.

En xuño de 2008 ten comezado un proceso de restauración do Pórtico que deberá concluir en 2010.

Canto ao estilo de Mateo, Azcárate defende o seu carácter protogótico, que leva á instauración dun naturalismo idealizado, inspirado na realidade visible. Xa se preguntaba Rosalía de Castro se esas figuras do Pórtico estarían vivas ou serían simplemente de pedra.

* Velaquí unha magnífica presentación de Ana Rey:

One thought on “Un pórtico para a gloria

  1. Pingback: A pintura románica… « O blog de Xosé Antón

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s