Beatos


 

“A partir do 915 aproximadamente -e pola crenza do fin do mundo no ano mil- impúxose na igrexa occidental a lectura do Apocalipse nos períodos de Coresma, e dentro de tal práctica recúrrese e utilízase o “Comentario ao Apocalipse” que século e pico antes escribira San Beato de Liébana en tempos de Alfonso II o Casto… San Beato realizou os seus “Comentarios” na súa loita contra a herexía do adopcionismo e estructuráraos a base da compilación doutros comentarios que sobre o Apocalipse de San Xoan tiñan escrito, nos séculos V e VI, os padres africanos Primario e Ticonio e o hispano-visigodo Aspringo de Beja. A obra de Beato tería abarcado ata tres series de copias (nos anos 776, 784 e 786) e, por suposto, a nengunha delas se incorporara a ilustración. Pois ben, agora, dentro da primeira metade do século X, para maior énfase e expresividade do texto, un pintor, Maxio, pasou a ilustrar e plagar de escenas todos aqueles “Comentarios”: este sería o arranque dos libros miniados hispanos que, xenéricamente, se apelarán “Beatos” e nos que tantas veces se inspirarán no futuro os pintores e escultores románicos. (…)

Os homes que Maxio nos plasma tenden, en xeral, a presentar a mesma tipoloxía, repetindo similares modelos, probablemente para representar o concepto “home” sen particularismo algún: a humanidade ante os eventos apocalípticos. Os animais cobran un sentido simbólico, tanto benéfico como maléfico, sendo algúns reais e outros fantásticos compostos a base de elementos aunados de distintas especies; todos eles, aínda os de función puramente decorativa, poden causar un certo efecto onírico que, ademáis, ao representarse combinando os seus contornos de fronte e de perfil e xustapoñendo distintos puntos de vista, confírenlles unha “grande modernidade estética, atopándose nela elementos que cre inventar o Cubismo, a pintura Metafísica ou o Surrealismo”. Finalmente, a natureza en que se moven tales figuras humanas e animais é sumamente sintética e o trazado caligráfico: un mini-decorado de cartón pedra no que, simplemente e por esixencia do texto, se dá un toque ao espectador para a situación da acción e do marco onde se realiza.”

Fernando Olaguer-Feliú: Arte medieval español ata o ano 1000.

* Consulta algúns episodios significativos dos beatos: Xoan prostrándose aos pés do anxo, a mensaxe á igrexa de Esmirna, o Carneiro e os catro seres vivintes, Quinta visión: o festín de Baltasar, Apertura dos catro selos, Prólogo: na Sinagoga: a muller sobre a besta, a Arca de Noé, Visión dos catro Xinetes, Xuizo Final.

“Aínda hoxe son moitas as persoas que, vítimas da imaxe convencional das “idades escuras”, se imaxinan a Idade Media como unha época “escura” incluso desde o punto de vista da cor. Nesta época, a noite vívese en ambientes pouco luminosos: en cabanas alumeadas ao sumo polo lume do fogar, nas estancias amplísimas de castelos iluminados por fachos ou na cela dun monxe á feble lus dun candil, e escuras (ademáis de inseguras) eran as rúas dos pobos e das cidades. Non obstante, esta é unha característica propia tamén do Renacemento, do Barroco e -máis tarde aínda- do período que se prolonga cando menos ata o descubrimento da electricidade. En cambio, ao home medieval véselle -ou, cando menos, represéntaselle na poesía e na pintura- nun ambiente moi luminoso. O que chama a atención das miniaturas medievais é que, tendo sido realizadas tal vez en ambientes escuros apenas iluminados por unha única fiestra, están cheas de luz, incluso dunha luminosidade especial, producida pola proximidade de cores puras: vermello, azul, ouro, prata, branco e verde, sen matices nen clarescuros. A Idade Media xoga con cores elementais, con zonas cromáticas definidas e inimigas do matiz, coa aproximación de tintes que xeneran luz pola concordancia de conxunto, en vez de ser caracterizados por unha luz que os envolva en clarescuros ou faga destilar a cor máis alá dos límites da figura.”

Umberto Eco: Historia da beleza.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s