Simbolismo románico


  

A igrexa románica, casa de Deus na terra, debía reflectir a orde universal que emanaba da divinidade… a súa estrutura debía ir máis alá das necesidades puramente construtivas mediante a observancia de determinadas leis simbólicas.

            Simbólicamente, o espazo-camiño que separa a portada da cabeceira presenta tres ámbitos: o terreal, o de transición e o divino. O terreal correspóndese coa nave lonxitudinal e ven definido polo ritmo de arcuacións de medio punto que, a xeito de xigantescas ondas, van empuxando ao fiel cara á absida. Esta zona, común a todos os cristiáns, é propiamente o corpo da igrexa, da que cada cristián é un membro.

            A nave lonxitudinal queda interrumpida pola cúpula, levántase no espacio de transición: o cruceiro. Se os tramos cadrados da nave principal simbolizan a Terra e as formas circulares da ábsida son reflexo do divino, a cúpula do cruceiro, que, en tanto que elemento arquitectónico, participa das dúas formas xeométricas (estructura semiesférica apoiada sobre unha planta cadrada), une simbolicamente dous mundos nel, o terrestre e o divino…

            A concavidade da ábsida, como imaxe do espacio divino, é o núcleo de densificación de todas as liñas de forza da igrexa, tanto estructurais como simbólicas; é o límite do espacio camiño.”

 

Joan Sureda: Historia del Arte.

 

Toda a arte románica está impregnada dun forte contido simbólico e os elementos arquitectónicos non escapan a esta circunstancia.

            O templo terrestre, como morada da divinidade, é unha imaxe do templo celeste e simboliza o centro do mundo onde se producen a creación, a revelación e a salvación. En vertical o centro actúa como vínculo entre ceo e terra; en horizontal permite ós humanos tomar un punto de referencia para organizar o Universo e situarse nel. Á súa vez, dentro do templo hai un centro especialmente sagrado, arredor do cal se ordea o conxunto: o altar. Ordenación e orientación son os principios rectores do templo e neste sentido as igrexas románicas oriéntanse preferentemente de Leste a Oeste.

            A catedral ou igrexa é o símbolo máis perfecto da Igrexa como congregación dos fieis arredor de Cristo. No século IV  xeralízase a pranta de cruz latina que fai clara alusión á Crucifixión. Ó longo da Idade Media elabórase un rico simbolismo referido á igrexa como conxunto de fieis e como edificio:

            A igrexa como microcosmos

            O microcosmos é a réplica a escala do macrocosmos, isto é, da totalidade do universo. Por iso a igrexa románica inclúe a representación figurativa de todos os elementos que o integran, incluído o pecado e o demo.

            O templo como microcosmos ordena os seus elementos á imaxe humana: tomando como referencia a San Paulo, que define a Igrexa como Corpo Místico de Cristo, as partes do edificio reciben, por asociación, o nome das partes do corpo. Así, a ábsida denomínase cabeza ou testeiro; o transepto, brazos; as naves, corpo; o altar, corazón e o extremo oposto ó altar, pés.

            A igrexa como navío

            A Igrexa, denominada metafóricamente nave de San Pedro, asimílase a un barco que navega entre as persecucións e as adversidades. Así, a fachada é a proa e a ábsida e popa; Tertuliano (160-230) comparaba o lugar de culto cun barco (en latín navis). Por iso se denomina nave a cada un dos recintos internos do templo destinados ós fieis. A barca ou navío transporta ós crentes cara á vida futura, é dicir, cara á salvación.

            Esta idea da Igrexa como barco tamén procede da Arca de Noé, que se asocia co templo de Xerusalén. A arca, como a igrexa pola acción salvadora de Cristo, preserva da morte e da destrución.

            A igrexa como templo de Xerusalén

            O templo de Xerusalén prefigura a igrexa cristiá. Cristo, cabeza da Igrexa, é o templo novo, o santuario destruído e edificado en tres días: “Destruide este templo e en tres días levantareino. Replicaron os xudeus: Corenta e seis anos se empregaron en edificar este templo, ¿e ti vas levantalo en tres días? Pero el falaba do templo do seu corpo” (Xan, 2, 19-21).

            A igrexa como meta

            Algunhas igrexas, como a catedral de Santiago, son tamén meta dunha peregrinación. O camiño da peregrinación simboliza a vida entendida como viaxe penosa á fin da cal se obtén a salvación. A chegada ó templo é a anticipación do encontro con Deus.

            Os elementos arquitectónicos

            Cada elemento arquitectónico ten un significado simbólico, e así:

            Cripta: representa o mundo terrestre.

            Pilares: ó soster a bóveda, símbolo do ceo, son o soporte da bóveda celeste. Tamén simboliza o dogma, soporte d a fe.

            Pedra angular, sobre a que se edifica toda a construcción, simboliza o Evanxeo sobre o que se asenta a doutrina da Igrexa.

            Clave de arco ou de bóveda, coroa a construción e simboliza a finalización dunha empresa.

            Deambulatorio, coas súas capelas radiais, simboliza a coroa de espiñas.

            Os sillares ben escuadrados, as almas perfectas.

            O cemento, que une a fábrica, é a caridade.

            As torres, pola súa estrutura vertical, son o vínculo entre os humanos e Deus, entre o ceo e a terra.”

 

 

Mª Pilar Camino, Faustino Seijas, Eduardo Álvarez: Arte románica.

 

 

 

* Accede ao blog de IniciArte para ver os comentarios sobre a basílica prerrománica de Compostela e a continuación do mesmo, e a outro comentario da catedral de Santiago de Compostela.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s